Malos tempos, novos decretos

Parece ser que mañá teremos o borrador do novo decreto do galego. A cousa non pinta ben, tal e como adiantaba hoxe a El País. A lingua de aprendizaxe na educación infantil dependerá dunha votación das nais e pais...que importan os criteiros pedagóxicos! Imporase un modelo trilingüe galego, español e inglés...que importa a falla de formación do profesorado ou a desventaxa da noso idioma!

Estamos diante da maior agresión institucional á nosa lingua en toda a historia da nosa precaria autonomía. Non podemos ficar quedos. Cómpre encher as rúas, combater cada retroceso e sobre todo, facer moita, moita pedagoxía social. Polo de agora, a plataforma Queremos Galego! convoca unha concentración para mañá ás 17.00 horas na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, pero cómpre seguir loitando con firmeza. Para ir comezando con este labor pedagóxico do que falaba, déixovos un artigo publicado en Brétemas, o blog de Manuel Bragado, no que aborda esta cuestión con moita claridade sentidiño.

Semella que mañán se cumprirán os nosos peores agoiros. O solimán do novo decreto de uso do galego virá no modelo lingúístico escollido para a Educación Infantil, onde se os criterios pedagóxicos non o remedian, será unha votación entre os pais a que determine a lingua vehicular da aula e na que se realizará de forma preferente a aprendizaxe da lectoescritura. De nada servirá o criterio sobre esta cuestión fulcral que manteñamos os profesionais, a quen se nos rouba tan importante decisión pedagóxica, na que interveñen moitos e importantes factores, tanto de contexto sociolingüístico como de carácter estritamente didáctico. Nesta vital decisión sobre o modelo lingüístico da Educación Infantil (onde a escolarización en galego veu gañando terreo nos últimos anos) residirá o cerne deste novo decreto que, polas especulacións da prensa de hoxe, nas etapas obrigatorias reducirá (non sabemos canto, se a un terzo ou a un corenta por cento) a presenza do galego como lingua vehicular.

A cuestión da galeguización da Educación Infantil non é menor. No decreto Fraga do 95, establecíase que na Educación infantil e no Primeiro Ciclo de Primaria empregaríase «a lingua materna predominante entre o alumnado», deixando esta decisión en mans do profesorado de aula (que a recollía na súa programación de aula) e do claustro e do consello escolar (que a recollían no Proxecto Curricular de Etapa e no Proxecto Educativo de Centro). No decreto de 2007, tras a aprobación consensuada do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, introducíanse un importante matiz á redacción do texto do 95, xa que no caso de entorno castelanfalantes «o uso do galego será como mínimo igual a do castelán», correspondendo ao profesorado de aula e de etapa artellar esta presenza do galego na actividade educativa cotián, compromiso que debía ser recollido, entre outros documentos técnicos, no Proxecto Lingüístico de Centro.

Neste contexto conflitivo, é doado agoirar como na elección aula por aula van actuar os potentes prexuízos lingüísticos existentes en Galicia sobre o uso e o valor das linguas cooficiais, un contexto no que o galego sempre sae moi prexudicado. Non é difícil agoirar que empregando este sistema de elección por parte das familias (de moi dubidosa constitucionalidade, na medida que pode conculcar dereitos individuais), asistiremos despois de tres décadas á liquidación do uso do galego nalgunhas aulas de infantil. Se finalmente se concreta esta elección de lingua vehicular na E.I. por votación entre as familias, un modelo do que non coñecemos precedentes, o veleno da confrontación lingüística espallarase por todos os centros educativos, o que constitúe unha incrible irresponsabilidade educativa e política.

Sabiamos que a Feijóo non lle ía ser doado contentar aos sectores galegófobos, que retoricamente continúan reclamando medidas que quedan claramente fóra da actual orde constitucional. No obstante, a última oferta destes sectores propoñendo a elección por parte das familias das «materiais troncais» (un termo inexistente nos actuais documentos curriculares) constituía un indicio de que algo se estaba cocendo en San Caetano coa intención de darlle unha saída política a estes sectores amigos e rematar así con «la imposición del gallego» (un «compromiso» do seu programa electoral). Haberá que agardar a coñecer a redacción do borrador na que, sen dúbida, aparecerán algunha sutilezas valiosas, acenos galeguistas cos que se pretenderá acadar a aceptación do documento por parte da CCG e da RAG como a conformidade dalgúns sectores do propio PPdeG. No entanto, polo publicado até agora, o panorama non pode ser máis desacougante: o uso do galego retrocederá nas etapas educativas obrigatorias e pode quedar seriamente eivado por votación das familias na Educación Infantil. Este é o consenso que nos van propoñer mañán Feijóo, Vázquez e Lorenzo?

Remítome ao expresado na anotación de hai dous días, non é este o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo, a situación de emerxencia reclama defender coa maior intelixencia os nosos argumentos para impedir que, tras tres décadas de pulo, o galego na escola retroceda. Falemos galego!
Ler máis...

Achegándonos ao Socialismo do Século XXI

Desde hai unha tempada estou subscrito á bitácora de Atilio Borón, un politólogo e sociólogo arxentino da escola marxista moi comprometido cos movementos revolucionarios e de esquerda de Latinoamérica. Un dos temas máis recorrentes nos seus textos é o chamado Socialismo do Século XXI, chegando a editar no 2008 un libro con ese nome. A partir do seu espazo en internet descubrín un vídeo gravado durante unhas xornadas que tiveron lugar en Euskal Herria nas que impartía unha conferencia sobre este mesmo tema. Na súa explicación sintetizaba os elementos fundamentais deste novo socialismo que, desde o meu punto de vista, son moi interesantes para calquera persoa de esquerda con vocación realmente transformadora. Nesta entrada gustaríame sinalar os aspectos que me pareceron máis importantes e aproveitábeis do relatorio. Desculpade as imprecisións que poida cometer pero aínda non estudei este tema todo o que me gustaría, agardo que nos vindeiros meses xa teña maior vagaxe despois de ler lido a Dieterich ou algo máis do propio Borón.

Un punto básico e fundamental do Socialismo do Século XXI é que “non se pode definir sentado nun escritorio (...) e elaborando un fermoso texto teórico”, pola contra, “é a resposta dos pobos nas súas respectivas loitas”. Esta é unha das primeiras achegas que Borón fai na súa conferencia e que desde o meu punto de vista é transcendental. Como dixo o propio Fidel nun discurso en 2005, “entre os moitos erros que cometemos, o máis importante foi crer que alguén sabía de socialismo, ou que alguén sabía de como se constrúe o socialismo”. Se a esquerda mundial, e europea en particular, somos quen de asimilar isto, de rachar cos dogmas e principios inamovíbeis herdados do pasado, teremos dado un paso adiante que pode ser crucial para a construción dun modelo alternativo ao capitalismo. Este é un dos grandes potenciais que ten o Socialismo do Século XXI fronte ao do século XX: cada pobo, cada nación ten que adaptalo e construílo no día a día. Desenganémonos, non hai libros con receitas máxicas. O camiño faise andando.

Atilio Borón continúa o seu relatorio falando da superioridade dos valo
res do socialismo fronte aos do capitalismo. Defende “descartar a idea dun capitalismo con rostro humano” xa que este sistema é o que é, e nel, homes, mulleres e natureza son tratados como simples mercadorías, por iso se converteu no modo de produción máis depredatorio da historia. Para Borón, a esquerda debe facer fincapé na superioridade dos valores de “solidariedade, camaradería, fraternidade, igualdade, liberdade, democracia e participación” que son propios do socialismo fronte ao “egoísmo desfreado” do capitalismo. Continúa a súa argumentación cunha cita do Che na que afirmaba que “o socialismo como fórmula de redistribución de bens materiais non me interesa”. Para Borón “do que se trata é da creación dun home e dunha muller novos, dunha nova cultura e un novo tipo de sociedade, caracterizados pola abolición de toda forma de opresión e explotación, na que prime a solidariedade, a fin das separación entre gobernantes e gobernados, e a reconciliación do home coa natureza”. Afirma que nalgunhas sociedades avanzadas é posíbel unha certa distribución equitativa dos bens materiais, e pon o exemplo de Noruega, pero que por esta falta de transformación no eido dos valores non é quen de evitar que siga habendo persoas na rúa buscando nos cubos do lixo.

