O pobo de Ferrolterra sairá outra vez á rúa en defensa de palestina

Diferentes organizacións e colectivos de Ferrolterra, veñen de convocar unha nova concentración en repulsa ás agresións imperialistas que está a sufrir o pobo palestino por parte do estado de Israel. Desde que comezou a invasión, van xa máis de 500 persoas mortas e 3000 feridas, a meirande parte deles civís indefensos. Cómpre que a sociedade galega dea unha resposta unitaria en contra deste xenocidio, que tome as rúas para reclamarlle ás autoridades españolas e europeas, a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas co estado terrorista de Israel. É por iso que é de máxima importancia que o pobo de Ferrolterra secunde masivamente a concentración que diferentes organizacións e colectivos convocan para este venres ás 20.00 horas fronte á delegación da Xunta en Ferrol.

A continuación, reproducimos o texto da voandeira que Galiza Nova -unha das organizacións convocantes- repartirá nesta concentración.
GAZA: DETEÑAMOS O EXTERMINIO DO POBO PALESTINO!

Nestes últimos días a aviación israelita está a realizar intensos bombardeos sobre o territorio palestino da Faixa de Gaza. O número de mortos xa supera os seiscentos e o de feridos elévase a máis de 2600 persoas. As vítimas desta agresión intencionada e ilexítima non só son combatentes palestinos, senón, sobre todo, a poboación civil indefensa.
Foron tamén destruídas instalacións civís, como a universidade ou edificios da administración pública, así como tamén dúas escolas e un hospital da ONU, baixo a falaz escusa de que son instalacións terroristas, mais este argumento é completamente inaceptábel.
Ademais dos bombardeos sistemáticos, Israel concentrou gran cantidade de tanques e tropas na fronteira coa Faixa de Gaza, como paso previo a unha invasión terrestre que xa ten comezado. Intensificouse tamén o asedio ao que foi sometido dende fai meses este territorio, bloqueando a entrada de suministros elementais para a poboación civil.
Nunha demostración máis das intencións do goberno israelí, o ministro de Defensa Ehud Barak declarou o país “totalmente en guerra” contra os palestinos.
A paz na rexión semella cada vez máis lonxe e só se poderá converter en realidade cando sexan respectadas a soberanía e a independencia dos países do Oriente Medio, e atendidas as lexítimas reivindicacións históricas do pobo palestino.
Dende Galiza Nova Ferrolterra (Ferrolterra, Eume e Ortegal), queremos expresar con rotundidade a nosa profunda e activa repulsa contra deste masacre que o único que pretende é someter pola vía da violencia ao pobo palestino.
Esiximos o inmediato cesamento dos bombardeos, a suspensión das hostilidades e do feche na fronteira coa Faixa de Gaza.
Solicitamos a imposición de sancións internacionais contra do estado de Israel, así como a suspensión de toda relación económica e diplomática, polo seu reiterado incumprimento dos mandatos da ONU, e tendo en conta que os bombardeos contra obxectivos civís, están tipificados como crimes de guerra pola IV Convención de Xenebra.
Finalmente facemos un chamamento ao conxunto da sociedade, e nomeadamente á mocidade, a sumarse ao clamor internacional en defensa do pobo palestino e da paz no mundo, reafirmando ao tempo o apoio á loita polo fin da ocupación, e pola creación do estado libre e independente de Palestina.

VIVA PALESTINA LIBRE !

CONCENTRACIÓN EN DEFENSA DO POBO PALESTINO
Hora: 20.00
Lugar: fronte ao edificio da Xunta de Galicia de Ferrol
Convocantes: ADEGA, Asociación Fervesteiro, Asociación Cultural Fuco Buxa, Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga", Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño", Acsur-Las Segovias, Briga, Comité de Empresa de MEGASA, Confederación Sindical Galega (CIG), Colectivo Ártabra 21, Esquerda Unida,, Fundaçom Artábria, Galiza Nova, Marcha Mundial das Mulheres, NÓS-Unidade Popular (NÓS-UP), OSPAAL Galicia, Partido comunista de Galicia (PCG), Siareir@s Galeg@s, Sindicato Comarcal de CCOO, Verdegaia.

1 comentarios:

20 de fevereiro de 2009 13:41 Ping_Maister disse...

Todos sabemos que mentres os sionistas teñan o paraugas dos EEUU será moi difícil acadar algún progreso. Con Obama pode haber algún cambio, pero son bastante escéptico con respecto ó que lle deixen facer, aínda que teña boas intencións (que parece que as ten). Estaría ben un artigo sobre o papel que representa Nacións Unidas hoxe en día, discutíbel desde tódolos aspectos.

Por certo, decidín comenzar un novo blog intentando escribir sobre cousas máis interesantes.
Deica

Postar um comentário