Xa está! Xa temos o cartel do Festigal 2010!

Acabo de ver nunha rede social o cartel da novena edición do Festigal, o gran evento organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre co gallo do Día da Patria. Nel conflúen a música co debate, a cultura coa festa e a reivindicación coas novas tendencias. Desde que no ano 2002 a organización xuvenil do BNG decide ampliar a Arenga da Mocidade (que incluía ofrenda a Castelao e Rosalía, recital e concerto) e convertela en Festigal, converteu este acto nun dos grandes eventos do verán.


Polo de agora, da programación deste ano só se fixeron públicas as actuacións musicais do escenario principal. Falta o Café-Concerto, a Galería das Ideas, a das Letras, a Feira de Asociacións, etc. As bandas confirmadas para a noite do 24 son Os Cuchufellos, Galegoz, Banda Potemkin e Santa Macario Orkestar e para o 25 Bellón Maceiras Quinteto, O´Questrada e
Susana Seivane. Nótase a saída do Bloque da Xunta, pero aínda así non está nada mal.
Ler máis...

Eu quero que perda España

Pois si, fago parte desa minoría separatista e radical que nos alegramos de que o outro día España pinchara diante de Suíza no seu primeiro partido do Mundial. Pero por moi contento que estea teño que ter coidado coas manifestacións públicas contrarias a "La Roja". Ben sei que mentres dure o campeanoato aqueles que non sexamos adictos á selección española converterémonos nunha especie de parias sociais que deben ser desprezados ou mesmo insultados. Esaxero? Non o creo. Sempre conto unha anécdota que me pasou nun bar de Narón no pasado Mundial, concretamente durante o partido contra Francia que deixou a España fóra da competición. Cando o equipo galo marcou o seu segundo gol, nunha mostra de efusividade, berrei "gol!" e choquei a man cun compañeiro. Xa imaxinaredes a reacción que houbo no local: xente erguéndose mirando cara nós e varios insultos. Desde ese día vexo os partidos de "La Roja" na miña casa.

Diredes que esta animadversión cara a selección española pode ser froito dunha sobredose de esquerdismo ou simplemente por provocar. Nada máis lonxe da realidade. Eventos deportivos como Mundial de fútbol cumpren unha función ideolóxica moi clara á hora de manter o statu quo dentro do Estado. Apélase a nós para que apoiemos a un combinado "nacional" aínda que facelo sexa negar a nosa identidade colectiva como país. Para gañar adeptos a esta causa, empréganse todos os altofalantes posíbeis: medios de comunicación, anuncios publicitarios, merchadising, iconografía española...O único que importa é amosar un apoio social maioritario a "La Roja" e excluír a aqueles que non entramos na roda do muíño.

Porque non quero negar a miña identidade como galego, porque acredito na oficialidade da miña selección, porque non comulgo coa idea unitaria do Estado e porque non soporto o chauvinismo español ao que feden os medios de comunicación...EU QUERO QUE PERDA ESPAÑA!
Ler máis...

Xornalismo e loita de clases

Marx e Engels, no seu célebre Manifesto Comunista, definiron a loita de clases como o antagonismo entre "opresores e oprimidos". Xa na súa época, o que diferenciaba a estas dúas clases era a propiedade dos medios de produción. Uns eran os donos da fábrica e os outros vendían a súa forza de traballo.

No mundo do xornalismo, e da comunicación en xeral, atopámonos nunha situación bastante semellante. Unha minoría é a propietaria dos medios informativos, e o resto, a grande maioría, son os que traballan. Malia este feito, é moi frecuente atoparnos coa idea tradicional, romántica, case mitolóxica, do xornalista como profesional liberal, intrépido que se converte no azoute da mentira e da desinformación. Agora ben, a realidade coa que batemos ao saír da facultade é moi diferente. Dificilmente podemos ser azoute de nada con xornadas laborais de dez horas, ou cunha carga de traballo tan grande que leva a que sexa materialmente imposíbel contrastar todo o publicado. E xa non falar da retribución salarial, con horas extras impagadas e cunha media que case non alcanza o 1500 euros. En palabras de Xosé Manuel Pereiro, presidente do Colexio de Xornalista de Galiza, “a calidade da información depende da precariedade da xente que a realiza. Se o intermediario está mal pagado, é difícil que a información que faga sexa de calidade”

Aínda así, a imaxe mitificada do xornalista intrépido prevalece, e por manter unha suposta independencia, rexéitase a organización en estruturas sindicais. Non nos debe estrañar que se preguntas nos diferentes medios galegos, a porcentaxe de traballadores organizados colectivamente non sobrepase o 10%.