O segundo grande punto sobre que Atilio Borón fundamenta a súa explicación do Socialismo do Século XXI é o proxecto. É dicir, “a forma na que o ideal socialista, ou a utopía mobilizadora do socialismo, se encarna historicamente nunha axenda concreta de mobilización social”. Aquí están as loitas concretas que os distintos pobos do mundo protagonizan e que son semente dese mundo mellor que arelamos. Cómpre dar resposta a estas novas demandas, urxencias e necesidades sociais que se xeraron ao longo do último século, xa que se non as encaramos de xeito axeitado con políticas concretas, o socialismo do século XXI quedará relegado ao terreo das ideas despoxadas de toda resonacia práctica. Tal e como advertía Rosa Luxemburg, se isto acontecera “as forzas socialistas se debilitarían e empequenecerían até o punto de perder toda clase de gravitación na vida social, degradándose á condición de minúsculas seitas esotéricas que predican discursos imcomprensíbeis e carentes de produtividade social”. Neste punto, Atilio Borón tamén tocou certos “dogmas” do socialismo do século XX que cumpría ir desterrando como o estatismo ou a economía planificada. Non vou entrar máis nisto, xa que requiriría unha entrada propia.

O derradeiro punto que o sociólogo arxentino tocou na súa conferencia é o dos suxeitos históricos que han de ser protagonistas da construción do Socialismo do Século XXI. Diante de todo, destacou a súa pluralidade. Se no capitalismo do século XIX nos países centrais se podía falar dun proletariado industrial hexemónico, actualmente as masas populares ás que outrora se lles presupuña unha completa incapacidade para encabezar un proxecto socialista están a tornarse protagonistas. Para caracterizar este suxeito histórico plural colle a definición de pobo que dá Fidel no seu discurso “La historia me absolverá”:

“Entendemos por pueblo, cuando hablamos de lucha, la gran masa irredenta […] a la que todos engañan y traicionan, la que anhela una patria mejor y más digna y más justa; la que está movida por ansias ancestrales de justicia por haber padecido la injusticia y la burla generación tras generación […] Y ahí están los 600 mil cubanos sin trabajo, los 500 mil obreros del campo, los 400 mil obreros industriales y braceros, los 100 mil pequeños agricultores, los 30 mil maestros, los 20 mil pequeños comerciantes, los 10 mil profesionales jóvenes […] A este pueblo […] no le íbamos a decir “Te vamos a dar”, sino “¡Aquí tienes, lucha ahora con todas tus fuerzas para que sea tuya la libertad y la felicidad!”


Non sei se este Socialismo do Século XXI será a alternativa ao capitalismo, mais o que está claro é que había moito tempo que non aparecía unha proposta que, dun xeito realista, aspire a superar este modo de produción inxusto. Cómpre non repetirmos os erros do pasado e edificar este proxecto sen dogmatismos e centrado nas realidades de cada pobo. Teño pleno convencemento en que se traballamos todos xuntos, outro mundo será posíbel.


* Para acceder ao vídeo da conferencia de Atilio Borón premede aquí
Ler máis...

Apuntamentos sobre a selección nacional

Nos últimos catro anos, cando chegaban estas datas, moitos galegos e galegas peregrinabamos a Compostela, a Coruña ou a Vigo para apoiar á nosa selección nacional de fútbol. Milleiros de gorxas que berrando ao son de GA-LI-ZA e unhas poucas menos que tamén pediamos a oficialidade do noso combinado. Coa reconquista por parte da dereita do goberno da Xunta, este símbolo da nosa identidade colectiva desaparece baixo unha palabra que pode xustificar desde a privatización da sanidade até retirada das axudas á tradución de libros ao galego: AUSTERIDADE.

As reaccións non se fixeron esperar. Os primeiros? Siareiros Galegos, que organizan para hoxe unha ambiciosa xornada que conta con manifestación pola oficialidade, partido e concerto. Foron quen de recrutar a un feixe de xogadores da terceira división galega, capitaneados por Fernando Vázquez e Pilar Neira, para se enfrontar cun combinado internacional. E isto ten bastante mérito.

Malia todo, non son eu unha persoa que lle teña especial agarimo a Siareiros Galegos. Critico calquera movemento de “barras bravas” que instigue a violencia no deporte, e nesta plataforma xúntanse Celtarras, Riazor Blues e Fendetestas con Nós-UP e AMI. O mellor de cada casa. Agora ben, malia as miñas críticas, lamento profundamente que Galiza Nova non apoie este acto. Ás veces é mellor tragar algo de bile e acudir a actividades que vaian ter unha certa incidencia social no canto de organizar concentracións de cara aos medios nas que van estar os militantes e pouco máis, como fai o BNG para o vindeiro luns. Unha cousa é manter un perfil propio, e outra é negarnos a apoiar un actividade moi interesante polo feito de que a organice un colectivo co que temos diferenzas. Ademais, as críticas que lle fai Galiza Nova a Siareiros Galegos van por vieiros moi diferentes ás miñas, e céntranas en discrepancias que había cando a nosa organización participou neste colectivo de apoio á selección.



Se o BNG non foi quen de organizar o partido á marxe da Xunta desde os concellos das cidades (ás veces hai que empregar a representación para algo máis que para xestionar o que xa hai), Galiza Nova o mínimo que debía ter feito era darlle soporte a esta iniciativa que parte da sociedade civil e que pode facerlle a puñeta ao goberno de Feijoo.
Ler máis...

Comunicado da ORA-NH

Comparto con vós un vídeo do Colectivo Cultural Buril que ten bastante retranca. Este é o texto que o precedía no seu blog:

Comunicado da ORA-NH

O C.C. Buril tivo acceso a um vídeo da ORA-NH (Organizaçom Revolucionária Armada pola Nossa Hora) no que se pode ver a tres membros do Comando Burela, lendo o último comunicado que fijo público a organizaçom armada.
Também pode ver-se o momento prévio à leitura do comunicado, na que os guerrilheiros, com uns copos de licor café na mesa, conversam sobre distintos aspectos referentes à organizaçom. Deducimos da conversa, que a ORA-NH está a impôr o uso do galego reintegrado à sua militância e que a organizaçom pode estar num processo de debate interno para definir qual a estratégia política a seguir para os vindouros anos. Será a luita armada ou será a esmorga?


Ler máis...

Crónica dunha vitoria anunciada

Xa pasou bastante tempo desde que foron as eleccións a Xunta de Centro nas distintas facultades da USC, pero aínda non é tarde para facer unha valoración de como foi este proceso en Ciencias da Comunicación. A diferenza doutros anos, os comicios ían estar a priori bastante disputados. Para nove postos que cumpría ocupar en primeiro e segundo ciclo había 18 candidatos, oito dos Comités, seis de ELGa, dous de Agir e dous de IESGA. A nosa organización partía cunha certa vantaxe froito dos anos de traballo e da consolidada base social, pero por vez primeira tiñamos que facer fronte a unha organización como ELGa, que contaba cunha estrutura artellada e tiña a vocación de desbancarnos na Xunta de Facultade.

A xeito de introdución cómpre dar unha explicación previa que contextualice de onde saíu este colectivo e onde radicaba o seu perigo. Como moitos de vós saberedes, en primeiro de xornalismo dá clase de Ciencias Políticas un profesor tan particular como Miguel Anxo Bastos Boubeta. Para quen non o coñeza, é o coordinador da plataforma do profesorado conservador Converxencia Universitaria e vicedecano da Facultade de Políticas, ademais de defender abertamente unha ideoloxía ultraliberal con carácter caciquil. Se ben é un excelente docente, a nivel político é todo o contrario ao que os Comités defendemos. Non hai máis que botar a vista atrás e analizar como foi o conflito do plano de estudos no seu centro para atopar todas as artimañas que levou adiante desde o decanato para liquidar a disidencia estudantil. Pois ben, este señor foi quen artellou a candidatura de ELGa en Ciencias da Comunicación. Segundo nos recoñeceu en “petit comité”, isto respondía a unha estratexia do Partido Popular de presentarse en todos os centros nos que fose posíbel para tumbar ao nacionalismo estudantil.

Miguel Bastos, coordinador de Converxencia Universitaria

A nosa organización atopábase nun contexto moito máis hostil do habitual. A chegada do PP ao goberno da Xunta supuxo un duro golpe para todo o movemento nacionalista e a dereita quería aproveitar a nosa suposta vulnerabilidade para vencernos tamén no terreo estudantil. Tiñamos diante unha organización cuxo único eixo de campaña era a descualificación e a principal proposta era un suposto cambio totalmente baleiro de contido. Asemade, pretenderon, sen éxito, aproveitar a nosa abstención na votación do decano da Facultade para situarse ao seu carón e gañar a súa complicidade. Afortunadamente, o Comité soubo estar á altura das circunstancias e elaborou unha estratexia electoral que non só permitise vencer á reacción, senón que tamén fortalecese a nosa posición no estudantado, sobre todo naqueles que acaban de chegar á facultade.

