Vascos, nacionalistas e neofatxes

Penso que ningún cidadán do Estado Español é alleo ao proceso de paz que se está a vivir en Euskal Herria. Estamos a ver como os dous principais partidos políticos españois se enfrontan un contra outro baixo a mirada expectante dos nacionalistas galegos, cataláns e mesmo vascos. Por un lado, Catalunya e Galiza tomaron unha actitude moi distante a respecto do proceso. CiU e ERC non definiron moi claramente as súas posturas e o BNG adicouse a defender ao goberno de España en troques de avogar por un proceso de diálgo diferente da loita policial ou da "negociaón" unilateral. Por outra banda, na propia Euskal Herria, o PNV está a tomar unha posición máis ambigua que os sitúan coma ponte de enlace entre o goberno español e o Movemento de Liberación Nacional Vasco. Dentro da esquerda abertzale, Batasuna está a xogar un papel que considero moi interesante neste proceso. Foi a única organización que se deu conta de que nun proceso de paz, todos debemos de ceder algo, e que se non hai vontade de diálogo non se conseguirá nada. De feito, aí están as declaracións de Otegi solicitándolle a ETA que mantivese os compromisos acadados na tregua, a proposta de crear unha comunidade autónoma que unifique Euskadi e Nafarroa, ou a entrevista en La Vanguardia na que di que o Estado Español non lle ten que pagar ningún prezo político a ETA. Ben é certo que as municipais están a un paso e que Batasuna ten moito interese en presentarse, e que estas declaracións poden ir motivadas para acadar a súa legalización. Independentemente disto, penso que tódolos partidos deben de seguir o exemplo desta organización, que si todos aprenderamos a ceder, a paz sería unha realidade e non unha ilusión.

Por outra banda, alégrome da solución do problema De Juana. Aínda que a solución ideal sería que o Supremo anulase completamente a condena da Audiencia Nacional, a reducción da condena a 3 anos e a posibilidade de que Iñaki volte á súa casa non só é un acto de xustiza, senón que debería permitir avanzar no proceso de paz. Lamentabelmente, aínda quedan organizacións tan rastreiras que tan só respectan as decisións dos xuíces cando lles beneficia e que ven o estado de dereito unicamente coma unha ferramenta para acadar os seus intereses políticos. Falo da Asociación de Víctimas do Terrorismo, do Foro de Ermua e sobre todo da organización matriz: o Partido Popular. Pero o que me parece máis triste, é que determinados medios de comunicación se encargan de facer de voceiros e de contaminar á sociedade coa súa propaganda neofatxe*.

En fin, mentres a sociedade non lle plante cara a esta nova extrema dereita reconvertida en demócrata, nada cambiará.



* Atentos á canción de Lluís Llach que porei na radio nos vindeiros días: Neofatxes Globales




Ler máis...

Unhas notas sobre Boloña

Desta volta, non serie eu quen escriba esta entrada, senón que o fará o meu colega de clase, compañeiro nos CAF e amigo de festas e xantares, Santi (na foto). É un artigo que fixo para a Asemblea de Estudantes de Ciencias da Comunicación sobre o proxecto de Boloña. Pareceume interesante, así que, có seu permiso, decidín colgalo aquí. Espero que vos guste.


1-Introdución

O Plano de Boloña. Que é? En que consiste? Que trae consigo? Estas son algunhas das moitas preguntas que os estudantes podemos formularnos sobre este tema, do que tanto se fala pero sobre o que parece haber moi pouco coñecemento. Somos os estudantes os máis afectados por Boloña, pero somos os que menos sabemos dela. Semella que ás Universidades non lles interesa que o estudantado coñeza o que supón esta reforma.

O Proceso de Boloña inscríbese dentro do proxecto de converxencia neoliberal europea. Nun principio consistiría na homologación do sistema de créditos dunha gran maioría dos países do continente. Porén, en realidade é un duro ataque contra o ensino público e un intento de acoutar o acceso á universidade restrinxíndoo ás elites sociais e económicas. O capitalismo europeo quere aplicar as medidas neoliberais máis duras para poder entrar de cheo na educación superior e convertela nun novo mercado onde lucrarse. Detrás deste Plano está, como non podía ser doutro xeito, a Organización Mundial do Comercio (OMC), disposta a facer negocio con calquera cousa.

2- Historia

O Plano comezou a se xestar coa declaración da Sorbona (París) en 1998 e continuou a súa andaina coas de Boloña (1999), Praga (2001) e Berlín (2003). A pesar das boas intencións e palabras bonitas destes catro documentos están case baleiras de contido real. En ningunha delas aparece reflectida a nova organización das universidades nin a permanencia da universidade pública.