Os efectos da crise económica agudizan a xa de por si precaria situación dos e das xornalistas no noso país. Nos centros de traballo aumentan os recortes de persoal. Aos máis maiores prexubílanos porque teñen contratos máis custosos para as empresas. Aos máis novos ou os botan, ou non lles renovan o contrato, xa que pola súa precariedade non resulta nada custoso prescindir deles. Quen perde? Os propios traballadores, é evidente, máis tamén a calidade da información. Desaparecen das redaccións a bagaxe dos máis veteranos e a frescura dos máis novos

Os xornalistas adquirimos un compromiso coa cidadanía de achegar unha información rigorosa e de calidade. Non debemos permitir que os poderes estabelecidos nos obriguen a ser altofalantes da súa propaganda, nin tampouco podemos ficar calados diante dunha situación laboral tan precaria. É a nosa responsabilidade organizarnos e loitar, como calquera oprimido, pola dignidade no traballo. Só así poderemos desenvolvernos plenamente como xornalistas e sermos ese azoute da mentira e do poder que as fabulacións colectivas da profesión foron creando ao longo dos anos.


Orixinal publicado no nº2 da revista Comunicando, editada polo Comité de Ciencias da Comunicación

Ler máis...

Egunkaria: peche, tortura, xuízo e absolución

Non é habitual, no marco dunha democracia liberal, presenciarmos o peche de xornais e a persecución dos seus traballadores. Porén, nos últimos anos, o Estado Español foi tristemente recordado por varios casos deste estilo. Os primeiros exemplo témolos en 1998, coa clausura do diario vasco Egin e da súa emisora Egin Irratia, o segundo en 2001 coa suspensión da revista Ardi Beltza, e o terceiro en 2003, co peche polas armas de Egunkaria, o único xornal integramente en éuscaro. Neste artigo centrarémonos neste último caso, aproveitando que o pasado mes de abril resolveuse a sentencia xudicial de xeito favorábel para o medio e que o seu director, Martxelo Otamendi, estivo impartindo unha conferencia na Facultade de Ciencias da Comunicación.

A xénese do proceso
Euskaldunon Egunkaria nace impulsado por diferentes persoas vencelladas ao mundo da cultura e da lingua vasca. En 1989 botan a andar un proceso chamado Egunkaria Sortzen (crear o periódico) co que pretendían acadar os apoios suficientes para constituír a primeira cabeceira integramente en éuscaro. O único precedente dun medio en papel deste tipo estaba en Eguna, un boletín editado polo goberno vasco durante a Guerra Civil e cuxa duración non foi máis alá dun ano. Egunkaria sacaría o seu primeiro número o 6 de decembro de 1990 despois de teren participado economicamente na súa fundación máis de 1500 persoas. Tal e como sinalou o seu director, Martxelo Otamendi, pretendían ser a cabeceira de referencia en éuscaro, como o eran Le Monde ou The New York Times nos seus respectivos territorios. Malia ter unha liña editorial progresista e ser especialmente sensíbeis coas nacións sen estado e culturas minorizadas, tanto o seu cadro de persoal como os seus colaboradores eran moi plurais no ideolóxico.

Aínda que Egunkaria sacou o seu primeiro número 1990, non foi até o 6 de xuño 2001 cando a Garda Civil remitiu ao xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo un informe titulado “Sobre la presunta vinculación de un entramado empresarial con financiación de la banda terrorista ETA” no que se indicaba a sospeita de que diferentes empresas vencelladas ao mundo do éuscaro, Egunkaria S.A. incluída, puidesen financiar á banda armada. Durante a investigación da empresa o único que se atopou foi uns documentos de principios dos 90 que podían pertencer a membros de ETA e de KAS pero que non estaban asinados nos que se falaba do periódico, pero sempre desde un punto de vista externo. A maioría destes arquivos xa saíran á opinión pública no seu momento, mesmo pasaron polo xuíz Garzón sen que este iniciase investigación algunha contra o xornal.

