Estudante condenado a 32 meses de cárcere

O pasado 10 de novembro, en Londres tivo lugar a máis grande manifestación en contra da suba das taxas. Participaron ao redor de 50.000 persoas e tivo moita repercusión nos medios internacionais cando un grupo de máis dun milleiro de estudantes asaltaron a Millbank Tower, sede do Partido Conservador. Mentres durou esta breve ocupación, un mozo de 18 anos lanzou un extintor baleiro desde o tellado do rañaceos. Afortunadamente, non alcanzou a ningún dos estudantes e policías que estaban nos arredores. Segundo informa The Guardian, este rapaz foi sentenciado onte a unha pena de 32 meses de cadea. O xuíz que levaba o caso afirmou que o "dereito á protesta pacífica é moi prezado" e que "aqueles que fagan un uso indebido del aproveitando ocasión para recorrer á violencia, deben agardar longas penas".


Isto é unha chamada de atención ao movemento estudantil inglés, que tralas protestas contra a suba das taxas se situou na vangarda de todo o activismo anti-recortes e que recolleu moitas simpatías en amplos sectores da esquerda. Por esa vontade de dar un castigo exemplarizante esquécese o drama humano que está a vivir este estudante que, aos seus 18 anos, estropeou a vida. Lanzar un extintor desde un tellado é unha irresponsabilidade, mais teño as miñas dúbidas de que a condena fose a mesma se non se tratase dun contexto de loita
Ler máis...

Achegándonos á esquerda inglesa (I)

Inauguro hoxe unha serie de posts sobre a esquerda inglesa cos que intentarei facer unha radiografía dos diferentes movementos e organizacións cos que me fun atopando nestes case catro meses que levo na illa. Non pretendo facer unha análise histórica, nin unha listaxe de siglas, tan só quero compartir os pareceres que vou tendo das diferentes expresións da esquerda neste país.

Na entrada de hoxe voume centrar nas forzas políticas representadas na Cámara dos Comúns, órgano lexislativo que rexe en todo o Reino Unido. O primeiro que me chamou a atención ao mirar a súa composición é a escaseza de organizacións de esquerda alternativa, especialmente desde que Respect perdeu o seu parlamentario (aquí chámaselles MP) nas pasadas eleccións. Pero primeiro botémoslle un ollo á composición da Cámara:





Gráfico: Wikipedia

Dos partidos enriba representados podemos considerar de centro-esquerda ou esquerda os seguintes: Labour Party, Scottish National Party, Sinn Féin, Plaid Cymru, Social Democratic Labour Party, e Green Party of England and Wales. Se desta lista quitamos ás formacións nacionalistas (non vou falar delas nesta serie porque ao vivir en Inglaterra non teño demasiada información) tan só nos quedan os laboristas e mailos verdes. Destes dous partidos, o único que podemos considerar que presenta un proxecto de esquerda realmente transformadora é o Green Party, xa que o Labour fai parte desa socialdemocracia que asumiu ao cen por cen a axenda neoliberal. Daquela por que falar do laborismo nun artigo sobre a esquerda? Pois porque tanto dentro do seu grupo parlamentario como no seo da organización existe unha corrente, non maioritaria mais si significativa, que mantén un posicionamento realmente progresista e transformador. Non afondo máis nisto xa que quero dedicarlle unha entrada enteira a esta ala radical do Labour Party.

Mais por que non hai en Inglaterra unha forza política de esquerda alternativa cunha representación electoral digna? Na miña opinión hai dúas grandes razóns. A primeira ten un carácter histórico, e é a falla dun proxecto político de tradición comunista. No Reino Unido, o Communist Party of Great Britain sempre foi unha organización moi marxinal e tan dependente de Moscova que non sobreviviu á caída da URSS. Noutros países europeos os vellos Partidos Comunistas aínda xogan a día de hoxe un papel relevante na esquerda alternativa. Aí temos o PCP en Portugal, o KKE en Grecia, Die Linke en Alemaña ou Izquierda Unida no Estado Español. Son forzas minoritarias pero cunha tradición o suficientemente arraigada como para teren unha representación estábel. O segundo motivo desta falla de proxectos políticos tranformadores é a lei electoral do Reino Unido. Para elixir a cada un dos 650 Membros do Parlamento divídese ao electorado en distritos, de xeito que cada un deles achegue tan só un representante á Cámara dos Comúns. Esta norma, que só permite ao candidato máis votado converterse en MP, favorece aos dous grandes partidos estatais e fai moi difícil a entrada de forzas políticas alternativas.