O resultado do Proceso de Boloña será a creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deseñado por políticos profesionais e empresarios da educación. No Estado Español xa vivimos a primeira parte do proceso de adaptación ó novo marco: foi a Lei Orgánica de Universidades, a LOU (a nova lei do PSOE é un calco), a oposición a cal foi amosada no seu día polas multitudinarias mobilización contra ela, sobre todo en Compostela

Agora toca continuar co proceso, mais nin sequera no propio Ministerio de Educación saben como seguir adiante. A súa confusión chega até o punto de redactar borradores de borradores. A día de hoxe aínda non sabemos a que titulacións poderán acceder os estudantes que entren cando se aplique Boloña.

3- Os cambios de Boloña

Entre os cambios máis visíbeis que vai traer o Proceso de Boloña está reforma da estrutura das carreiras. A Unión Europea, no canto de preferir o sistema de carreiras de cinco anos cunha forte especialización que é o sistema maioritario no continente, optou polo sistema inglés de graos e posgraos. O grao consistiría nunha formación básica e xeral (coa que xa se podería acceder ó mercado laboral) e o posgrao na especialización.

Mais as cousas non son como nolas queren presentar! Para poder optar a un traballo minimamente decente (se o atopas) necesitarás ter o posgrao, e non todo mundo poderá pagalos. Incluso os das universidades pública terán prezos demasiado altos para moita xente. Os posgrao son os equivalentes ós “masters” actuais, pero con Boloña serán (na práctica) obrigatorios.

Se estabas pensando nunha beca, esquécete dela. As bolsas de axuda de toda a vida serán substituídas por créditos que terás que devolver cando atopes traballo. Deste xeito o papel dos bancos (o BSCH en Compostela, por exemplo) aumenta converténdonos ós estudantes en escravos dos bancos só con 18 anos (e non nos soltarán así como así).

Co Plano de Boloña, o número de carreiras diminúe, pero non desaparecen realmente as titulacións, estas pasarán a ser posgraos de pago. Terá especialización a quen o peto llo permita (e non serán tantos).

As formas de dar as clases tamén van cambiar. En primeiro lugar os grupos de alumnos terán que ser reducidos, polo tanto haberá que facer reformas en moitas facultades para crear aulas novas ou dividir hai que xa hai. Esta cantidade de obras... poderá pagalas unha Universidade endebedada até os topes? O Ministerio de Educación xa advertiu que non destinará orzamentos para a aplicación de Boloña, polo que a solución será reducir os números clausus, elitizando aínda máis o ensino superior. Por outra banda, o sistema de créditos tamén varía. Actualmente un crédito equivale a dez horas, mais co Plano de Boloña un crédito pasará a equivaler vinte e cinco horas! Estas abranguen as horas de clases teóricas, as prácticas, o traballo persoal do alumno, as horas de titorías do profesor e as horas de exame.

As prácticas son un dos pratos fortes de Boloña, xa que a metade dos créditos de prácticas terán que facerse en empresas privadas. É dicir, converterémonos en man de obras barata en precario e , por suposto, sen cobrar nada. Este horario é incompatíbel co dun traballador, polo que T

todos aqueles que teñen que traballar para poder pagar os estudos será incapaces de facelo con esta reforma por falla de tempo.

Entre os cambios que máis directamente afectan a Galiza está o da mobilidade. Co Plano de Boloña preténdese fomentar que os estudantes realicen parte da súa formación noutro país, para o que se precisará reducir o número de idiomas no que se imparten aulas para facilitar a comunicación. Isto suporá unha (maior) marxinación de moitas linguas, entre elas o galego. A pesar de ser a lingua maioritaria na Galiza, verá retroceder a súa andaina cara a normalización no ensino superior. Asemade, ó ter que estudar en toda Europa (supostamente) o mesmo, non haberá sitio para contido relacionados co noso país e as súas necesidades,

4- Conclusión

O Plano de Boloña é todo isto e moito máis: privatización, elitización, desespecialización, precarización e a perda de identidade nacional. Para loitar contra Boloña e poder informar ós estudantes sobre o que se nos vén enriba, naceron as Asembleas de Estudantes, que nos coordinamos a través da Coordinadora de Asembleas de Compostela. Porque aínda que Boloña afecte a aqueles que virán despois nosa, paralo depende de nós.



Ler máis...