A campaña do nacionalismo de esquerda
Cumpría repetir unha serie de mensaxes que aspirabamos a que calla
sen no estudantado e centrarnos nunha serie de propostas estrela que levabamos no noso programa.

1º. Presentar aos Comités como a única opción do estudantado, xa que somos froito da nosa autoorganización e non da inxerencia de ningún profesor ao servizo de intereses partidistas.

2º. Explicar que o noso traballo vai máis alá da campaña electoral. Estabamos aí antes e estaremos despois.

3º. ELGa é o brazo estudantil do Partido Popular. Carecen doutro proxecto que non sexa expulsar ao nacionalismo de esquerdas das institucións.

4º. Nós somos unha organización con ideoloxía nacionalista e de esquerdas e loitamos por un ensino público, galego, democrático e de calidade.

5º. Contamos cun programa para a facultade integrado nun proxecto nacional de ensino. Destacamos tres grandes puntos:

- Defensa da lingua galega e da súa normalización nun contexto terribelmente hostil.

- Creación dunha radio da facultade de carácter democrático e xestionada polo estudantado.

- Aposta por actividades extracurriculares que complementen a nosa formación en programas informáticos ou utilización de determinadas tecnoloxías.

Coido que após a campaña estes puntos ficaron claros para unha boa parte do electorado. É máis, varias persoas de primeiro curso facían bromas sobre as veces que repetimos a consigna de “ensino público, galego, democrático e de calidade”.

Durante o transcurso da campaña e da precampaña electoral tivemos tres actividades que foron claves para nosa posterior vitoria nas urnas. A primeira foi a charla con Carlos Blanco e Isabel Risco incardinadas no proxecto “Imaxinas vivir nun país normal?”, co que pretendemos dar unha visión positiva do idioma galego. Estes dous profesionais do audiovisual falaron da súa visión da lingua neste campo dun xeito moi ameno e plural. O resultado foi moi positivo, tanto pola asistencia masiva como pola valoración que fixo o estudantado do contido do relatorio. O 25 de novembro, aproveitando o día internacional contra a violencia de xénero, organizamos un videomatón violeta, no que preguntabamos aos compañeiros e compañeiras da facultade sobre diversos temas relacionados co feminismo e a igualdade. A idea a medio prazo é elaborar un vídeo con todo isto e organizar un concurso de curtas para o 8 de marzo. Á xente tamén lle gustou bastante esta actividade por ser moi visual e innovadora. Pero o que realmente inclinou a balanza ao noso favor foi o debate electoral contra ELGa que tivemos nos últimos días de campaña. A aula reservada estaba chea, sobre todo con xente de primeiro, que estivo moi involucrada en todo o proceso electoral. Polos Comités acudimos Miguel Rodríguez e máis eu e por ELGa a súa voceira Lorena Otero e o candidato Raúl Ríos. O moderador foi Xosé Pereira, o decano recentemente elixido. O debate dividiuse en tres bloques: situación da Universidade, Lingua e Facultade, cunha quenda incial e outra final para explicar o noso posicionamento dun xeito máis xeral e pedir o voto. A valoración que fixemos deste debate foi tremendamente positiva por varios motivos. Primeiro porque foi o primeiro destas características que se fixo no noso centro e contou cunha asistencia masiva. Segundo porque os Comités fomos quen de amosar que das dúas organizacións eramos a única cun proxecto serio, coherente e que realmente cría o que facía. Asemade, a ausencia de programa por parte de ELGa (non aparecía nada publicamente até o derradeiro día de campaña) fíxose patente, dándose situacións tan esperpénticas como que un dos candidatos da dereita lía as nosas propostas e reflexionaba sobre elas, sen achegar nada en positivo. A nivel electoral, recollemos os froitos desta vitoria sobre todo no alumnado de primeiro, que tivo aos Comités como opción preferente de voto.



O resto da nosa campaña tivo os ingredientes habituais: reparto de programas, pegada de carteis e pasos por aulas explicando o proxecto. Ao realizar esta última actividade houbo algún debate moi interesante con membros de ELGa dos que tamén saímos bastante reforzados. Como detalle curioso, despois de que a dereita presentara o seu programa (no último día de campaña), imprimimos unha voandeira na que iamos desmontando as súas propostas. Distribuímolo por toda a Facultade pouco antes de que rematara o prazo para facer propaganda electoral, de xeito que na xornada de reflexión había por todo o centro un papel titulado “Por que mente ELGa?”

A campaña da dereita
ELGa pecaron de novatos e non foron quen de idear unha campaña efectiva que levase a que mensaxe e siglas fosen coñecidas polo estudantado. Todas as actividades consistiron en tres grandes feitos:

1. Acto de presentación con Bastos, o director de Correo TV, Lorena Otero (voceira de ELGa na facultade) e Adrián Pájaro (coordinador de ELGa na facultade). Á saída, ofrecían pinchos, na mellor tradición do PP da boina. Ao acto acudíu moi pouca xente de Ciencias da Comunicación. Fundamentalmente había xente de ELGa doutras facultades e uns 10 da nosa.

2 .Pegada de carteis e reparto de programas. Estes últimos só apareceron o último día de campaña, con propostas irrealizábeis e populistas. O máis kafkiano foi solicitar un futbolín na cafetaría porque uns rapaces de primeiro llo dixeran de broma o día anterior.

3. Participación no debate coas consecuencias das que antes falamos.

Desenlace
A participación nestas eleccións foi a máis alta desde que eu cheguei á Facultade. Sen ser ningunha marabilla acadamos un 26%, cifra que é substancialmente superior á media da USC. O resultado obtido, tal e como se informa na bitácora dos Comités, é o seguinte:

Electos
Miguel Rodríguez Fernández (Comités) --> 105 votos
Duarte Romero Varela (Comités) --> 101 votos
Alexandre Vázquez Lorenzo (Comités) --> 89 votos
Paula Martínez Casares (Comités) --> 82 votos
Cibrán Tenreiro Uzal (Comités) --> 72 votos
María Fernández Villamarín (Comités) --> 71 votos
Patricia Lamas Rivero (Comités) --> 68 votos
Karina Rivero Conde (Comités) --> 59 votos
Raúl Ríos Rodríguez (ELGa) --> 35 votos

Non electos
Sandra Lema Alvarellos (ELGa) --> 30 votos
Adrián Pájaro Martínez (ELGa) --> 29 votos
Denís Iglesias Llamas (Agir) --> 29 votos
Lorena Otero Santiago (ELGa) --> 27 votos
Daniel Luaces Eiras (ELGa) --> 18 votos
Ángel Mato Álvarez (ELGa) --> 18 votos
Marina Rey Yebenes (IESGA) --> 17 votos
Tamara Peña Vázquez (IESGA) --> 16 votos
David Canto Veiga (Agir) --> 13 votos

Datos de participación
Nº de electores: 736
Nº de electores que votaron: 194
Nº de papeletas válidas: 190
Nº de papeletas nulas: 4
Nº de papeletas en branco: 2
Porcentaxe de participación: 26%


Como en terceiro ciclo non se celebraron eleccións xa que había un único candidato (dos Comités) para dous postos, entrou unha persoa máis de 1º e 2º, o que lle dá un representante máis a ELGa.

Ao abeiro destes datos comprobamos como a nosa organización obtivo unha vitoria contundente, nunhas eleccións nas que primou o voto ideolóxico fronte ao amiguismo, xa que abundaban as papeletas nas que se votaba a unha candidatura completa e non a varias persoas da mesma clase, como pasou noutros procesos.

Podemos concluír que nesta campaña os Comités fomos capaces de fixar ben a mensaxe, de convencer ao estudantado da importancia de votar por un proxecto e non pola xente que coñeces, e de vencer con contundencia á dereita. Mais non debemos relaxarnos, hai que continuar co traballo. Cómpre ilusionar á xente coas nosas propostas e afianzar a todos eses mozos e mozas de primeiro curso que se achegaron á nosa organización. A loita continúa!
Ler máis...

En Revolta Rockeira tamén se felicita o Nadal!


Bo Nadal a todos e a todas! Que o Apalpador vos traia unha boa presa de castañas quentes e que este ano 2010 sexa un pouco mellor que o anterior, que falta fai!

Déixovos tamén un par de cancións de nadal ao meu estilo. Son "Merry Christmas (I don´t want to figth tonight)" de The Ramones e "Merry X-mas Everybody" de Slade. Que as disfrutedes! Podedes acceder aos reprodutores de Goear dándolle a "Ler máis".

Ler máis...

En defensa dunha rede libre

Autores e xuristas do Estado Español reclaman unha rede libre, mais tamén dos intereses empresariais e económicos. Esta é unha clara aposta pola democratización con maiúsculas de internet. Un paso adiante na construción dunha sociedade máis xusta desde o coñecemento e a cultura. Grazas a Xabier Pérez Igrexas pola tradución ao galego.
Manifesto: En defensa dunha rede libre.

