1-Introdución
O Plano de Boloña. Que é? En que consiste? Que trae consigo? Estas son algunhas das moitas preguntas que os estudantes podemos formularnos sobre este tema, do que tanto se fala pero sobre o que parece haber moi pouco coñecemento. Somos os estudantes os máis afectados por Boloña, pero somos os que menos sabemos dela. Semella que ás Universidades non lles interesa que o estudantado coñeza o que supón esta reforma.
O Proceso de Boloña inscríbese dentro do proxecto de converxencia neoliberal europea. Nun principio consistiría na homologación do sistema de créditos dunha gran maioría dos países do continente. Porén, en realidade é un duro ataque contra o ensino público e un intento de acoutar o acceso á universidade restrinxíndoo ás elites sociais e económicas. O capitalismo europeo quere aplicar as medidas neoliberais máis duras para poder entrar de cheo na educación superior e convertela nun novo mercado onde lucrarse. Detrás deste Plano está, como non podía ser doutro xeito, a Organización Mundial do Comercio (OMC), disposta a facer negocio con calquera cousa.
2- Historia
O Plano comezou a se xestar coa declaración da Sorbona (París) en 1998 e continuou a súa andaina coas de Boloña (1999), Praga (2001) e Berlín (2003). A pesar das boas intencións e palabras bonitas destes catro documentos están case baleiras de contido real. En ningunha delas aparece reflectida a nova organización das universidades nin a permanencia da universidade pública.
O resultado do Proceso de Boloña será a creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deseñado por políticos profesionais e empresarios da educación. No Estado Español xa vivimos a primeira parte do proceso de adaptación ó novo marco: foi a Lei Orgánica de Universidades, a LOU (a nova lei do PSOE é un calco), a oposición a cal foi amosada no seu día polas multitudinarias mobilización contra ela, sobre todo en Compostela
Agora toca continuar co proceso, mais nin sequera no propio Ministerio de Educación saben como seguir adiante. A súa confusión chega até o punto de redactar borradores de borradores. A día de hoxe aínda non sabemos a que titulacións poderán acceder os estudantes que entren cando se aplique Boloña.
3- Os cambios de Boloña
Entre os cambios máis visíbeis que vai traer o Proceso de Boloña está reforma da estrutura das carreiras. A Unión Europea, no canto de preferir o sistema de carreiras de cinco anos cunha forte especialización que é o sistema maioritario no continente, optou polo sistema inglés de graos e posgraos. O grao consistiría nunha formación básica e xeral (coa que xa se podería acceder ó mercado laboral) e o posgrao na especialización.
Mais as cousas non son como nolas queren presentar! Para poder optar a un traballo minimamente decente (se o atopas) necesitarás ter o posgrao, e non todo mundo poderá pagalos. Incluso os das universidades pública terán prezos demasiado altos para moita xente. Os posgrao son os equivalentes ós “masters” actuais, pero con Boloña serán (na práctica) obrigatorios.
Se estabas pensando nunha beca, esquécete dela. As bolsas de axuda de toda a vida serán substituídas por créditos que terás que devolver cando atopes traballo. Deste xeito o papel dos bancos (o BSCH en Compostela, por exemplo) aumenta converténdonos ós estudantes en escravos dos bancos só con 18 anos (e non nos soltarán así como así).
Co Plano de Boloña, o número de carreiras diminúe, pero non desaparecen realmente as titulacións, estas pasarán a ser posgraos de pago. Terá especialización a quen o peto llo permita (e non serán tantos).
As formas de dar as clases tamén van cambiar. En primeiro lugar os grupos de alumnos terán que ser reducidos, polo tanto haberá que facer reformas en moitas facultades para crear aulas novas ou dividir hai que xa hai. Esta cantidade de obras... poderá pagalas unha Universidade endebedada até os topes? O Ministerio de Educación xa advertiu que non destinará orzamentos para a aplicación de Boloña, polo que a solución será reducir os números clausus, elitizando aínda máis o ensino superior. Por outra banda, o sistema de créditos tamén varía. Actualmente un crédito equivale a dez horas, mais co Plano de Boloña un crédito pasará a equivaler vinte e cinco horas! Estas abranguen as horas de clases teóricas, as prácticas, o traballo persoal do alumno, as horas de titorías do profesor e as horas de exame.
As prácticas son un dos pratos fortes de Boloña, xa que a metade dos créditos de prácticas terán que facerse en empresas privadas. É dicir, converterémonos en man de obras barata en precario e , por suposto, sen cobrar nada. Este horario é incompatíbel co dun traballador, polo que T
todos aqueles que teñen que traballar para poder pagar os estudos será incapaces de facelo con esta reforma por falla de tempo.
Entre os cambios que máis directamente afectan a Galiza está o da mobilidade. Co Plano de Boloña preténdese fomentar que os estudantes realicen parte da súa formación noutro país, para o que se precisará reducir o número de idiomas no que se imparten aulas para facilitar a comunicación. Isto suporá unha (maior) marxinación de moitas linguas, entre elas o galego. A pesar de ser a lingua maioritaria na Galiza, verá retroceder a súa andaina cara a normalización no ensino superior. Asemade, ó ter que estudar en toda Europa (supostamente) o mesmo, non haberá sitio para contido relacionados co noso país e as súas necesidades,
4- Conclusión
O Plano de Boloña é todo isto e moito máis: privatización, elitización, desespecialización, precarización e a perda de identidade nacional. Para loitar contra Boloña e poder informar ós estudantes sobre o que se nos vén enriba, naceron as Asembleas de Estudantes, que nos coordinamos a través da Coordinadora de Asembleas de Compostela. Porque aínda que Boloña afecte a aqueles que virán despois nosa, paralo depende de nós.
0 comentarios:
Postar um comentário