O peche
Ao non atoparen probas, a Garda Civil solicita ao xuíz Juan del Olmo o peche de Egunkaria para continuar a investigación. Deste xeito, a noite do 20 de febreiro de 2003, efectivos das forzas de seguridade clausuran a sede do periódico e entran nas casas de dez traballadores e colaboradores do medio para detelos e rexistrar os seus domicilios. Durante os cinco días seguintes permaneceron incomunicados por mor da aplicación da Lei Antiterrorista, tempo no que a metade dos detidos denunciaron torturas. O propio Martxelo Otamendi sinalou que durante a súa detención o único que lle preguntaron foi por unhas entrevistas que lles fixera había tempo a varios militantes de ETA e cuxa información non só estaba protexida polo secreto profesional, senón que xa fora investigada polo xuíz Garzón. Malia todo, o director do xornal denunciou que para obter esa información, a Garda Civil utilizou métodos violentos e vexatorios cara o reo.

A investigación
Ao clausuraren o xornal, as forzas de seguridade incautaron moitos documentos tanto no medio como nas vivendas dos detidos, mais non atoparon ningunha referencia ou presenza de ETA, e moito menos relativa ao financiamento. O que si que se descubriron foron algunhas irregularidades económicas relacionadas coa xustificación de subvencións, por iso o sumario dividiuse en dous. Por unha banda o relacionado co peche e polo outro o económico.

O argumentario esgrimido polo xuíz foi mudando co tempo. Se nun primeiro momento se pecha Egunkaria porque financia a ETA, ao non atoparen probas disto dálle a volta aos termos e di que foi a banda armada a que financiou o proceso de constitución do xornal, sinalando como inverosímil que o medio conseguise o capital inicial grazas a doazóns sen o impulso de ETA. Asemade, comezouse a seguir a liña argumental de que os obxectivos de Egunkaria coinciden cos da organización violenta xa que ámbolos dous apostan pola plena normalización do éuscaro en todos os territorios que conforman Euskal Herria.

A acusación e o xuízo
Na época da clausura e da primeira parte da investigación, a fiscalía compartía os postulados coa Garda Civil e co xuíz Juan del Olmo. Agora ben, a cousa cambiou unha vez que o PSOE chega ao goberno do estado e Olga Sánchez é substituída por Miguel Ángel Carballo como fiscal asignado ao caso Egunkaria. Constátase que non había base para xulgar a ninguén e retiran a acusación. Pero o proceso continuou, xa que as organizacións Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT) e Dignidad y Justicia (DyJ) quixeron manterse como acusación particular.

O primeiro xuízo contra os cinco acusados comezou o 15 de decembro de 2009 e quedou visto para sentenza o 1 de febreiro de 2010. No seu desenvolvemento foron quedando en evidencia a falsidade das acusacións, concluíndo cunha sentenza favorábel aos xornalistas e ao propio medio. Asemade, neste documento xudicial cuestiónase como se levou o proceso, o inxustificábel do peche, a acusación sen fundamento e a verosimilitude das denuncias de tortura.



Reflexión final
Resulta difícil comprender o peche do diario Egunkaria sen ter en conta o contexto político da época. No estado, o goberno Partido Popular de Aznar tiña un marcado carácter antinacionalista. Lonxe quedaban xa os pacto co PNV e con CiU da primeira lexislatura. Na Comunidade Autónoma Vasca, o debate sobre a cuestión nacional estaba en plena actualidade, de feito, meses despois presentaríase o chamado “Plan Ibarretxe”. Nestas circunstancias, o peche de Egunkaria, nena mimada da cultura vasca, supuña unha chamada de atención non só ao soberanismo vasco, senón a calquera reivindicación identitaria.

A clausura de Egunkaria é un exemplo da precariedade democrática que aínda ten o Estado Español a día de hoxe e no que conflúen varios condicionantes:
  1. A existencia dun debate nacional aínda non resolto
  2. A vixencia dun conflito armado nunha parte do Estado
  3. A vontade de certos sectores de vencellar toda a reivindicación nacional e/ou identitaria coa violencia.
A estratexia levada a diante por determinados sectores extremistas do “todo é ETA” é un grave perigo para as liberdades cívicas, non só en Euskal Herria senón en todo o Estado Español. Mentres este discurso siga vixente entre líderes políticos, mediáticos, e poder xudicial será moi complicado manter unha democracia normalizada nun contexto non violento, respectuoso con todas as opcións políticas e na que se poida exercer o xornalismo coa maior liberdade posíbel.


Para máis información do proceso, podes acceder a un FAQ redactado polo xornalista de Egunkaria Imanol Murua e traducido ao castelán no blog de Javier Ortiz.

Ler máis...

Un par de videos de Galiza e Venezuela

Hoxe teño pouco tempo para actualizar a bitácora. Así que limitareime a compartir convosco un par de videos que vin estes días.