O recente “Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet” foi subscrito por multitude de administradores de webs, bloggers e simples usuarios da Rede dun moi amplo abanico político. Revisando o escrito e dito sobre este manifesto, atopamos que temos algúns compañeiros “de viaxe” realmente incómodos. Xunto a quen apoian con sinceridade a libre difusión da cultura en Internet, un grupo de asinantes subscríbeo só para oporse ao goberno de Zapatero desde a dereita máis montaraz. Entre eles atopamos a xornalistas que defenden a libre descarga de películas ou música desde Internet pero son celosos gardiáns doutras formas moito máis inxustas e colonialistas de propiedade privada.

A esquerda e a dereita loitaron, loitan e loitarán pola titularidade dos medios de produción, este é o motor da historia, impulso que, por obvio, adóitase ocultar. Na actual orde mundial, as propiedades intelectual e industrial convertéronse nun instrumento de acumulación de capital máis eficaz que ningunha industria ou comercio.

A explotación do dereito de autor, lonxe de responder ao seu teórico obxectivo, o sustento dos creadores, utilizouse como elemento de dominación, como arma ao servizo da caste cultural máis acomodaticia co sistema establecido. No caso de Estados Unidos, representa un valor estratéxico. A riqueza dunha nación pode chegar a basearse na imposición de taxas por utilización de propiedades inmateriais de todo tipo, incluído o uso de sementes ou variedades animais patentadas. Desde unha óptica transformadora que aspira a unha sociedade máis xusta e igualitaria, só cabe apoiar e promover o libre coñecemento.

Defendemos a democratización da cultura porque a creación fana as colectividades a través de determinados individuos e non ao revés, como se adoita pensar. Consideramos que o sistema de royalties que só beneficia a uns poucos é inxusto, tanto para as patentes científicas como para a expresión da creatividade humana. Por iso cremos que non se trata de que os autores cambien de amos. A cultura libre debe estar insere nun movemento colectivo que vaia máis aló das rendas dun tipo ou outro de empresario. Son moitos os creadores que se definen como traballadores da cultura e aspiran a unha remuneración que lles permita manterse e non a seguir gañando máis aló do esforzo realizado. O problema non radica en como seguir cobrando dereitos, senón no xeito de facer que as contribucións intelectuais, artísticas ou científicas pertenzan realmente a toda a sociedade e non só a quen teñen o privilexio de explotalas.

Como en tantas ocasións é preciso deixar ao carón, sequera un momento, o etnocentrismo do primeiro mundo e recordar que para unha verdadeira diminución da brecha dixital hai condicións previas: a chegada da electricidade ao domicilio, diñeiro para comprar un computador, un Estado que che ensinou a ler e escribir, e comer, e ter un teito e un médico para cando che pos enfermo. Éraa dixital non poderá lograr iso se non é imbricándose na loita dos pobos.

Tanto como a democratización da cultura, con máis razón cabe defender a democratización de toda a economía. Non parece razoable aplicar neste debate o termo "democracia" tan superficialmente como se está facendo. Se a maioría dos internautas está en contra do peche de páxinas Web que facilitan o intercambio de arquivos, unha gran maioría de cidadáns está a favor de repartir entre todos a riqueza da que se apropian empresas como o Banco de Santander, Repsol ou Telefónica, distribución que segue a mesma lóxica de quen pedimos un coñecemento universal, e que ninguén ousa expor por unha evidente cuestión de correlación de forzas.

Para reivindicar Internet como un dereito, non como un slogan publicitario, é preciso incluílo dentro do público, como a educación ou a sanidade, e non deixalo en mans de provedores privados que poden acabar coa neutralidade da rede á marxe da lexislación só con aumentar o custo de subir contidos. Sabemos que nas nosas sociedades entregadas á privatización é unha reivindicación difícil, pero necesaria e un goberno que realmente represente ao pobo que o elixiu debería ser capaz de levala a cabo.

No ámbito da cultura hai propostas audaces como a de distribuír o cine español subvencionado baixo licenza copyleft, lexislando para que a percepción de axudas públicas determine a publicación de obras con licenzas libres para lograr a súa máxima difusión. Ou as que pasan pola nacionalización da SGAE e demais entidades de xestión para que a retribución aos creadores deixe de ser unha cuestión privada. Iniciativas como a Carta para a innovación, a creatividade e o acceso ao coñecemento, aínda insuficientes, apuntan a posibilidade de construción de regras distintas. Os intereses que se opón a iso son poderosos. Pero neste momento a evolución dos medios de reprodución abre unha oportunidade para que ningún conglomerado mediático poida decidir que produtos culturais merecen ser distribuídos e cales non. Trátase de entender o P2P como unha gran biblioteca común e non como, unha vez máis, servizos en streaming onde sexan as discográficas ou as editoriais ou as novas empresas da Web quen decidan que soa, lese, imaxina.

Preguntámonos se o goberno ten algún interese, aínda que sexa mínimo, en investigar novos modelos. Nin a lóxica da prohibición, nin tampouco a lóxica do cambio de amo. A política das multinacionais do entretemento foi dirixida a un só obxectivo: expoliar á Humanidade do seu patrimonio cultural. O cambio no modo de reprodución das creacións podería supor un avance para todos. Quizá non sexa fácil. Pero, por unha vez, non é moito máis difícil que prohibir e castigar. Trátase de recuperar a rede para todos os seres humanos e non para as grandes empresas que cada día aprópianse dela un pouco máis.

Subscriben:

Carlos Martínez, xurista, Pascual Serrano, xornalista e escritor, Carlos Sánchez Almeida, avogado, Belén Gopegui, novelista, Santiago Alba, escritor, Ignacio Ramonet, xornalista e escritor, Alex da Noz, músico, Carlos Fernández Liria, filósofo e escritor, Isaac Rosa, escritor, Mercé Molist, xornalista, Constantino Bértolo, editor, Carlo Frabetti, escritor e matemático, Rosa Regás, escritora, Irene Amador, antropóloga, Antonio Arco, músico.
Ler máis...

Real ou virtual?

A realidade aumentada chega á cultura galega. O pasado venres, o CCG presentou en Compostela a súa primeira aposta por esta técnica ao adaptar a ela o Mapa de Equipamentos Culturais. Para empregar este servizo precisas un teléfono móbil iPhone ou Android (en breves tamén se poderá en Symbian) equipado con cámara, GPS e brúxula.

Pero isto da realidade aumentada que ven sendo? É unha tecnoloxía que une elementos reais con virtuais, de xeito que engade información ao que estamos vendo. Este vídeo do novo servizo de Google, o Goggles, explícao dun xeito moi claro.

Tamén os do Consello da Cultura Galega quixeron facer o seu propio audiovisual para amosar para que serve a trebellada esta. A partir de agora, se estamos nunha cidade extraña ou simplemente queremos coñecer máis información dos espazos culturais do lugar, non temos máis que conectar o noso teléfono e buscar!

Ler máis...

Organizacións conectadas

Sempre defendín que, malia os nosos erros, Galiza Nova é a única organización xuvenil cunha actividade real no seo da sociedade. Agora ben, de cando en cando, hai iniciativas de Novas Xeracións ou das Xuventudes Socialistas de Galicia que me parecen positivas e que considero aplicábeis para a miña organización.

Este é o caso da X Escola de Formación da XSG, que este ano levaba o título de "Conecta@s ao mundo" e tiña como eixo central as TIC na política. Efectivamente, o programa podía estar mellor, sobre todo se temos en conta os medios cos que conta a organización xuvenil do PSdeG, pero o que me gustaría comentar hoxe aquí é a idea. No nacionalismo non contamos con espazos formativos que nos permitan aumentar os coñecementos da militancia en novas tecnoloxías e comunicación política, a pesar de que podería supor un avance cualitativo na nosa actividade diaria. Cuestións tan sinxelas como manter un blog, empregar as redes sociais ou enviar un voceiro electrónico son descoñecidas para boa parte do movemento xuvenil nacionalista. Dar un paso adiante neste campo facilitaría a introdución da nosa mensaxe no pobo e melloraría a tranmisión de información a nivel interno. Son moitos os retos que presenta a Sociedade da Información e debemos estar á altura. Afortunadamente, Galiza Nova introduciu nas teses da XI Asemblea Nacional o obxectivo de elaborar un plano de comunicación nos vindeiros dous anos. Agardo que este compromiso non quede en papel mollado e que permita fixar, entre outras cousas, a relación da nosa organización con internet e que aposte por cuestións tan elementais como agregadores de blogs ou redes sociais.
Ler máis...

