Parece ser que mañá teremos o borrador do novo decreto do galego. A cousa non pinta ben, tal e como adiantaba hoxe a El País. A lingua de aprendizaxe na educación infantil dependerá dunha votación das nais e pais...que importan os criteiros pedagóxicos! Imporase un modelo trilingüe galego, español e inglés...que importa a falla de formación do profesorado ou a desventaxa da noso idioma!
Estamos diante da maior agresión institucional á nosa lingua en toda a historia da nosa precaria autonomía. Non podemos ficar quedos. Cómpre encher as rúas, combater cada retroceso e sobre todo, facer moita, moita pedagoxía social. Polo de agora, a plataforma Queremos Galego! convoca unha concentración para mañá ás 17.00 horas na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, pero cómpre seguir loitando con firmeza. Para ir comezando con este labor pedagóxico do que falaba, déixovos un artigo publicado en Brétemas, o blog de Manuel Bragado, no que aborda esta cuestión con moita claridade sentidiño.Semella que mañán se cumprirán os nosos peores agoiros. O solimán do novo decreto de uso do galego virá no modelo lingúístico escollido para a Educación Infantil, onde se os criterios pedagóxicos non o remedian, será unha votación entre os pais a que determine a lingua vehicular da aula e na que se realizará de forma preferente a aprendizaxe da lectoescritura. De nada servirá o criterio sobre esta cuestión fulcral que manteñamos os profesionais, a quen se nos rouba tan importante decisión pedagóxica, na que interveñen moitos e importantes factores, tanto de contexto sociolingüístico como de carácter estritamente didáctico. Nesta vital decisión sobre o modelo lingüístico da Educación Infantil (onde a escolarización en galego veu gañando terreo nos últimos anos) residirá o cerne deste novo decreto que, polas especulacións da prensa de hoxe, nas etapas obrigatorias reducirá (non sabemos canto, se a un terzo ou a un corenta por cento) a presenza do galego como lingua vehicular.
A cuestión da galeguización da Educación Infantil non é menor. No decreto Fraga do 95, establecíase que na Educación infantil e no Primeiro Ciclo de Primaria empregaríase «a lingua materna predominante entre o alumnado», deixando esta decisión en mans do profesorado de aula (que a recollía na súa programación de aula) e do claustro e do consello escolar (que a recollían no Proxecto Curricular de Etapa e no Proxecto Educativo de Centro). No decreto de 2007, tras a aprobación consensuada do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, introducíanse un importante matiz á redacción do texto do 95, xa que no caso de entorno castelanfalantes «o uso do galego será como mínimo igual a do castelán», correspondendo ao profesorado de aula e de etapa artellar esta presenza do galego na actividade educativa cotián, compromiso que debía ser recollido, entre outros documentos técnicos, no Proxecto Lingüístico de Centro.
Neste contexto conflitivo, é doado agoirar como na elección aula por aula van actuar os potentes prexuízos lingüísticos existentes en Galicia sobre o uso e o valor das linguas cooficiais, un contexto no que o galego sempre sae moi prexudicado. Non é difícil agoirar que empregando este sistema de elección por parte das familias (de moi dubidosa constitucionalidade, na medida que pode conculcar dereitos individuais), asistiremos despois de tres décadas á liquidación do uso do galego nalgunhas aulas de infantil. Se finalmente se concreta esta elección de lingua vehicular na E.I. por votación entre as familias, un modelo do que non coñecemos precedentes, o veleno da confrontación lingüística espallarase por todos os centros educativos, o que constitúe unha incrible irresponsabilidade educativa e política.
Sabiamos que a Feijóo non lle ía ser doado contentar aos sectores galegófobos, que retoricamente continúan reclamando medidas que quedan claramente fóra da actual orde constitucional. No obstante, a última oferta destes sectores propoñendo a elección por parte das familias das «materiais troncais» (un termo inexistente nos actuais documentos curriculares) constituía un indicio de que algo se estaba cocendo en San Caetano coa intención de darlle unha saída política a estes sectores amigos e rematar así con «la imposición del gallego» (un «compromiso» do seu programa electoral). Haberá que agardar a coñecer a redacción do borrador na que, sen dúbida, aparecerán algunha sutilezas valiosas, acenos galeguistas cos que se pretenderá acadar a aceptación do documento por parte da CCG e da RAG como a conformidade dalgúns sectores do propio PPdeG. No entanto, polo publicado até agora, o panorama non pode ser máis desacougante: o uso do galego retrocederá nas etapas educativas obrigatorias e pode quedar seriamente eivado por votación das familias na Educación Infantil. Este é o consenso que nos van propoñer mañán Feijóo, Vázquez e Lorenzo?
Remítome ao expresado na anotación de hai dous días, non é este o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo, a situación de emerxencia reclama defender coa maior intelixencia os nosos argumentos para impedir que, tras tres décadas de pulo, o galego na escola retroceda. Falemos galego!
El experimento sobre la paradoja del cumpleaños, una forma divertida de
entender el famoso problema de probabilidad
-
[image: El experimento sobre la paradoja del cumpleaños, una forma
divertida de entender el famoso problema de probabilidad]
Este es uno de los problemas...
Há 8 horas
1 comentarios:
A verdade é que, aínda que estaba cantando e todo iso, eu non o acabo de crer. O ataque á lingua do Goberno da Xunta é claro, de se facer real o borrador do decreto do galego no ensino. Realmente, temos que mobilizarnos e protestar na defensa da nosa lingua, agora máis que nunca na historia do noso país.
Dicían algúns que voltaran os séculos escuros. Agardemos que non.
Apertas Duarte, dende Barcelona
Postar um comentário