O primeiro titúlase "10 anos do BNG Creando Realidades en Compostela" e como deduciredes polo título é un documentario conmemorativo dunha década de participación nacionalista no goberno da capital. Son preto de 25 minutos de entrevistas cuns 60 veciños e veciñas da cidade falando de distintos aspectos relacionados coa actividade institucional do Bloque no concello: participación cidadá, zonas verdes, política cultural, etc. Presentouse o pasado día 2 de xuño no Teatro Principal, e dende entón está dispoñíbel en Vimeo para que todo o mundo poida ter acceso. Recoméndovos que o vexades, realmente paga a pena e non se fai para nada pesado.

BNG - 10 anos from BNG de Santiago on Vimeo.

O outro video que quería compartir convosco acabo de descubrilo a través do Twitter de Xabier Pérez Igrexas. É un anuncio promocional da conta que Hugo Chávez abriu recentemente nesta rede social. Na miña opinión, Venezuela está a traballar nunha liña moi interesante no que á comunicación en internet se refire. Comezaron coa páxina do PSUV, seguiron co Twitter, a Guerrilla Comunicacional e hai pouco o blog de Chávez. A medida que desde o goberno van aumentando o acceso das clases populares a internet, o movemento revolucionario estase a introducir nas redes sociais para espallar a súa mensaxe. E falando de políticos nas redes sociais, o portavoz nacional do BNG tamén creou recentemente unha conta en Facebook, outra en Twitter e un blog. Queda bastante por mellorar, pero é un avance.



Ler máis...

Novo disco de Iron Maiden para o 16 de agosto


Xa está confirmada a data de saída de Final Frontier, o vindeiro disco de estudo de Iron Maiden. Queda para o 16 de agosto. Se non podedes agardar até entón para escoitar aínda que sexa un pouquichiño do novo material da dama de ferro non vos preocupar. Puxeron para descargar gratuitamente o single El Dorado, xunto cun traballo artístico especial para esta canción deseñado por Melvyn Grant. Se vos son sincero, despois de escoitar este tema varias veces...decepcionoume un pouco. Fáltalle esa garra e potencia que caracterizou aos Maiden. A ver se o resto do disco vai mellor, aínda que as declaracións de Bruce Dickinson non son moi esperanzadoras. Para o vocalista "El Dorado é un anuncio do que vai vir no novo album de estudo. Ademais incluirémolo no noso set do Final Frontier World Tour." Esperemos que se equivoque, senón vai quedar un disco moi mediocre. Nada comparado con "A Matter of Life and Death" ou mesmo co "Dance of Death".

Por outra banda, xa se fixo pública tanto a relación de concertos da xira como o título do resto de cancións do álbum. A única parada que farán na Península será o día 21 de agosto nos Países Cataláns, concretamente en Valencia. Unha magoa para os seareiros galegos que sexa tan lonxe. De todos os xeitos, se podedes facer o esforzo, recomendo ver a Iron Maiden en directo, son sinxelamente incríbeis.

Se queredes ampliar a información tedes a nota de prensa (en inglés) na súa páxina oficial.



Ler máis...

GalegoLab, outra volta na loita da lingua


Hoxe mesmo presentouse unha nova iniciativa a prol do idioma. Chámase GalegoLab e pretende impulsar iniciativas concretas a favor da lingua galega. Entre os seus fundadores podemos atopar a vellos coñecidos nisto das plataformas pro-galego: Belén Regueira, Xurxo Souto, María Yáñez, Xosé Manuel Pereiro, Antón Reixa, Sechu Sende, Rafael Cuiña, Henrique Monteagudo, Santiago Jaureguizar, Xabier P. Docampo...e así até xuntar 43 nomes que podedes ver n´A Nosa Terra.

Cando vin por vez primeira o anuncio de que se ía constituír GalegoLab veume á cabeza o vello refrán de "outra vaca no millo". Agora ben, a miña opinión foi mudando cando descubrín o que querían facer era algo tan novidoso que ningunha das outras plataformas e asociacións cobre agora mesmo. Daquela que ten de especial? Como dixen antes, pretenden impulsar iniciativas concretas a favor da lingua galega. Para iso empregan un sistema participativo de abaixo-arriba e apostan por unha "especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá". Como conseguen iso? Pois grazas ao crowdsourcing, que non deixa de ser aquilo tan repetido do traballo colectivo en rede. Permite que un gran número de persoas colaboren en pequenos proxectos de acción lingüística achegando as súas ideas, desenvolvendo determinadas partes ou mesmo dirixíndoos. A natureza das propostas debe ir dirixida introducir o idioma con naturalidade en eidos nos que non é frecuente.