Celda 211


Coido que na historia desta bitácora, que é longa no tempo aínda que non na produción, falouse de moi poucos filmes. Desta volta vou facer unha expceción, xa que Celda 211 impresionoume moi gratamente. A última película de Daniel Monzón cóntanos a historia dun motín nunha cárcere española no que un funcionario de prisións (Alberto Amman) que non é coñecido polos presos queda encerrado nun dos módulos sublevados. Para sobrevivir nese ambiente ten que facerse pasar por un preso máis chegando a estabelecer unha particular relación de camaradería con Malamadre (Luís Tosar), xefe dos amotinados.

Cando vin por primeira vez o trailer xa tiven a impresión de que ía ser un filme entretido, pero non esperaba máis. Contaba con que se quedase na típica película de acción que nin cuestiona nada, nin convida a pensar. Afortunadamente, trabuqueime. Celda 211 racha completamente coas barreiras tan estendidas hoxe en día de "bos moi bos" e "malos moi malos". É un ataque directo á moralidade e á ética do espectador, amosando situacións extremas nas que as personaxes sen moven no limbo do considerado correcto e da barbarie. O filme aborda temas tan periagudos como o abuso de poder, a brutalidade policial, a tortura nas cadeas, o mundo da droga, a lealdade entre os presos ou mesmo a violencia en Euskal Herria. Precisamente, un dos grandes acertos que ten Celda 211 e ser quen de enfrontersa a todos estes aspectos dun xeito nada maniqueo e provocando que o espectador abandone a sala pensando nos conflitos que acaba de ver. Ou polo menos esa é a sensación que me deixou a min.

Outro dos puntos fortes desta película é o ritmo trepidante que ten. Son feitos moi concentrados que transcorren a unha velocidade enorme pero sen limitar a profundidade coa que trata os temas antes citados. Asemade, cómpre destacar a brillante actuación de Luís Tosar, que sorpende encarnando un papel tan complicado como o de Malamadre. Ollo ao uso da voz.

En resumo, un filme moi recomendábel que non deixa indeferente. Está chamado a ser un éxito en taquilla, o que demostra que se pode facer cine que convide á reflexión e á vez ter éxito entre o público.

Ler máis...

Novos deseños e vellas lembranzas

Neste momento teño a firme vontade de actualizar con frecuencia esta bitácora. Coido que despois de catro anos estudando xornalismo e indo pola vía da comunicación dixital, non estaría de máis que lle dese máis uso a esta marabillosa ferramenta que nos achega internet. Por este motivo preséntovos un novo deseño máis moderno, bonito, integrado e funcional. Ou polo menos iso é o que pretendín facer. Durante os vindeiros días aínda haberá algunha mudanza e intentarei corrixir algún erro que xa detectei, de todos os xeitos admito todo tipo de suxestións e críticas ao actual deseño. Por outra banda, non quero deixar de aproveitar esta entrada para recomendarvos un videoclip que atopei no Youtube. É duns tales Tsunoider e hei de recoñecer que é bastante rancio, pero musicalmente sona ben. Ademais, tal día coma hoxe ten especial relevancia, xa que os dirixentes do mundo capitalista andan a conmemorar a desintegración do socialismo real e a lembrarnos o malos que somos todos os marxistas. Escoitar este tipo de cancións, aínda que sexan un pouco resesas, tamén nos serven para lembrar que non todo foron erros e que algo bo se faría.


Ler máis...

Reflexións sobre Moscova


Estes días houbo moita lea política e mediática co vixémino aniversario da caída do muro de Berlín. O grande símbolo da desintegración do socialismo real segue a empregarse polos líderes occidentais para reafirmar o modelo político e económico que venceu na Guerra Fría. Pouco importa a crise social que se vive no leste, ou que un 40% da poboación xermano-oriental olle con nostalxia a vella RDA. Moita razón tiña Franciso Frutos cando afirmaba nunha entrevista recente que sobre o muro de Berlín "demagoxias as xustas", que el non estaba a prol da construción de ningunha muralla pero que non lle vale a dobre moral de atacar ao alemán e ollar cara outro lado cando se fala do que edificado polo estado de Israel.

Hoxe, 7 de novembro, tamén estamos de aniversario e ten que ver cos países do leste. Cúmprense 92 anos da Revolución Rusa, a primeira experiencia que constituíu un estado de carácter socialista. Non podemos negar a influencia que tivo a creación da URSS nos movementos de esquerda en todo o mundo. Por fin había un referente, un lugar onde se estaba a aplicar todo aquilo que se predicaba e un modelo para o que mirar. Por este motivo tampouco podemos negar que a caída do bloque soviético supuxo unha enorme conmoción para a esquerda. A desaparición do exemplo a seguir fixo provocou unha desorientación que aínda estamos a vivir a día de hoxe. Se temos dúbida disto, non hai máis que preguntarse por onde están as alternativas de carácter anticapitalista no contexto da crise económica.

Eduardo Galeano dicía sobre a caída da URSS que fomos convidados a un funeral no que o morto non era o noso porque o socialismo que desapareceu non era o das nosas utopías. É importante non esquencer de onde vimos e recoller o positivo de todas estas experiencias que quixeron avanzar na construción dun mundo mellor. Pero tan perigoso é o olvido como a mitificación. A construción dunha alternativa ao sistema capitalista non debe percorrer os vieiros que xa se amosaron equivocados, senón que ten que ser repensada de xeito que se adapte ás novas realidades. Quédome co que dixo Francisco Frutos na entrevista citada un pouco máis arriba.
A veces hemos pensado que teníamos en nuestros textos las verdades históricas para siempre. Y hemos olvidado algo fundamental: el marxismo es el conocimiento de la realidad concreta en el momento concreto. El triunfalismo, pensar que tus ideas son las mejores y que con explicarlas ya se ponen en marcha... No. Hay que conocer la realidad y hacer propuestas.
Ler máis...

O futuro dos medios de comunicación




Nova entrega de "Miércoles en la Redacción", tira cómica que publica a bitácora www.233grados.com. A min fíxome bastante graza. Ler máis...

Carlos Luís Rodríguez e a nova TVG

Ultimamente estase a falar moito dos criterios de obxectividade que emprega a TVG desde que o Partido Popular chegou ao goberno. A primeira advertencia do que nos podía vir enriba tivémola ao pouco de comezar a lexislatura co documentario sobre as vacas tolas no programa Caixa Negra. Agora, após da manifestación de Queremos Galego! o debate sobre o tratamento informativo do medio público voltou á actualidade con maior ou menor fortuna. Neste senso, o exemplo máis sangrante coido que foi a entrevista que lle fixo Carlos Luís Rodríguez a Carlos Callón a pasada semana no programa "Foro Aberto". Agora lembro aquela época na que este señor dedicaba columnas enteiras en El Correo Gallego a loar a xestión de Quintana á fronte do BNG. Nunha das citas máis coñecidas de Mao Zedong viña a dicir que era bo que inimigo nos atacase porque iso significaba que estabamos a facer as cousas ben. Se seguíramos a máxima do vello revolucionario chinés teríamonos dado conta do mal que o debiamos de estar a facer.

Ler máis...

Foi un 12 de agosto

Levaba tempo sen escribir na bitácora. Como xa dixen noutras entradas, o traballo e a preguiza pasan factura pero a ver se desta volta me animo e doulle un pouco máis de continuidade a isto (gustaríame saber cantas veces me fixei este obxectivo desde que abriu Revolta Rockeira).

Seguro que moitos de vós, ao mirar que data é hoxe, xa saberedes de que vou falar. Como non podía ser doutro xeito nun doce de agosto, a entrada está dedicada a Moncho Reboiras. Non quero enrrollarme explicando a figura deste histórico militante nacionalista, pois iso xa o fixen noutro post. Mais si que me gustaría facer un par de reflexións. A primeira delas é sobre a importancia de conmemorar a este tipo de figuras. Pódese escoitar en certos sectores do nacionalismo, sobre todo nos chamados "aperturistas", que as homenaxes a Moncho Reboiras e ás loitas daquela época forman parte do pasado e que pouco ou nada inflúen na sociedade de hoxe en día. Pode que non sexa un tema de actualidade, que xa pasaron moitos anos do seu asasinato, mais coido que non debemos perder a memoria. É fundamental coñecer a nosa historia, saber de onde vimos, para poder fixar o rumbo que queremos seguir. Non debemos caer na exaltación dos símbolos pero tampouco prostituílos. Os 12 de agosto débennos servir para recordarmos que é o que nos leva a defender a causa do nacionalismo e da esquerda e lembrar a todos aqueles que deron o mellor das súas vidas por un proxecto no que crían. Incluídos -e isto semella que a UPG o esquece- aqueles que por un ou outro motivo ficaron excluídos do discurso oficial do movemento nacionalista galego pero que traballaron, traballan e traballarán polo mesmo que Reboiras, Bóveda e todos os mártires do pobo galego. Ler máis...

