Sindicalistas e traidores


Hoxe tiña varias cousas sobre as que escribir: a proposta de ERC para o referendum da autodeterminación, as eleccións no Quebec ou a patada que lle diron ao impresentábel do Foro de Ermua. Pero resulta, que indo aos arquivos de principios de mes de Vieiros, vin unha noticia que me horrorizou de tal xeito, que non fun quen de evitar escribir unhas liñas para expresa-la miña indignación. O titular di o seguinte: BRASIL QUERE PROHIBI-LA FOLGA EN SECTORES PÚBLICOS

Para unha persoa de esquerdas coma min, ver a Lula da Silva facer este tipo de cousas non fai senón decepcionarme e aumenta-lo meu escepticismo fronte a esa caste que dirixe os movementos esquerdistas. É triste ver a unha persoa que ven da loita sindical, que no seu momento foi a esperanza para América Latina, traizoar deste xeito todo aquilo polo que loitou, chegando ao extremo de propó-la prohibición dun dereito tan básico dos traballadores como é a folga... É sabido que o poder corrompe, pero non por iso debemos de perde-la esperanza de que algún día, esto cambie. Ler máis...

No fío da navalla

Nunha das súas xeniais entrevistas, Jesús Quintero preguntoulle a Jiménez Losantos se cría que había algún risco dun regreso do ultraconservadurismo. Segundo este opinion maker, mentres a dereita mantivese a idea de “España” non había nada que temer. Pero vendo como se está a desenvolve-la vida política nos últimos tempos, eu diría que non é que haxa un perigo de retorno da extrema dereita, é máis grave, xa está aquí.

Os feitos falan por si solos. ¿Foi propia dunha democracia a reacción que houbo ante a concesión da prisión atenuada a De Juana?¿E o que fixeron algúns despois de que o fiscal lle retirase a acusación a Otegi? ¿Un partido democrático proporía un boicot a unha empresa de comunicación coma o Grupo Prisa? Eu penso que non.

No Estado Español, hai un partido que fachendea de defende-lo estado de dereito, pero que á súa vez non ten problema en saír á rúa cando algunha decisión xudicial non lle gusta. Tamén é un partido que defende a liberdade de expresión por riba todo, pero iso si, cando algún medio os critica non dubidan en iniciar un boicot, ou si é un medio vasco, mesmo pechalo. Á súa vez, ese partido ten unha serie de organizacións satélites que en teoría son de vítimas do terrorismo, pero que na práctica fan de censoras de todo aquilo que non responde aos seus intereses (lembremos o caso do grupo vasco Soziedad Alkohólika).

Penso que todos sabemos de quen estou a falar. E penso que todos sabemos que hai xa bastante tempo que se balancean perigosamente o fío da navalla, alí onde a dereita e a extrema dereita se separan

Ler máis...