A primeira aproximación á esquerda inglesa é desalentadora, mais en vindeiras entregas desta serie iremos vendo que, malia todo, tamén ten aspectos moi positivos e interesantes. Iso si, haberá que ir a buscalos a fóra do parlamento.
Ler máis...

Das emocións, ETA e Rubalcaba


Recoñezo que me deixei levar pola emoción. Cando esta mañá prendín o ordenador e lin o comunicado de ETA, leveime unha alegría. Tal e como lle solicitaran unha multitude de axentes políticos e sociais vascos no Acordo de Guernika, a banda declarou un alto ao fogo permanente, de carácter xeral e verificábel pola comunidade internacional. Despois deste xúbilo inicial pensei: agora falta ver a reacción do goberno. Xa o outro día nunha entrada neste mesmo blog amosaba a miña desconfianza de que fosen estar a altura das circunstancias, e non me equivoquei. Nunha declaración de prensa o ministro Rubalcaba deulle unha dura sacudida a todas as esperanzas e expectativas que este comunicado puido crear. Gustaríame coller os que para min son os catro titulares ou citas clave desta valoración e facer un breve comentario de cada un deles.


1º. “El único comunicado que esperamos de ETA es aquel en el que declare el fin”. Esta mensaxe repítena a meirande parte de partidos políticos do estado. Persoalmente, paréceme un disparate situar esta cuestión como elemento fundamental para chegar á resolución do conflito armado. ETA é unha organización clandestina, na que a súa simple pertenza xa é un delito penado con longas condenas de cárcere e cunha militancia que en moitas ocasións non coñece outra vida que a da violencia. Pedirlle a esta xente que disolva a banda e abandonen a loita sen ningún tipo de garantías é, canto menos, pouco realista. Se ollamos para o proceso de paz en Irlanda, comprobaremos que o IRA en ningún momento se chegou a disolver, senón que despois dunha negociación política remata por entregar as armas.

2º. “ETA tiene un catálogo de reivindicaciones que no abandona”. O feito de que no comunicado da banda se siga poñendo como cuestión central a autodeterminación foi moi criticada por comentaristas políticos ao longo do día de hoxe. Dentro do españolismo existe a vontade de non só desarmar a ETA militarmente, senón tamén de vencela politicamente. Pretender que unha organización que leva case 50 anos empregando a violencia política renegue do seu proxecto paréceme tan irrealista como que se autodisolvan sen garantías. Se cadra é aínda máis perigoso porque esconde a intención de acabar con calquera alternativa soberanista en Euskal Herria, obxectivos que por outra banda non defende exclusivamente ETA. Volvendo co exemplo do IRA, nunha das súas últimas declaracións, na que ordenaba aos seus voluntarios entregar as armas, reafirmábase tanto na defensa dunha Irlanda unida como na total lexitimidade da violencia mentres a empregaron.

3º. “En un estado de derecho quien verifica son los cuerpos y fuerzas se seguridad del Estado”. Isto rompe totalmente cos pasos dados nos meses anteriores coa Declaración de Bruxelas e o Acordo de Guernika, nas que se presenta a posibilidade de que sexan mediadores internacionais os que verifiquen o alto ao fogo. O avogado sudafricano Brian Currin xa levaba tempo traballando niso, e hoxe mesmo emitiu un comunicado parabenizando a decisión de ETA e anunciando os seus futuros movementos de cara a manter contactos coa banda. Ao negarse a aceptar esta proposta, o goberno está a pechar unha porta moi importante na negociación. Nin ETA nin a Esquerda Abertzale van confiar nuns corpos e forzas de seguridade do estado que están involucrados en torturas e que manteñen unha política penitenciaria denunciada por organismos como Amnistía Internacional. Se continuamos comparando co Ulster, veremos que malia teren tamén un estado de dereito, os mediadores internacionais xogaron un papel fundamental, xa que contaban coa lexitimidade das dúas partes. O propio Brian Currin participou deste proceso.