Día da Patria 2009


Polo seu interese -e polas poucas ganas de escribir- reproduzo unha carta de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG.

Día da Patria 2009

Benqueridos/as Compañeiros/as

O 25 de Xullo temos unha cita inescusábel en Santiago de Compostela, o Día da Patria Galega, a grande manifestación de reivindicación dos nosos dereitos nacionais. A esta altura, é ben perguntarse polo estado da nosa patria e non encarar esta data con espírito rotineiro, senón con renovados azos e con grandes doses de entusiasmo.

Como está Galiza? Realmente o país vive un momento difícil, mesmo duro, e con horizontes que apresentan non poucas incertezas. Momentos complexos que requiren de nós, as e os nacionalistas galegos, que deamos o mellor de nós mesmos, porque temos a inmensa responsabilidade de sermos a forza política sobre a que descansa o proxecto nacional galegeo.

A crise económicaestá a afectar gravemente as condicións de vida de centos de miles de compatriotas, a comezar polos máis de 200.000 que neste momento se achan no desemprego. A situación da economía galega e dos seus motores básicos -eis o estado de emerxencia en que se atopa o complexo agro-industria- é francamente delicada, o que compromete o futuro da nosa nación de non reaxirmos con coraxe e sen perda de tempo. No plano político, batemos cun Goberno do señor Feijóo que, aínda sen cumprir os 100 primeiros días de mandato, xa ten amosado a súa faciana máis reaccionaria e anti-galega. Sen ofrecer nen unha soa medida de calado para enfrentar a crise económica, o Goberno Feijóo, no canto de converter a criación de emprego con dereitos na prioridade número un da súa xestión, céntrase obsesivamente nun único obxectivo que non é outro que... A liquidación da lingua galega!

Se temos autogoberno é precisamente porque somos unha nación e porque temos unha lingua propia. Pois ben, o Goberno Feijóo quer pasar á historia por ser o primeiro executivo que tenciona liquidar aquilo -a lingua como símbolo da existencia da nación- que dá sentido e orixe á súa propia existencia como poder politico. Alguén imaxina ao goberno español lexislando contra o castelán? Ao catalán contra o catalán? Ao francés contra o francés?

En menos de 100 días, o Goberno Feijóo xa eliminou o requisito do coñecemento da lingua galega para o acceso á Administración pública. Isto significa que aquí, a xuízo do PP, só hai unha lingua relevante e necesaria. A lingua de Castela. Para o PP, a lingua de Galiza é prescindíbel. Feijóo busca con esta agresión sen precedentes ao idioma do país o aplauso non tanto das súas bases electorais galegas –onde hai sectores que non se senten cómodos con esta medida-, senón dos ideólogos do aznarismo e dos tele e radiopredicadores máis ultras de Madrid.

Non por acaso o BNG ten elixido como lema para o 25 de Xullo o de Movámonos polo noso idioma, polo emprego. Movámonos, si, porque ninguén nos vai tirar as castañas do lume e porque sen mobilización social non será posíbel facermos valer os nosos dereitos como pobo. Polo noso idioma, si, porque está seriamente ameazado pola dereita española en Galiza e polas súas poderosas terminais mediáticas. E polo emprego, porque agora máis que nunca é preciso pormos o traballo como centro de gravidade dun novo modelo de economía produtiva ligado ao dereito a traballarmos con dignidade na propia terra, tal e como reclamaba Castelao no Sempre en Galiza.

Ninguén pode ficar na casa o Día da Patria Galega. Debemos protagonizar todos e todas un Día da Patria masivo que sexa a resposta contundente que merecen as políticas antisociais e antigalegas do Partido Popular. Agora máis que nunca é necesario que o nacionalismo mobilice todas as súas enerxías para defender o País fronte a aqueles que o desprezan. Agora máis que nunca é necesario comprometerse con Galiza. Ánimo e até vérmonos nas rúas de Compostela!
Ler máis...

Unha carta sobre a lingua.

Levaba días querendo escribir algo sobre a lingua do país pero, entre o traballo e a preguiza, funo deixando de lado. Hoxe pasáronme un vídeo que saiu no programa "Ben falado" que me impresionou enormemente. Creo que nada do que puidera escribir igualaría as verbas da anciá autora desta carta. Desfrutádeo.

Ler máis...

Dereita dos anos trinta, un artigo de Xavier Vence

Estes días ando un pouco liado por mor dos exames, mais quero seguir dándolle continuidade a esta bitácora. É por iso que desta volta non actualizarei con material propio, senón cun artigo do economista Xavier Vence que foi publicado este sábado no Xornal de Galicia. Sen dúbida, unha das mentes máis lúcidas que ten este país en xeral e o movemento nacionalista en particular.

DEREITA DOS ANOS TRINTA

Pode dicirse sen o cliché dos calificativos históricos pero o certo é que a dialéctica política da dereita neste país –e tamén noutros– recupera cada vez máis o ton dos anos trinta. Son moitas as coincidencias con aqueles anos. Hoxe coma daquela, vivimos unha depresión que resulta do fracaso dun modelo de liberalismo económico extremo. A desvalorización dos activos, das accións, a queda dos prezos e o endebedamento insoportable introducen o pánico nas capas dos autónomos e pequenos empresarios que ven perigar o seu status e os seus negocios; tamén moitos pequenos inversores inmobiliarios. O paro galopante leva inseguridade e creba financeira a uns fogares que viven ao límite. Coma daquela.

Pois ben, a dereita está a erguer un discurso mimético ao daqueles anos de trincheiras e “cristais rompidos”. Diante do acurralamento e crise do seu modelo socioeconómico bota man dun discurso radical, de fuxida cara adiante, con palabras gordas e moito odio visceral. A falla de alternativas reais á crise lévaos a recuperar o patriotismo resentido e ameazante: “España está en peligro”, “España se rompe”, “el español está en peligro”. O galego é un invento caprichoso dos nacionalistas para amolar e erradicar o español.

Non existe o dereito, existe o poder, a liberdade primaria non suxeita a normas. Recuperan os valores máis reaccionarios da moral católica tradicional: o fundamentalismo relixioso érguese por riba das leis civís; a liberdade individual –dogma no económico– supedítase aquí aos valores impostos pola tradición e a xerarquía eclesiástica entregada á última cruzada: familia tradicional, aborto, anticonceptivos, preservativo, mesmo por riba de perentorios motivos de saúde pública. Non importa que estea en aberta contradicción coa vida real dos que se erixen en abandeirados: a dereita usa anticonceptivos, aborta, divorciase, practica a homosexualidade, etc, etc. O importante é a moral proclamada para imporlla ao vulgo –dominio do corpo e do ser– e sobre todo erguela como bandeira que tape a falta de respostas para a crise do modelo social.

A inversión da realidade, a mentira reiterada son requisitos para impoñer unha axenda baseada na sectarización irracional, a crispación, o encirramento, as adhesións inquebrantábeis. O débil é o que impón; o agredido é o agresor; o corrupto é vítima dos inquisidores... Ese radicalismo neocon é un fenómeno mundial que aquí ven remexido, coma nos tempos de José Calvo Sotelo, coa sacrosanta unidade da patria ameazada pola imposición dos exércitos regulares dos nacionalismos disgregadores. Mesmo as autonomías –e as linguas– son un perigo para unidade de mercado, salvo cando quen racha é Esperanza Aguirre. Fronte a esas ideas –vellas– a diletante esquerda posmoderna parece ter só dúbidas e complexos. Non é tanto un problema de novas ideas, como de ter ideas e saber defendelas. Entretanto, o metal e os tractores van por diante.


Xavier Vence Deza en Xornal de Galicia

Ler máis...

Motores preparados para o Metalway Festival!

Hei de recoñecer que nos últimos tempos deixei un pouco de lado dous xéneros que sempre me caracterizaron: o metal e o rock. Estiven camiñando por outros derroteiros como o folk, o punk, o ska ou mesmo a música de autor. Esta viaxe musical permitiume abrir miras, pero agora volvo a sentir a chamada dese son duro e potente que marcou boa parte da miña vida. Estou volvendo a ler as revistas especializadas, a porme ao día no mundiño, a escoitar os clásicos e a actualizarme cos novos lanzamentos. É por iso que quero dedicar esta entrada a un dos eventos heavys máis senlleiros dos Estado Español. Falo, como non podía ser doutro xeito, do Metalway Festival.