E xa sairon as primeiras ideas! Algunhas, ao meu xuízo, moi boas. Vouvos pór uns cantos exemplos:

Encontro musical coruñento-vigorento. Grupos das dúas principais cidades galegas, con repertorio galego, superando as ficticias rivalidades e reivindicando o uso do galego no ámbito urbano entre a xente nova. Para iso propoñemos un concerto que se realice en días consecutivos (mellor venres e sábado), un día nunha cidade e ao día seguinte noutra.
Unha frase de galego á semana. A idea sería escoller unha frase sinxela (pode ser unha á semana, ao mes...) que sirva de troco para obter descontos. Por exemplo, a frase desta semana é "Bos días, ¿Cómo vai todo?". Só por dicila, o cliente obterá un desconto, ainda que o resto da conversa sexa noutra lingua.
Galegogym. Hai poucas oportunidades para facer aerobic e táboas de fitness en galego. Para iso necesítase música, pero tamén propostas de exercicios. O que se pretende é producir táboas de fitness que combinen música e exercicios, para podelos usar en ximnasios ou en auto-adestramentos. Distribuiríase en CDs e tamén en podcast para que o puidese usar calquera.

Interesante verdade? Anímovos a que fedelledes polo web e que se o considerades, vos poñades a traballar nalgunha idea. Por se a alguén lle interesa, GalegoLab constituiuse como asociación cultural e calquera pode facerse socio pagando unha cota mensual mínima de dez euros. Ogallá este proxecto teña continuidade!
Ler máis...

Folga, crise e outras lerias


Aló foi a primeira folga en contra do "tesoirazo" de Zapatero. Sendo realistas, o resultado non foi moi positivo para a clase traballadora. A propia CIG cifra o apoio á folga nun 50% que, loxicamente, varía dunha administración a outra ou dun centro de traballo a outro. É terríbel a apatía coa que a sociedade está a recibir uns recortes que non só cargan o custe da crise nas maiorías sociais, senón que lle dan continuidade a un modelo tan nefasto como o neoliberalismo.

Os poderes políticos e económicos foron quen de desviar a atención e sinalar como responsábeis da crise ao funcionariado e ao excesivo gasto do sector público. Pero...oian...se esta é unha crise financeira...non haberá que pedirlle contas ao capital financeiro? Pois non. A clave está en privatizar as ganancias e socializar as perdas. A clase traballadora cos seus impostos sufraga a través do FROB o rescate daqueles bancos endebedados por mor da especulación (financeira e urbanística) pero logo tamén ten que afrontar a reforma laboral, os recortes salariais e os despedimentos masivos.

E mentres todo isto acontece, a esquerda europea segue sen saber que facer. Que modelo contrapomos ao neoliberalismo? A socialdemocracia, dirán algúns. Pero iso aínda existe? Digo eu. Na península escandinava só en Noruega queda quen queira manter este modelo. No resto de Europa os partidos da Internacional Socialista son peores que a dereita. Se temos algunha dúbida, só temos que lembrar quen goberna en Grecia, Portugal ou o Estado Español e que tipo de políticas están a aplicar. Outros dirán que solución é o socialismo. Pode ser, pero eu pregunto: que socialismo? O soviético? Non grazas. Será entón esa idea á que lle chaman socialismo do século XXI? Pode ser, pero haberá que desenvolvelo.

Á esquerda europea fáltalle un modelo se sociedade que contrapoñer ao capitalismo neoliberal. Podemos contar con propostas concretas que vaian en boa dirección, pero falla un proxecto de totalidade. Por exemplo, o BNG presenta unha batería de medidas para saír da crise con bastante bo criterio, pero fáltalle unha idea final cara a que camiñar. Unha sociedade diferente, mellor, que contrapoñer ao que temos agora.

Outro dos problemas co que nos atopamos é que a esquerda política e sindical non é quen de transmitir a súa mensaxe e de encabezar mobilización algunha. Se alguén precisa unha mostra diso, que olle para a folga de hoxe. Recóntalle o salario un 5% aos funcionarios e damos grazas se sacamos á rúa á metade. Precisamos forzas políticas e sindicais que realmente sexan representativas da sociedade na que están inseridas. Abonda de organizacións conformadas por burócratas e políticos profesionais.
Ler máis...