4º. “Si Batasuna quiere volver a la vida política tiene dos opciones: o ETA deja la violencia de forma irreversible, o rechaza su relación con ella definitivamente”. Este é un problema que ven de vello e que dificulta o proceso de paz. Para unha negociación deste tipo, o brazo político ten que ser necesariamente legal e ten que estar considerado como un interlocutor político válido. Nos últimos meses a Esquerda Abertzale deu pasos moi importantes ao desbotar a violencia como vía de acción política e plasmou esta intención no documento Zutik Euskal Herria. Pero isto non quedou en papel mollado, senón que lle plantou cara a ETA esixíndolle un comunicado como o de hoxe e demostrando que a banda xa non manda máis no Movemento de Liberación Nacional Vasco. O peso da negocicaión ten que recaer nos axentes políticos e non nos militares. O Acordo de Venres Santo que posibilitou o proceso de paz en Irlanda non tería sido posíbel sen o Sinn Féin. Para que algo semellante poida pasar en Euskal Herria, a Esquerda Abertzale ten que estar presente.

Ao longo desta mañá o resto de partidos foron facendo as súas declaracións, case todas en termos moi semellantes ás palabras de Rubalcaba. As única excepcións foron as de Eusko Alkartasuna, Aralar, Ezker Abertzalea (asinantes da declaración de Guernika) e de Esquerra Republicana de Catalunya. Mención a parte merece a covarde declaración do BNG, que se suma ás teses gobernamentais ao esixir a disolución unilateral de ETA e que mesmo chega a falar de pacificación no canto de proceso de paz.

A solución do conflito armado en Euskal Herria atópase nun momento crítico. Nos vindeiros meses verase se se volve botar por terra unha nova oportunidade de acadar a tan arelada paz, ou se o goberno fai un exercicio de responsabilidade e se senta a negociar. De momento, temos aí as Declaracións de Bruxelas e de Guernika, que supoñen un punto de partida para verificar o alto o fogo. Se cando a Esquerda Abertzale presente os estatutos do novo partido, o Estado non o ilegaliza, xa teremos feito un avance fundamental. Mais nese momento comezará a parte máis difícil, a da negociación política, na que haberá que abordar cuestións tan importantes como presos, desarme e escenario post-violencia.
Ler máis...

A cuestión dos presos e a fin de ETA


Non estaba moi claro, pero finalmente o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz tomou a decisión de non impedir a manifestación convocada para hoxe en apoio dos presos da esquerda abertzale. Nas últimas semanas, a espada de Damocles estivo pendurando sobre esta iniciativa por mor das presións de colectivos como a Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT) ou Dignidad y Justicia (DyJ) que pedían a súa prohibición. Asemade, esta marcha tivo bastante repercusión nos medios por mor dos apoios de formacións legais que obtivo, entre os que destacan a maioría sindical vasca (con ELA e LAB á cabeza), Eusko Alkartasuna, Aralar e mesmo oito xogadores da Real Sociedad. A reivindicación básica desta marcha era o cambio da política penitenciaria do goberno, rematando coa dispersión e garantindo un mellor trato para os reclusos.