Todos lembramos con tristura, como a edición do pasado ano tivo que ser cancelada no último momento por mor da choiva. Por iso, este ano os que amamos esta música temos a necesidade de nos quitar esa espiña e poder desfrutar desta grande cita metaleira. Para máis inri, o festival durará catro días divididos en dúas fins de semana (a do 20-21 e a do 26-27) e nel producirase a reunión de dúas grandes banda de rock: Barón Rojo e Warlock. Por primeira vez desde 1989, os irmáns de Castro volverán a pisar o escenario acompañados de Sherpa e Hermes Calabria, recuperando así a formación que fixo de Barón a máis grande banda do heavy español. Pola súa parte, a cantante alemana Doro Pesch xuntarase unha vez máis coa formación orixinal de Warlock, o grupo que lle permitiu dar o salto á fama.

Se tan só por estas dúas reunións xa pagaría a pena ir a Zaragoza, vaísevos facer a boca auga ao ver a lista das bandas que tocarán neste Metalway Festival: Manowar, Mötorhead, Twisted Sister, Stratovarius, Queensryche, WASP, Europe, Fear Factory, Warcry, Childern of Bodom, Saxon, Gotthard e un longuísimo etc! E por se fose pouco, un día antes do comezo do festival, terá lugar unha festa de benvida na que tocarán a portas abertas nada máis e nada menos que Obús e Ángeles del Infierno!

Sen dúbida, o Metalway estase a converter nunha cita inexcusábel no programa de festivais metaleiros en Europa. Nestes momentos é cando maldigo que para as datas nas que se vai celebrar aínda estea en exames, senón tería feito todo o posíbel para estar en Zaragoza as dúas fin de semanas nas que haberá concertos. Por se a alguén lle interesa, de Galiza saen dúas viaxes organizadas. Unha da man da empresa Metaltrip e outra de Breakpoint. Con estes últimos eu fun ver a Iron Maiden a Lisboa e o certo é que quedei bastante contento con como foi todo. Da outra empresa non teño referencias. De tódolos xeitos, creo que calquera dos que nos gusta esta música iriamos se fai falla andando con tal de poder disfrutar deste enorme festival.

LONG LIVE ROCK´N ROLL! Ler máis...

A Grande Evasión, novo disco de Ataque Escampe

- A veces haces planes y las cosas se complican y entonces tienes que actuar. Con rapidez, ¿entiendes?
- Sí
- Tengo que arreglar unas cosas fuera.
- ¿Una evasión?
- Sí, ¿quieres venir?
A Grande Evasión, John Sturges (1963)
Así comeza a nosa viaxe. Na cadea, preparando a evasión. O noso obxectivo? Saír. O punto de destino? A cadea outra vez. Unha viaxe de ida e volta por un mundo extraño, de paraxes arredadas e xélidas, con animais que ninguén viu e rodeado de grandes lendas do cinema.



A Grande Evasión é o novo disco de Ataque Escampe. Musicalmente, é continuador dos seus anteriores álbums, Ed Woods e a invasión dos paraugas asasinos e Galicia es una mierda. Porén, nalgunhas cancións desta nova obra aparecen timidamente algúns acordes electrificados, como pode ser o caso de Narval, o cuarto corte de A Grande Evasión. No que as letras se refire, seguen a ter unha complexidade abraiante. Pódelas ter lido e escoitado un cento de veces que sempre atoparás algo novo. É sorprendente a cantidade de referenzas a clásicos do cinema, da música ou da literatura que viaxan polos textos de Ataque Escampe e que aparecen perfectamente ensamblados nas pequenas historias que nos contan en cada canción. Se cadra, neste disco vexo menos referencias á vida local de Compostela e en concreto a Vistalegre, o seu barrio natal. No álbum anterior, Galicia es una mierda, parecía que nos estabamos a mergullar pola movida nocturna da capital ao percorrermos lugares de culto como o Tarasca, o Maycar ou o Ruta. De tódolos xeitos, este feito non fai desemerecer en absoluto o traballo de Ataque Escampe. Tan só lle dá un toque diferente.

En resumo, A Grande Evasión é un disco que serve para consagrar a Ataque Escampe como unha das mellores bandas do panorama musical galego. Música orixinal, divertida, con letras acedas e que desde logo non deixan indiferente.

Como é habitual, o álbum está editado en A Regueifa Discos e pode descargarse gratuitamente desde o seu netlabel, xa que Ataque Escampe fan unha aposta decididad polo copyleft.


Ler máis...

En defensa da radio pública

A chegada do PP á CRTVG xa se comeza a notar. Censurouse un documentario sobre a crise das vacas tolas, o comité de empresa alzou a súa voz en contra dos novos nomeamentos e programas como Aberto por Reformas perden a súa frescura orixinal ao mudar tanto os contidos como o locutor. Neste sentido gustaríame publicar nesta bitácora un manifesto promovido polo portal musical Komunicando, no que se denuncia o despedimento de Xurxo Souto da Radio Galega e a conseguinte desparición da música galega de Aberto por Reformas.

MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG. 
Contra a censura e a marxinación da música galega.


Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG: A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega “. 

Diante da eliminación da música galega do programa 
ABERTO POR REFORMAS , e en relación coa deformación e perversion dos seus contidos… 

Consideramos que este programa viña sendo…
  • Un programa plural, aberto á cidadanía e participativo, como a sociedade na que queremos vivir e, precisamente por iso, um programa onde a música se vivía con vitalidade, intensidade e enerxía. 
  • Un programa cun forte pulo dinamizador para a música que se está a facer hoxe na nosa lingua, no noso país, como un espello diario no que a xente preocupada pola música de calquer tendencia ollabamos unha realidade socio-cultural que está a transformar a historia da nosa música. 
  • Un programa, enraizado na radio de todos e todas as galegas, cunha vocación pública fundamental, ofrecendo a música que se está a facer no nosso país como un ben público de interese xeral. 
  • Un programa que axudaba a tecer os fios da rede socio-cultural da música galega, que nos relaciona ás persoas que facemos a música do século XXI coas persoas que queren gozar, emocionarse e vivir a música do presente. 
  • Un programa que, durante os seus máis de 900 (¿?¿¿) días de emisión, día a día, fixo que –como recolle o Plan Xeral de Normalización da Língua Galega , aprovado por consenso polos tres partidos políticos maioritarios- o galego estivese vinculado e fose vivido por milleiros de persoas como referente de modernidade, como un motor de normalidade língüística cotiá. 
  • Un programa que materializaba de forma sobresaliente a natureza e principios da propia CRTVG, no artigo primeiro da súa Lei de Creación: a promoción, difusión e impulso da lingua galega 
  • Un programa que, nun contorno social e mediático onde a cultura, a lingua e a música galega son minoritarias, minorizadas e desprezadas por múltiplos agentes sociais e institucionais, se baseaba na posta en valor da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música. 
  • Un programa absolutamente xeneroso, respectuoso e honesto nas relacións humanas coa xente que está criar, a comunicar, a compartir, a impulsar, a gozar coa música deste país.
  • Un programa, ademais, aberto a culturas e músicas de todo o planeta, poñendo a música galega en relación -en pé de igualdade- coa doutras partes do mundo, con especial interese polas músicas irmás da Lusofonía.
...e por iso...
  • Entendemos que esta medida de eliminación da música en língua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas. 
  • Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida –cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade. 
  • Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública. 
  • Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA! 
  • Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.

Se queres asinar este manifesto, non tes máis que clicar
aquí e enviar os teus datos. Ler máis...

Castigados por paiasos

Hai xa catro meses da manifestación contra o galego organizada por Galicia Bilingüe, pero aínda hoxe seguimos a ver as súas consecuencias. Tal e como informa Vieiros, a Delegación do Goberno español en Galiza comezou a mandar esta semana as primeiras sancións a algunhas das persoas que participaron nas mobilizacións contrarias á marcha antigalega. Entre elas atópanse varios activistas que fixeron parte da acción ridiculista organizada polo colectivo Sei o que nos figestes nos últimos 525 anos. Este grupo demostrou con feitos unha frase que lle escoitei unha vez a Ramom Lôpez-Suevos: pódese ser radical e sensato. No canto de lanzarse como animais sobre os de Galicia Bilingüe, a xente de Seioque deulle unha pensada ao asunto e apostou por unha acción efectiva, pacífica e con sentido do humor. Mentres algúns pretendían defender a lingua a botellazos, eles disfrazáronse cos tópicos españois e sumáronse á marcha de Galicia Bilingüe con máis forza que ninguén. Iso si, pronto atoparon cunha policía tremendamente violenta que mallou neles polo simple feito de empregar un humor intelixente.  Segundo Vieiros, dúas das persoas que participaron nesta acción recibiron avisos de sanción nos que os acusaban de "orixinar graves desordes nas vías, espazos ou estabelecementos públicos, ou causar danos graves aos bens de uso público". 

