Sobre a independencia dos movementos sociais

Moito teño escoitado falar ultimamente da independencia dos movementos sociais. En canto unha determinada plataforma, organización ou colectivo cívico empeza a coller certa forza, comezan a proliferar as voces disidentes que critican a progresiva asimilación do movemento por parte dun partido ou organización política. Pasou con Nunca Máis!, coa plataforma Non á Guerra, cós CAF ou coas Asembleas de Estudantes. Pero eu pregúntome..

Que ven sendo iso da "independencia dos movementos sociais"?

Poderiámolo definir como a autoorganización da sociedade civil lonxe da tutela de organizacións políticas. Porén, a experiencia demóstranos que isto non é outra cousa que unha quimera. Hai unha serie de movementos e colectivos nos que o seus integrantes adoitan ter un certo compromiso político e que comulgan en maior ou menor medida cun determinado partido ou organización. Esta tendencia vése reflectida na liña ideolóxica do propio colectivo. Poñendo exemplos reais, podemos ver a semellanza programática que teñen a CIG ou os CAF có BNG.

Por outra parte, tamén cómpre sinalar que os militantes dunha organización política, tenden a afiliarse aos mesmos colectivos, xa que é un xeito de estender a forza e a ideoloxía do propio partido. Continuando có exemplo de antes, podemos ver como moitos militantes do BNG e de Galiza Nova participan tamén nos CAF e na CIG, e como estas organizacións poden servir á súa vez de ponte para entrar no BNG.

A experiencia tamén nos demostra como os dirixentes políticos adoitan copar os cargos máis importantes dos movementos e colectivos nos que participan. Con todo, é algo que non nos debe extrañar, xa que poderiamos dicir que é unha tendencia natural. Unha persoa "curtida" na acción política terá unha maior capacidade de dirección e ocupará sempre os cargos de maior responsabilidade.

Con isto quero dicir que hai unha serie de movementos (sindical, estudantil, xuvenil...) que tenden a politizarse e rematan asociados a algún partido ou organización. É un trazo que por moito que queiramos, non poderemos evitar, pero que ten consecuencias moi positivas, xa que esa "simbiose" en moitas ocasións permite que os movementos pervivan, nutríndose de militantes e simpatizantes das organizacións políticas.

Pero o máis criticado polos amigos da "independencia dos movementos sociais", é que nas reunións das organizacións políticas, se decidan as posturas dos colectivos cívicos. Isto tamén é algo normal e inevitábel. Parémonos a reflexionar. Se un partido participa activamente nunha asociación, é lóxico que decidan unha postura común. Até hai ningún problema. Pero claro, como teñan a maioría...daquela chámaselle dirixismo.

Ler máis...