No contexto do proceso de paz, a cuestión dos presos ten unha relevancia fundamental. A esquerda abertzale aspira a conducir a loita de liberación nacional por vieiros exclusivamente políticos, deixando de lado a actividade armada. Por iso fai tanto fincapé na importancia de construír un escenario democrático no que se poida dar este cambio. E é aí onde entra o tema dos presos. Non pode haber unha situación de plena normalización en Euskal Herria sen unha política axeitad de reintegración dos reos na sociedade vasca. As case mil familias que sofren a dispersión e o illamento dos seus parentes que están na cadea tamén forman un grupo de vítimas que ten que ser recoñecido e reparado. Neste sentido, gustoume moito unha entrada que publicou o coordinador de Lokarri, Paul Ríos, no seu blog persoal. Nela daba conta do fermoso xesto de dúas vítimas de ETA que acudiron a unha homenaxe a Santiago Brouard e Josu Muguruza, militantes abertzales asasinados polos GAL e a extrema dereita respectivamente. A única saída posíbel para o conflito armado pasa polo diálogo e entendemento entre dúas partes. A esquerda abertzale deu o primeiro paso, non teño tan claro que o goberno vaia corresponder.
Ler máis...

Prometémosche a terra...

Daniel Castelao (30 de xaneiro de 1886 - 7 de xaneiro de 1950)


Un texto

A VACA

A vaca é o símbolo da paz.Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: "O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico dun aristócrata".
A vaca esqueceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis.
O can será o amparo dos ricos, que defende a propriedade do amo e ladra aos probes que van polos camiños. En troques a vaca é o amparo dos probes libres.
Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os "concursos de belleza".A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.As "señoritas" que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a door dunha familia labrega cando se lle morre unha vaca.
Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cibdades morreríase desnutrida. A vaca é a ama de cría da Humanidade.O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos, somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída.O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa, ergueremos un gran moimento cunha vaca en bronce dourado.
Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.
O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.

(Sempre en Galiza)


Unha canción



Letra: Darío Xohán Cabana
Música: Suso Vaamonde



Unha imaxe

Pra que ergan o puño! Do álbum "Atila en Galicia" de Castelao


Ler máis...

Coaligados para resistir!


En maio deste ano, en plena crise grega, o Partido Comunista pendurou unha faixa da acrópole ateniense co lema “Peoples of Europe rise up!” (pobos de Europa erguédevos). Este símbolo de loita, pero sobre todo de resistencia, inspirou a un amplo sector da esquerda británica. Seguindo a consigna dos activistas de Grecia, constituiron unha ampla plataforma para enfrontar a política económica do goberno conservador. O nome elixido foi Coalition of Resistance (Coalición da Resistencia).

A primeira vez que se escoitou falar daCoR foi no mes de agosto, cando Tony Benn, histórico militante da ala esquerda do Partido Laborista, publicou en The Guardian o manifesto fundacional da plataforma baixo o título “The time to organise resitance is now” (O tempo de organizar a resitencia é agora). Canda el, apoiaron este documento importantes persoeiros da esquerda británica entendida esta como un espazo plural no que teñen cabida as organizacións da esquerda radical, a ala esquerda do laborismo, os sindicatos e os diferentes movementos sociais progresistas. Este documento fai un chamamento a enfrontar as políticas orzamentarias do goberno Conservador-Liberal Democráta (Con-Dem) xa que supoñen o maior recorte de gasto público desde os anos 30. O Primeiro Ministro David Cameron sostén que estas medidas son inevitábeis porque o estado do benestar “foi demasiado xeneroso”, mais no seu retruque, Tony Benn afirma que iso é un sen sentido, xa que o que fixeron foi cargar na xente do común o derroche dos banqueiros. A alternativa proposta no manifesto pasa por someter a banca a un control democrático, aumentar os impostos aos ricos, retirar as tropas de Afganistán e combater o fraude fiscal. En palabras textuais, pretenden impulsar “unhacampaña por unha alternativa radical que teña a mesma determinación que amosaron os sindicalistas e mailos movementos sociais en Grecia e outros países europeos”. Para coordinar todo isto e crear un paraugas baixo o que introducir todo o movemento anti-recortes, naceu a Coalition of Resitance.