 

Socialmente asúmese esta represión como algo normal. Vincúlase este tipo de activismo con movementos extremistas e lexitímanse tanto as agresións policiais como as posteriores sancións porque supostamente estas persoas perturban "a orde democrática e de liberdades". Non se reflexiona nin se analizan os feitos obxectivos. A estas persoas vanas multar por iren disfrazados, non por agredir a ninguén, nin tan sequera por insultar. Simplemente por empregar o sentido do humor como ferramenta de acción política. 
Ler máis...

URXENTE: 10.000 euros para calarlle a boca a Conde Roa




Hai xa uns meses, pouco despois da manifestación de Galicia Bilingüe, o concelleiro do PP compostelán, Gerardo Conde Roa, denunciou que en varios locais da cidade se organizaban actividades de kale borroka e paraterroristas. Estes lugares eran, segundo el, os centros sociais Gentalha do Pichel e Henriqueta Outeiro e a Sala Nasa

Calquera persoa que coñeza un mínimo o panorama cultural compostelán, sabe ben que estes locais xogan un papel importante de dinamización na cidade. Grazas ao esforzo persoal de moitos homes e mulleres, mozos e mozas preocupados pola defensa da nosa cultura, estes locais dan abeiro a un grande número de actividades diversas como concertos, roteiros, charlas, recitais ou obras de teatro.

O líder da dereita compostelá, denunciou que ningún destes locais contaba con licenza municipal, polo que o centro social a Gentalha do Pichel será pechado na vindeira semana. O único que precisan para pór os seus papeis en regra é instalar un ascensor para minusválidos. O problema é que o custe desta obra é de 10.000 euros, unha contía enorme para unha asociación tan humilde como a Gentalha. Se non queren ver o centro pechado, teñen que aboar 5.000 euros de entrada para comezar coas obras. É por iso, que comezou unha campaña para recaudar fondos entre socios e amigos desta entidade cultural. No local do Pichel están dispoñíbeis bonos axuda de distintas contías e habilitouse unha conta de Caixa Galicia para realizar doazóns. O número é 2091 0316 92 3000223595 e hai que indicar no concepto do ingreso "achega para o elevador".

Anímovos a todos e a todas a que colaboredes no que poidades con esta entidade cultural para evitar que a dereita españolista remate coa cultura de base na cidade de Compostela.

SOLIDARIEDADE COA GENTALHA DO PICHEL!
Ler máis...

Reflexionando sobre a xornada de loita

Durante as últimas semanas, os Comités estiveron a desenvolver unha intensa campaña en contra da reforma do actual CAP baixo o lema “que non te CAPen co mestrado” que cristalizou no día de hoxe nunha xornada de loita en todo en todo o país.


O desenvolvemento desta campaña amosou certas diferenzas a respecto doutras desenvolvidas polos Comités nos últimos anos. O modus operandi que estaba a empregar a organización estudantil até o momento era o seguinte:


1º. Seleccionábase unha reivindicación relacionada co proceso de Boloña de xeito que se puidese amosar como unha batalla concreta no marco dunha loita moito máis ampla contra a implantación do EEES. Froito deste razoamento naceron campañas como as de oposición á suba das taxas ou a defensa dun mellor financiamento público.


2º. Convocábase unha xornada de folga en todo o país con concentracións ou manifestacións nos 7 campus.


3º. Comezaba unha intensa campaña de divulgación. Os membros dos Comités enchían tódalas facultades de pancartas, repartían milleiros de voandeiras e recollían o maior número posíbel de sinaturas en apoio á campaña en cuestión.


4º. Durante a xornada de folga, os Comités organizaban piquetes informativos que ían facultade por facultade informando do paro aos estudantes que pretendían ir a aulas.


5º. Celebrábase a concentración ou a manifestación (dependendo do número de xente)


Mais este modelo estaba claramente estancado, tal e como se puido comprobar en anteriores convocatorias. A pesar de que se gastaba un enorme capital humano e material en explicar as reivindicacións e instar ao estudantado a que secundase a folga e acudise ás manifestacións, a resposta era bastante negativa. Exceptuando na primeira mobilización en contra da suba das taxas (hai xa case dous anos disto), as xornadas de folga convocadas polos Comités servíanlle á xente como escusa para faltar a clase e/ou marchar para casa e moi poucas persoas acudían ás concentracións. Ficaba claro a estudantado non lle prestaba moita atención nin ás pancartas que cubrían as paredes da facultades, nin aos milleiros de voandeiras repartidas, nin tampouco ás reivindicacións a prol das que asinaban. Os Comités tiñan un problema grave á hora de interactuar co estudantado.


Nesta última campaña en contra da reforma do CAP, os Comités pretenderon mudar algunha das vellas prácticas de cara a mellorar o xeito de dirixirse ao estudantado. En primeiro lugar, eliminouse a tradicional folga de día enteiro e substituíuse por unha “xornada de loita” que se debería concretar nunha actividade máis imaxinativa e atractiva para o alumnado. No caso da USC elixiuse un enterro simbólico da universidade. Por outra banda, apostouse por uns métodos de propaganda “diferentes”. Nalgunhas facultades colocáronse polos corredores caixas que representaban as distintas trabas que se atopaban os estudantes (CAP, mestrado, Boloña, taxas...), penduráronse esquelas das paredes que chamaban á xente a acudir ao enterro da universidade pública e mesmo se formulou a idea de organizar unha pequena obra de teatro, aínda que ao final non fose levada á práctica. Pero o que realmente diferenciou esta campaña de outras foi que dous días antes da xornada de loita, 8 membros dos Comités se pechaban na reitoría da USC.


E cales foron os resultados desta campaña? Principalmente dous. En primeiro lugar que o peche facilitou que se abriran negociacións coas autoridades universitarias cuxos resultados se saberán nos vindeiros días. En segundo lugar que o número de asistentes ao “enterro da universidade” aumentou lixeiramente a respecto de anteriores convocatorias. Uns 200 estudantes aproximadamente participaron na manifestación.


Non me gusta pontificar nin sentar cátedra pero si que querería formular unha serie de reflexións que poidan contribuír a unha análise desta campaña.


Deben conformarse os Comités con sacar á rúa a 200 persoas? Só con botar unha breve ollada á historia do Movemento Estudantil Nacionalista penso que 200 persoas non son abondo. O estudantado galego ten amosado en moitas ocasións que ten capacidade de mobilización e que se pode aspirar a xuntar a moita máis xente en torno a unha reivindicación como a do novo mestrado. Se o Sindicato de Estudiantes, malia ser unha organización pantasma, foi quen de sacar á rúa a case un milleiro de persoas, os Comités non se poden contentar con 200.


Estaba ben orientada esta campaña? En facultades como historia ou filoloxía o CAP e o mestrado son un problema moi grave, pero en outros centros xa non é que non sexa unha preocupación, senón que en moitos casos non saben nin o que é o antigo CAP. Se cadra en moitas facultades estábase a facer un traballo moi grande en explicar un problema que non lles afecta directamente e deixábanse de lado outras reivindicacións de maior interese para o estudantado.


Se non hai capacidade para facer un peche en condicións débese facer igual? É evidente que non hai nada máis efectivo como que o estudantado dunha facultade se peche nela durante varios días, pero tamén é evidente que a correlación de forzas a día de hoxe non permitía tal cousa. Por este motivo búscanse outros lugares para fecharse como a reitoría. Non me cabe a menor dúbida de que o feito de que aínda hoxe haxa 8 compañeiros diante do despacho dun vicerreitor serviu para forzar unha negociación. Agora ben, non pode dar a imaxe de que é unha “pataleta” e que non é cousa seria por non ter pechado un edifico enteiro? Non o sei, teño dúbidas.


O feito de que os Comités só leven a 200 persoas a unha manifestación débese a un erro na campaña ou unha mala práctica no día a día? Mao dicía que os revolucionarios debían ser “peixes na auga”. Non estarán a caer a día de hoxe tódalas organizacións estudantís no erro de estar tan separados do alumnado que non son quen de facer un traballo de concienciación no día a día?


Son só unhas reflexións abertas que me foron vindo á cabeza despois da xornada de loita. Están un pouco desordenadas e nalgúns casos pouco desenvolvidas, pero creo que todos os que participamos no Movemento Estudantil Nacionalista debemos facer unha reflexión crítica e construtiva desta campaña. É o único xeito de evitarmos caer nos mesmos erros e avanzar na construción dun ensino PÚBLICO, GALEGO, DEMOCRÁTICO e de CALIDADE.


Venceremos nós!

Ler máis...