Desde hai unha tempada estou subscrito á bitácora de Atilio Borón, un politólogo e sociólogo arxentino da escola marxista moi comprometido cos movementos revolucionarios e de esquerda de Latinoamérica. Un dos temas máis recorrentes nos seus textos é o chamado Socialismo do Século XXI, chegando a editar no 2008 un libro con ese nome. A partir do seu espazo en internet descubrín un vídeo gravado durante unhas xornadas que tiveron lugar en Euskal Herria nas que impartía unha conferencia sobre este mesmo tema. Na súa explicación sintetizaba os elementos fundamentais deste novo socialismo que, desde o meu punto de vista, son moi interesantes para calquera persoa de esquerda con vocación realmente transformadora. Nesta entrada gustaríame sinalar os aspectos que me pareceron máis importantes e aproveitábeis do relatorio. Desculpade as imprecisións que poida cometer pero aínda non estudei este tema todo o que me gustaría, agardo que nos vindeiros meses xa teña maior vagaxe despois de ler lido a Dieterich ou algo máis do propio Borón.
Un punto básico e fundamental do Socialismo do Século XXI é que “non se pode definir sentado nun escritorio (...) e elaborando un fermoso texto teórico”, pola contra, “é a resposta dos pobos nas súas respectivas loitas”. Esta é unha das primeiras achegas que Borón fai na súa conferencia e que desde o meu punto de vista é transcendental. Como dixo o propio Fidel nun discurso en 2005, “entre os moitos erros que cometemos, o máis importante foi crer que alguén sabía de socialismo, ou que alguén sabía de como se constrúe o socialismo”. Se a esquerda mundial, e europea en particular, somos quen de asimilar isto, de rachar cos dogmas e principios inamovíbeis herdados do pasado, teremos dado un paso adiante que pode ser crucial para a construción dun modelo alternativo ao capitalismo. Este é un dos grandes potenciais que ten o Socialismo do Século XXI fronte ao do século XX: cada pobo, cada nación ten que adaptalo e construílo no día a día. Desenganémonos, non hai libros con receitas máxicas. O camiño faise andando.
Atilio Borón continúa o seu relatorio falando da superioridade dos valores do socialismo fronte aos do capitalismo. Defende “descartar a idea dun capitalismo con rostro humano” xa que este sistema é o que é, e nel, homes, mulleres e natureza son tratados como simples mercadorías, por iso se converteu no modo de produción máis depredatorio da historia. Para Borón, a esquerda debe facer fincapé na superioridade dos valores de “solidariedade, camaradería, fraternidade, igualdade, liberdade, democracia e participación” que son propios do socialismo fronte ao “egoísmo desfreado” do capitalismo. Continúa a súa argumentación cunha cita do Che na que afirmaba que “o socialismo como fórmula de redistribución de bens materiais non me interesa”. Para Borón “do que se trata é da creación dun home e dunha muller novos, dunha nova cultura e un novo tipo de sociedade, caracterizados pola abolición de toda forma de opresión e explotación, na que prime a solidariedade, a fin das separación entre gobernantes e gobernados, e a reconciliación do home coa natureza”. Afirma que nalgunhas sociedades avanzadas é posíbel unha certa distribución equitativa dos bens materiais, e pon o exemplo de Noruega, pero que por esta falta de transformación no eido dos valores non é quen de evitar que siga habendo persoas na rúa buscando nos cubos do lixo.
O segundo grande punto sobre que Atilio Borón fundamenta a súa explicación do Socialismo do Século XXI é o proxecto. É dicir, “a forma na que o ideal socialista, ou a utopía mobilizadora do socialismo, se encarna historicamente nunha axenda concreta de mobilización social”. Aquí están as loitas concretas que os distintos pobos do mundo protagonizan e que son semente dese mundo mellor que arelamos. Cómpre dar resposta a estas novas demandas, urxencias e necesidades sociais que se xeraron ao longo do último século, xa que se non as encaramos de xeito axeitado con políticas concretas, o socialismo do século XXI quedará relegado ao terreo das ideas despoxadas de toda resonacia práctica. Tal e como advertía Rosa Luxemburg, se isto acontecera “as forzas socialistas se debilitarían e empequenecerían até o punto de perder toda clase de gravitación na vida social, degradándose á condición de minúsculas seitas esotéricas que predican discursos imcomprensíbeis e carentes de produtividade social”. Neste punto, Atilio Borón tamén tocou certos “dogmas” do socialismo do século XX que cumpría ir desterrando como o estatismo ou a economía planificada. Non vou entrar máis nisto, xa que requiriría unha entrada propia.
O derradeiro punto que o sociólogo arxentino tocou na súa conferencia é o dos suxeitos históricos que han de ser protagonistas da construción do Socialismo do Século XXI. Diante de todo, destacou a súa pluralidade. Se no capitalismo do século XIX nos países centrais se podía falar dun proletariado industrial hexemónico, actualmente as masas populares ás que outrora se lles presupuña unha completa incapacidade para encabezar un proxecto socialista están a tornarse protagonistas. Para caracterizar este suxeito histórico plural colle a definición de pobo que dá Fidel no seu discurso “La historia me absolverá”:“Entendemos por pueblo, cuando hablamos de lucha, la gran masa irredenta […] a la que todos engañan y traicionan, la que anhela una patria mejor y más digna y más justa; la que está movida por ansias ancestrales de justicia por haber padecido la injusticia y la burla generación tras generación […] Y ahí están los 600 mil cubanos sin trabajo, los 500 mil obreros del campo, los 400 mil obreros industriales y braceros, los 100 mil pequeños agricultores, los 30 mil maestros, los 20 mil pequeños comerciantes, los 10 mil profesionales jóvenes […] A este pueblo […] no le íbamos a decir “Te vamos a dar”, sino “¡Aquí tienes, lucha ahora con todas tus fuerzas para que sea tuya la libertad y la felicidad!”
Non sei se este Socialismo do Século XXI será a alternativa ao capitalismo, mais o que está claro é que había moito tempo que non aparecía unha proposta que, dun xeito realista, aspire a superar este modo de produción inxusto. Cómpre non repetirmos os erros do pasado e edificar este proxecto sen dogmatismos e centrado nas realidades de cada pobo. Teño pleno convencemento en que se traballamos todos xuntos, outro mundo será posíbel.
* Para acceder ao vídeo da conferencia de Atilio Borón premede aquí
El experimento sobre la paradoja del cumpleaños, una forma divertida de
entender el famoso problema de probabilidad
-
[image: El experimento sobre la paradoja del cumpleaños, una forma
divertida de entender el famoso problema de probabilidad]
Este es uno de los problemas...
Há 7 horas
0 comentarios:
Postar um comentário