O 27 de novembro tivo lugar a constitución formal desta plataforma. Celebrouse a Conferencia Nacional no centro sociocultural de Candem e acudiron preto de 1300 persoas. Aproveitando a miña estadía en Londres, decidín achegarme previo pago das tres libras que nos custa a afiliación aos estudantes. O acto estruturouse en dúas sesións plenarias, unha ao principio e outra ao final, con varios obradoiros simultáneos entrementres. Con isto pretendíase crear diferentes espazos de debate sobre os movementos e loitas sociais máis relevantes do Reino Unido. Por razóns de espazo só puiden asistir ao plenario final, a un taller sobre o movemento estudantil e a outro sobre o mantemento do estado do benestar. Cada un deles estruturábase dun xeito semellante: desde a mesa falaban representantes das organizacións sociais e posteriormente tomaba a palabra o público. Finalmente os coordinadores do evento intentaban facer unha compilación das ideas principais recollidas entre os asistentes para fixar as liñas de traballo da CoR.

De todo este proceso de debate e de compartir as diferentes experiencias de loita acordáronse seis puntos básicos que cumpría desenvolver nos días, semanas e meses seguintes á conferencia:

  1. Apoiar a manifestación do 9 de decembro que ía ter lugar fronte ao parlamento de Westminster mentres os deputados votaban a suba das taxas universitarias en Inglaterra.
  2. Crear asembleas de estudantes en todas as localidades grandes.
  3. Manter as ocupacións que por aquelas datas o estudantado inglés mantiña en 32 facultades de todo país. Pídese ao movemento anti-recortes local a que apoie estas ocupacións.
  4. Crear grupos de base da CoR alá onde non estea funcionando xa algunha organización local anti-recortes.
  5. Preparar unha semana de mobilizacións para febreiro que una a estudantes, traballadores e activistas de todas as localidade do Reino Unido.
  6. Apoiar e prepara a manifestación convocada pola confederación de sindicatos TUC que terá lugar o 26 de marzo.

Como se pode observar, é unha prioridade para a CoR unir todas as loitas sectorais e transformalas nun movemento único estatal que sexa quen de resistir as agresións do goberno Con-Dem contra os servizos públicos e a clase traballadora. É por iso que durante toda a conferencia se insistiu moito na solidariedade entre os activistas e os movementos sociais, non só do Reino Unido, senón de toda Europa. Houbo varias mencións aos traballadores do metro de Londres, que xa afrontaban a súa cuarta folga nos últimos tres meses.

O primeiro éxito mobilizador da plataforma xa tivo lugar uns días despois, na manifestación en contra da suba das taxas. O recentemente presentado logo dos monigotes de cores que identifica a CoR estaba incrustado na pancarta máis empregada polos milleiros de estudantes que saíron (saímos) á rúa ese día. Desgraciadamente, aínda que vencemos nas rúas a dereita venceu no parlamento e a proposta foi adiante. Noutro post explicarei de vagar como foi iso.


Intervención dun estudante durante o obradoiro de movemento estudantil

Pero se houbo algo que me impresionou da CoR foi o ambiente que se respiraba na conferencia. Alí convivían militantes e activistas de organizacións moi diferentes que apoiaban a plataforma non só para acadar os obxectivos que esta se propuxo, senón tamén para que o seu colectivo fose quen de gañar máis apoios dentro da esquerda social que alí estaba representada. Agora ben, o realmente positivo foi que malia existiren eses intereses, perfectamente lexítimos e comprensíbeis por outra banda, todos fixeron un exercicio de responsabilidade e priorizaron a consolidación da plataforma. Non vin nesta conferencia esas mostras de sectarismo e de cainismo que desgraciadamente sufrimos moitas veces na esquerda nacionalista galega.

En definitiva, un proxecto ilusionante, plural e combativo que se fai máis necesario que nunca. Seguirei a participar activamente na CoR porque esta non é unha loita exclusiva dos pobos do Reino Unido, senón que fai parte dun movemento moito máis amplo contra esta saída neoliberal da crise que nos pretenden impoñer. RESISTANCE!


Intervención do deputado laborista John McDonnell
Ler máis...