Cara onde vai a universidade pública?

Hai xa case dez anos, no 1999, ministros de 28 estados europeos reuníronse na cidade italiana de Boloña e asinaron unha declaración na que se anunciaba a homologación do sistema universitario de case todo o continente. Dende entón, por toda Europa comezouse a falar desa pantasma que era o Espazo Europeo de Educación Superior (en adiante EEES), porén ninguén sabía realmente en que ía consistir nin as consecuencias que tería para a universidade pública. Hoxe semella que as cousas comezan a se aclarar, pero polo medio houbo unha década de conferencias, reunións, estudos, declaracións, contradeclaracións e en definitiva, desa incerteza á que nos teñen habituados os dirixentes da Unión Europea. Durante este período, o EEES foise implantando paseniño en case tódolos estados asinantes da declaración de Boloña. Grazas a esta confusión e ao escurantismo que envolveu todo o proceso, evitouse o debate social e a mobilización estudantil que podería pór en perigo o proxecto de converxencia educativa. Non obstante, si que houbo importantes protestas por cuestións concretas do proceso de converxencia, como foi a aprobación da LOU do Partido Popular, pero nunca se chegaron a introducir nunha mobilización moito máis ampla en contra dun proceso que afectaba a toda Europa occidental.


Pero cales van ser as principais modificacións que se derivan da Declaración de Boloña? Pois hoxe, dez anos despois, podemos xa falar de aspectos concretos que as autoridades españolas xa comezan a lexislar. A idea principal da declaración era crear un espazo educativo común na Unión Europea e noutros estados próximos que permita unha maior mobilidade de estudantes e que os profesionais formados no sistema universitario sexan útiles e competetitivos no mercado laboral europeo. Para iso dispúxose que o ensino superior se dividiría en tres ciclos diferenciados. Un grao de catro anos no que se acadarían unhas competencias básicas interdisciplinares, un máster que correspondería coa especialización e un doutorado que viría a funcionar máis ou menos coma até agora. En resumo, poderiamos dicir que o espírito de Boloña fundaméntase en: homologación, mobilidade, competititividade e división entre grao e posgrao. Cómpre analizar cada un dos puntos que acabo de citar para así facernos unha composición de como este proceso afectará á universidade galega.


Segundo a Declaración de Boloña, a mobilidade permitirá ao estudante “acceder a oportunidades de estudo e formación e servizos relacionados”, e grazas á homologación, “ao recoñecemento e valoración dos períodos de estancia nas institucións de investigación, ensino e formación europeas”. Porén, para unha nación coma a nosa, que parte dunha situación periférica das tres universidades, a mobilidade sempre será de dentro cara a fóra, fomentando ese mal endémico da nosa terra que é a emigración. Para non fomentar a situación de desigualdade entre universidades e nacións precisaríanse fondas reformas que nos equiparasen á media europea. Porén, tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Educación pretenden acometer esta reforma a custe cero, o que perpetuaría esa situación de marxinalidade que sofre Galiza no contexto Europeo. Por outra banda, un marco de mobilidade estudantil a nivel europeo resúltalle moi negativo ao sistema universitario dunha nación, como é o caso de Galiza, ten uns sinais identitarios que non reciben ningunha consideración por parte da Unión Europea. Deste xeito, a lingua galega ficará tamén marxinada nas institucións educativas comunitarias.


Unha das máximas que derivan da Declaración de Boloña é a de acadar a competitividade do sistema europeo de educación superior. Esta directriz xa provocou a reacción de moitos colectivos de estudantes e de profesores que asinaron un manifesto titulado Que educación superior?, no que amosaban a súa preocupación por esta orientación da universidade de cara ao mercado produtivo. Neste manifesto sinalábase que co pretexto de que as universidades teñen que estar ao servizo da sociedade (cousa que ninguén discute), poden chegar a proliferar as axencias e institutos extrauniversitarios, dominados polo poder políticos ou por grupos poderosos de presión. Deste xeito, daríase unha visión moi reducionista da sociedade, centrándose puramente en beneficiar ás empresas e pondo o ensino ao seu servizo. A orientación puramente mercantilista do ensino, pon fin ao coñecemento e a cultura como valor dunha sociedade de homes e mulleres libres e redúcea á simple acumulación de coñecementos técnicos que permitan desenvolver unha actividade profesional dun xeito rendíbel para o empresario. Esta foi unha das principais críticas ao EEES que fixo a organización nacionalista Comités, principal opositora ao proceso de Boloña na Galiza.


A outra gran modificación que sae da Declaración de Boloña é a definición dos graos e posgraos. Até agora, unha diplomatura ou unha licenciatura achegábanlle ao estudante unha formación que lle permitía ter un dominio na súa área e a inserción no mercado laboral. Coa nova configuración, o grao tan só levará incluída unha formación moi básica e interdisciplinar, que non só implicará un escaso dominio da área a estudar, senón que non terá saída no mercado laboral. Para acadar unha certa especialización e aspirar a ter futuro do mundo do traballo, cómpre ter un título de posgrao ou máster. Malia todo, tal e como se está a aplicar o proceso de Boloña, este segundo ciclo estará ao alcance de moi poucos. Por que? En primeiro lugar porque a empresa privada ofertará posgraos sen garantir ningún tipo de axudas ás persoas con menos recursos económicos, sendo este un claro xeito de elitización da universidade ao apartar aos sectores máis desfavorecidos da sociedade deste tipo de másters. En segundo lugar porque a universidade na que se imparte un grao non está obrigada a impartir ningún posgrao de carácter público, polo que non garante que os que estudaron o primeiro ciclo teñan praza nun máster aínda que o poidan pagar. En terceiro lugar, porque a proliferación de posgraos privados orientará a especialización do alumno única e exclusivamente cara sectores economicamente rendíbeis e non a acadar uns coñecementos que lle vaian ser útiles non só ao individuo senón tamén ao conxunto da sociedade na que está inserido. Asemade, esta inxerencia do sector empresarial no ensino superior, poderá supor a desaparición de carreiras, estudos e proxectos de investigación que non son economicamente rendíbeis pero si útiles para o desenvolvemento social.


O Proceso de Boloña supón un enfrontamento entre dous modelos de universidade. Un no que se entende o coñecemento como un valor útil para o individuo e para as maiorías sociais e que debe ter como obxectivo o desenvolvemento de todos e todas no marco dunha sociedade libre e socialmente xusta. E outro modelo no que o coñecemento é un valor máis á hora de acadara beneficios e que ten que estar posto ao servizo dos intereses do mercado. O debate está aberto, aínda que se cadra tívose que ter dado antes



Publicado en papel no especial Día da Patria de Espazo en Construción, voceiro de Espazo Aberto en Galiza Nova Ler máis...