Novos deseños e vellas lembranzas

Neste momento teño a firme vontade de actualizar con frecuencia esta bitácora. Coido que despois de catro anos estudando xornalismo e indo pola vía da comunicación dixital, non estaría de máis que lle dese máis uso a esta marabillosa ferramenta que nos achega internet. Por este motivo preséntovos un novo deseño máis moderno, bonito, integrado e funcional. Ou polo menos iso é o que pretendín facer. Durante os vindeiros días aínda haberá algunha mudanza e intentarei corrixir algún erro que xa detectei, de todos os xeitos admito todo tipo de suxestións e críticas ao actual deseño. Por outra banda, non quero deixar de aproveitar esta entrada para recomendarvos un videoclip que atopei no Youtube. É duns tales Tsunoider e hei de recoñecer que é bastante rancio, pero musicalmente sona ben. Ademais, tal día coma hoxe ten especial relevancia, xa que os dirixentes do mundo capitalista andan a conmemorar a desintegración do socialismo real e a lembrarnos o malos que somos todos os marxistas. Escoitar este tipo de cancións, aínda que sexan un pouco resesas, tamén nos serven para lembrar que non todo foron erros e que algo bo se faría.


6 comentarios:

10 de novembro de 2009 às 01:17 Pobretolo disse...

home…non me veñas con que non é digno de conmemoración…a caída do muro foi algo positivo para todos, independentemente da desaparición do comunismo ou non, o muro, simplemente demostraba a incapacidade do home, de calqueira ideoloxía, de actuar con senso.

10 de novembro de 2009 às 01:59 Duarte Romero Varela disse...

O feito de que a construción dun muro me pareza unha barbaridade non implica que vaia andar a celebrar á lixeira a súa desaparición. Porque realmente o que se conmemora non é a caída do muro en si, senón a desintegración do modelo do socialismo real. Efectivamente, con el caeron tamén todos os erros e crimes cometidos, mais tamén todos os avances acadados. No capitalismo todo seguiu igual, nin se rectificaron os erros nin remataron os seus crimes. É por iso que non vou caer na demagoxia de dicir que uns foron moi malos e outros moi bos.

12 de novembro de 2009 às 00:30 Pobretolo disse...

pois mira que eu entretivenme lendo reportaxes e reportaxes, e observando moitas imaxes do momento, e máis aló da demagoxia, o certo é que os berlineses do leste fuxiron en masa da cccp, non así os do oeste. Con todo, non digo que na cccp non se fixeran avances, sabes que non, pero que o vergoñento da situación é que esas persoas estaban retidas contra a súa vontade...
Máis aló da política internacional, compre celebrar que o muro caera, pacíficamente, e permitira aos cidadáns moverse libremente

12 de novembro de 2009 às 00:36 Duarte Romero Varela disse...

Cando se pule coa mesma forza por derrubar o muro da vergoña en Palestina, o que separa México dos EUA ou a verxa de Ceuta, eu celebrarei a caída do Muro de Berlín, que non da RDA.

12 de novembro de 2009 às 00:39 Pobretolo disse...

Eu penso que a celebración do vinte aniversario é un momento magnifico para deixar de laiarse e berrar para tirar os muros que quedan...

12 de novembro de 2009 às 00:42 Duarte Romero Varela disse...

Eu non me laio, xa que eu non fago nada especial os nove de novembro. Son eles os que falan diso.

Postar um comentário