Apuntamentos sobre a selección nacional

Nos últimos catro anos, cando chegaban estas datas, moitos galegos e galegas peregrinabamos a Compostela, a Coruña ou a Vigo para apoiar á nosa selección nacional de fútbol. Milleiros de gorxas que berrando ao son de GA-LI-ZA e unhas poucas menos que tamén pediamos a oficialidade do noso combinado. Coa reconquista por parte da dereita do goberno da Xunta, este símbolo da nosa identidade colectiva desaparece baixo unha palabra que pode xustificar desde a privatización da sanidade até retirada das axudas á tradución de libros ao galego: AUSTERIDADE.

As reaccións non se fixeron esperar. Os primeiros? Siareiros Galegos, que organizan para hoxe unha ambiciosa xornada que conta con manifestación pola oficialidade, partido e concerto. Foron quen de recrutar a un feixe de xogadores da terceira división galega, capitaneados por Fernando Vázquez e Pilar Neira, para se enfrontar cun combinado internacional. E isto ten bastante mérito.

Malia todo, non son eu unha persoa que lle teña especial agarimo a Siareiros Galegos. Critico calquera movemento de “barras bravas” que instigue a violencia no deporte, e nesta plataforma xúntanse Celtarras, Riazor Blues e Fendetestas con Nós-UP e AMI. O mellor de cada casa. Agora ben, malia as miñas críticas, lamento profundamente que Galiza Nova non apoie este acto. Ás veces é mellor tragar algo de bile e acudir a actividades que vaian ter unha certa incidencia social no canto de organizar concentracións de cara aos medios nas que van estar os militantes e pouco máis, como fai o BNG para o vindeiro luns. Unha cousa é manter un perfil propio, e outra é negarnos a apoiar un actividade moi interesante polo feito de que a organice un colectivo co que temos diferenzas. Ademais, as críticas que lle fai Galiza Nova a Siareiros Galegos van por vieiros moi diferentes ás miñas, e céntranas en discrepancias que había cando a nosa organización participou neste colectivo de apoio á selección.



Se o BNG non foi quen de organizar o partido á marxe da Xunta desde os concellos das cidades (ás veces hai que empregar a representación para algo máis que para xestionar o que xa hai), Galiza Nova o mínimo que debía ter feito era darlle soporte a esta iniciativa que parte da sociedade civil e que pode facerlle a puñeta ao goberno de Feijoo.

3 comentarios:

28 de dezembro de 2009 às 13:48 anxo sanchez disse...

Boas Duarte

Non comparto a crítica contra Siareiros que fas nesta entrada. Como persoa que asisto (e colaboro no que podo) aos seus actos e manifestacións non é verdade que se "instigue á violencia no deporte" dende o colectivo. É máis, en todas as manifestacións foi a policia quen comezou coas provocacións.
No caso das cargas e enfrontamentos da manifestacións da corunha foi en ambos casos a policia quen indiscriminadamente comezou a repartir. Tanto no 2006 metendo as grilleiras a toda velocidade por enriba do paseo marítimo ponhendo en perigo a toda a xente q por ali estaba (manifestantes e non manifestantes) a cal foi denunciada pola súa barbaridade e desproporción até na propia páxina da CIG, coma na do 2008 onde xa rematada a manifestación mandaron a 3 persoas ao hospital.
No caso do pasado sábado estaría ben que se dixera que a delegación do goberno espanhol mobilizou a centos de policias antidisturbios (eu contabilicei máis de 15 grilleiras) fortemente armados, con porras, escudos e lanzapelotas en man, nun intento de intimidación e provocación na que non se caeu en ningun momento.

Por outra banda, que xente de Celtarras, Blues, Fendetestas, Nos-UP ou AMI participe non creo que sexa un argumento de peso que lle quite mérito nin credibilidade a Siareiros. Cada quen participa no que mellor lle parece e non creo que debamos caer nos estereotipos. Hai tamen xente do BNG, de gz nova e dos Comités que participa en Siareiros e quizáis máis do que se pensa.

Temos que apoiar sen dúbida calquer tipo de iniciativa a prol das seleccións nacionais, xa sexa de Siareiros ou do BNG, porque ou estamos todos no mesmo ou non imos conseguir nada. Hai que destacar que Galiza Nova é a única organización, ou iso creo polo menos, que organiza actos nas diferentes comarcas do pais sobre este tema e iso é algo a destacar sen dúbida mais no caso dunha mobilización nacional era bo estar tod@s xuntos no mesmo e asi no canto de ter 500-1000 persoas na mani do sábado e outras tantas na do bloque quizais foramos 5000 ou máis.

venha duarte, ao ver o teu blogue deronme ganhas de abrir o meu de novo, a ver se o fago agora xDDD
un saúdo...

28 de dezembro de 2009 às 14:57 Duarte Romero Varela disse...

Ola Anxo.

Graciñas por comentar e darlle vida a isto! A ver se te animas a volver ao blogomillo.

A miña crítica a Siareiros (e ás barras bravas en xeral) non vai polo que aconteza nas manifestación senón no campo. A nivel persoal é difícil simpatizar con xente coa que tiven problemas pola súa violencia. Fun árbitro durante seis anos e aínda lembro cando tiven que saír escoltado dun estadio por mor do intento de agresión dos Fendentestas. Lanzar bengalas ou botes de cervexa non me parece unha actitude moi positiva.

Evidentemente, en Siareiros hai xente coa que si comparto moitas cousas. E creeme que a crítica non é por seitarismo, senón que por experiencias persoais cústame valorar unha iniciativa na que xente dos grupos que citei arriba teña un papel tan protagónico.

Por outra banda, claro que valoro como positivo que Galiza Nova organice actos nas comarcas. Pero deume mágoa que non apoiase este polo ben montado que estaba. E para que diga eu isto co pouco que me gustan os Siareiros...

Saúdos!

29 de dezembro de 2009 às 00:38 anxo sanchez disse...

Concordo contigo polo de Galiza Nova. O resto non sei en todo caso mal por esa xente pero as actitudes de certas persoas non poden manchar a toda unha organización.

en todo caso a loita é comun e ahi temos q estar

saúds!

Postar um comentário