Gotthard

A entrada de hoxe, adícolla a un grupo de hard rock. Chámanse Gotthard e veñen de Suíza.


HISTORIA
Gotthard comezaron a súa andaina musical a principios dos noventa grazas ao traballo de Steve Lee (vogalista) e Leo Leoni (guitarra). Poderiamos dicir que esta banda está moi influenciada polos grandes do rock dos anos 70 e 80: AC/DC, Deep Purple, Whitesnake, Led Zeppelin, Aerosmith...Concretamente, Steve Lee pretendeu imitar a David Coverdale, o lendario vogalista de Whitesnake.

O seu debut discográfico data de 1992, coa publicación de Gotthard, o seu album homónimo. Dende entón, os suízos gravaron 6 discos máis de estudo, dous directos e dous recopilatorios (un deles só de baladas, coma as Gold Balads dos Scorpions). Os seus éxitos convértenos na banda de rock suíza de referencia a nivel nacional e internacional. De feito, dos dous millóns de discos que Gotthard levan vendidos, un millón fixérono en Suíza (lembrar que este pequeno páis tan só ten 7 millóns de habitantes, é dicir que un de cada sete suízos mercaron algún album de Gotthard)

DISCOGRAFÍA

Albumes de estudo
  • Gotthard (1992)
  • Dial Hard (1994)
  • G. (1996)
  • Open (1999(
  • Homerum (2001)
  • Human Zoo (2003)
  • Lipservice (2005)

Directos

  • The Hamburg Tapes (1996)
  • D Frosted (1997)
  • Made in Switzerland (2006)
Recopilatorios

  • One Life One Soul (Best Of Ballads) (2002)
  • One Team One Spirit (Best of Album) (2004)

FORMACIÓN

Actualmente Gotthard presenta a seguinte formación:
  • Steve Lee, cantante
  • Leo Leoni , guitarra
  • Freddy Scherer, guitarra
  • Marc Lynn, baixo
  • Hena Habegger , batería

OPINIÓN PERSOAL

Para min Gotthard son unha das mellores bandas de Hard Rock do momento. Contan cuns grandes músicos, entre os que destaco a potentísima voz de Steve Lee, que aínda en directo é quen de arrincar uns tonos agudos xeniais. Recoméndovos a todos vos que escoitedes o último album en vivo, o Made in Switzerland, xa que é unha recompilación dos grandes éxitos da banda e que reflicte á perfección como ten que ser unha banda de directo.

Para ir abrindo boca déixovos One Life one Soul e a versión da canción de Deep Purple, Hush. Desgraciadamente, aquí en Santiago non teño o disco enteiro, así que teredes que agardar a que chegue a casa para que colgue máis cancións.
Ler máis...

Business is Busines

Aínda que por mor dos exames estou un pouco desconectado do resto da sociedade, intento botarlle tódolos días unha ollada rápida á prensa dixital. A noticia que hoxe máis me chamou a atención atopeina en ElPais.com:

Una auditoría revela un fraude de 10.000 millones de dólares de fondos estadounidenses destinados a Irak

Halliburton, empresa anteriormente dirigida por el vicepresidente, Dick Cheney, es responsable de algo más del 25% de los mismos



Non entendo como a xente elixe montar zapatarías, panadarías ou bares para facer cartos. Se tan só con ler o xornal vemos que o gran negocio está nas guerras. Mirade para os propietarios das fábricas de armas, ou para os que se encargan de reconstruír Irak, ou mirade para a ex-empresa de Dick Cheney. O diñeiro está nas guerras. Pode que sexa moralmente reprochábel, pero amigos...

Business is Business

Ler máis...

Icewind

Dende que Revolta Rockeira sufriu un proceso de reestruturación, tódalas dentradas estiveron adicadas a asuntos políticos. Pero non creades que esquencín que a idea deste blogue é tratar tamén temas musicais, así que hoxe falareivos dun grupo de metal compostelá: Icewind

Icewind naceron aló polo ano 2003 como grupo de versións. Tras ter estabilizado a súa formación lánzanse a editar o seu primeiro e único disco: Tiempos de Gracia, totalmente autoproducido. Na súa corta carreira, Icewind percorreron de punta a punta a nación galega, obtendo un gran éxito entre a crítica e o público. Á súa vez, tiveron a honra de tocar con grupos como Sphinx, El Último ke Zierre ou os lendarios Rata Blanca. Malia todo, en novembro do 2006 comunicaron a través da súa web a mala nova da súa separación. Os motivos podédelos ler na nota de despedida publicada na súa páxina oficial.

Afortunadamente, Icewind darán un concerto de despedida o vindeiro 1 de marzo na residencia universitaria Monte da Condesa (Compostela). Comezará ás 22:00 horas e a entrada será de balde. Recoméndovos que vaiades, xa que será a derradeira oportunidade de ver a unha gran banda de metal.




Para todos aqueles que nunca os escoitastedes, póñovos no podcast a miña canción favorita: Tiempos de Gracia Ler máis...

Nacionalistas si...pero pouquiño

Para unha persoa que, coma min, case non ve a televisión, YouTube estase a converter nun medio indispensábel para enterarse de todas estas cousiñas curiosas que pasan pola caixa tonta. Deste xeito, cando me din aquilo de: ¿viches os outro día na tele tal anuncio, ou tal entrevista?, rapidamente tecleo www.youtube.com e procuro o anaco do programa que me interese. O outro día pasou algo semellante, alguén me comentou que en CQC saira Anxo Quintana facendo unhas declaracións un tanto curiosas e que estaba dispoñíbel en YouTube. A verdade, e que era consciente da pouca formación política deste individuo, pero isto superou tódalas miñas expectativas. Para compartir con vosco as súas declaracións, póñovos a continuación o vídeo. A súa gloriosa intervención comeza aos 3 minutos e 48 segundos de reportaxe e o momento de éxtase chega 10 segundos despois, para que vexades o pouco que tarda este home en cagala.





"Aquí en España". Pode parecer un simple lápsus, pero eu véxoo como algo máis grave. Debemos ter en conta que o nacionalismo galego sempre levou o capirote de ir detrás dos movementos de liberación nacional vascos ou cataláns, non de ser algo propio, diferenciado e serio. De feito, no debate do Estatuto non houbo ningún intento de facer algo novo, adaptado ás circunstancias político-sociais da nosa terra, senón que se pretendeu emular o Estatut de Catalunya. E se o máximo dirixente da principal formación nacionalista di cousas como "Aquí en España"...que imaxe esta a dar do movemento que representa? Pois a dunha xentiña que xoga a ser nacionalista, pero que non é nada serio, que non pasa nada por dicir Aqui en España e que non teñen nada que ver con individuos como Carod Rovira ou Juan José Ibarretxe (que non cometen ese tipo de erros). Por outra banda, chamoume moito a atención que o arxentino ao que entrevista Gonzo intenta falar en galego, pero tódolos políticos cós que se topa rapidamente cambian ao castelán. Isto podía ser de esperar por parte dos partidos españois, pero que os nacionalistas tamén o fagan, indica o nivel que aquí temos.


Nacionalistas si...pero pouquiño



Ler máis...

Malos tempos para a liberdade de expresión

Nos anos 80, un dos principais dirixentes da banda armada Euskadi ta Aksatasuna (ETA) era Iñaki de Juana Chaos. Pola súa implicación no atentado do Hipercor de Barcelona de 1987, foi apresado e condeado a 18 anos de cárcere. É habitual que os reos do Estado Español poidan beneficiarse de reduccións de condea por bo comportamento, ou por realizar labores dentro do cárcere, pero os implicados en delitos de terrorismo perden este dereito. Polo tanto, Iñaki de Juana cumpliu integramente a súa condena. Parece lóxico, que despois disto saíse ceibe. Pero só o parece. A Audiencia Nacional acusou a de Juana de ameazas terroristas a raíz de dous artigos publicados no diario vasco Gara: "Gallizo" e "El Escudo". O resultado: outra condea, esta vez de doce anos. Dende entón, Iñaki leva xa dúas folgas de fame en protesta por esta imputación, alegando que tan só exerceu o dereito democrático a expresarse libremente.

O caso de De Juana é un máis de como se emprega o estado de dereito en beneficio do poder. A igualdade ante a lei é un dereito interesado, non real. Nesta sociedade, existen unha serie de pensamentos tabúes contra os que se pode loitar con tódolos medios posíbeis. O nacionalismo é un deles, especialmente se é de esquerdas. Neste senso, gustaríame destacar o linchamento que sufriu o futbolista do FC Barcelona, Oleguer Presas. Hai tan só uns días, publicou un artigo falando do mesmo que eu hoxe no "Setmanari de Comunicació Directa" e no periódico vasco, Berria. Ao pouco, Kelme retiroulle o patrocinio, o propio Barça sinalou a súa disconformidade con que os seus xogadores falasen de política, e os medios españois máis consevadores abalanzáronse sobre el coma voitres sobre un anaco de carne morta

Malos tempos para a liberdade de expresión


Xan Guindán


Traducción ao galego do artigo de Oleguer Presas

«A BOA FE


De Juana Chaos leva 20 anos no cárcere. Debido ás vantaxes legais vixentes impúxoselle unha pena de 18 anos polos crimes cometidos. Aínda así, hoxe en día segue no cárcere en prisión preventiva á espera de resolución por dous artigos de opinión escritos no xornal Gara. En opinión da Audiencia Nacional Española De Juana Chaos cometeu un delito de ameaza terrorista e impúxolle unha condena de 12 anos e medio. Como protesta a esta decisión De Juana Chaos decidiu iniciar unha folga de fame até o final. Nun estado de dereito- dínnolo unha e outra vez, como se fose unha campaña de publicidade- non hai pena de morte nin cadea perpetua. E a eutanasia tamén esta prohibida. Vou actuar de boa fe e vou pensar que o estado de dereito cre nas súas leis; é dicir que non aplica a cadea perpetua nin a pena de morte. De boa fe, outra vez, vou pensar que o contido dos artigos de De Juana Chaos son totalmente explícitos, tanto como para ter a unha persoa no cárcere.



Querería crer que no estado de dereito hai liberdade de expresión, e neste xuízo, no de Egunkaria ou no xuízo do actor Pepe Rubianes -por comentar algúns- hai suficientes indicios para procesar aos responsábeis. Se non é así, todos clamarían ao ceo, porque é iso o que fan cando se incumpre a liberdade de expresión fóra de aquí, en Marrocos, Cuba e Turquía, entre outros. A boa fe faime pensar que o estado de dereito é o mesmo para todos; que as presións políticas non teñen ningunha repercusión, e que o poder xudicial é realmente independente; que as declaracións do ministro de Xustiza López Aguilar non repercutiron na decisión xudicial -quen dixo que o Goberno faría outras tantas imputacións para que De Juana non quedase en liberdade-.



“As palabras non, as accións”, dixo alguén. David Fernández fálanos destes feitos no libro”Croniques del 6 i altres do claveguera policial”: A Enrique Rodríguez Galindo, xeneral da Garda Civil e responsábel das barbaridades cometidas no cuartel de Intxaurrondo, condenaron a 75 anos de cárcere polo asasinato de Lasa e Zabala, dos cales cumpriu a cuarta parte argumentando problemas de saúde. Tamén foi excarcerado Julen Elgorriaga por razóns de saúde; foi condenado a 80 anos por aqueles feitos e só cumpriu o 3%. Logo de enganar a toda España, De la Rosa está en casa xa que lle impuxeron o terceiro grado co argumento de que sofre depresión. Rafael Vera, en cambio, só cumpriu 8 meses no cárcere polo secuestro de Segundo Marey -asumido polo GAL- aínda que lle impuxeron unha pena de 10 anos. David fala sobre todo da tortura e dos torturadores; tamén fala do xeito en que se utiliza a información para criminalizar moitas disidencias; xunto con isto di que a mesma Policía pon as probas que necesita para criminalizar aos que lle interesa politicamente, e que ao Goberno non quere oír nin unha palabra do observador especial da NBE contra a tortura ou dos informes das organizacións -entre outros o realizado por Amnesty International-. E isto fano porque todos estes din que se tortura no estado de dereito.



Por se non abonda, agora o mesmo Fiscal de Audiencia Nacional pediu arquivar o caso Egunkaria; segundo din, non hai probas. No 2004 en cambio o Tribunal de Estrasburgo castigou a España “por non investigar” as torturas denunciadas por 17 independentistas cataláns 12 anos antes: nas Olimpíadas tíñanse que acalar as voces que non estaban de acordo. En cambio en novembro do 2005 Zapatero absolveu aos 4 policías locais de Vigo inhabilitados e castigados por darlle unha malleira, insultar e aldraxar ao senegalés Mamado Kane –a condena era de 2 e 4 anos de cárcere-. Aznar fixo o mesmo no ano 2000: absolveu a 14 policías castigados por torturar; a un deles xa o castigaron anteriormente. E...



En fin, que teño unha lea enorme na cabeza. Este estado de dereito ten moitas zonas escuras, e fanme dubidar. Todo isto cheira a hipocresía. E con toda esta hipocresía remata a boa fe.



Oleguer Presas

Futbolista do FC Barcelona»
Ler máis...