Durante as últimas semanas, os Comités estiveron a desenvolver unha intensa campaña en contra da reforma do actual CAP baixo o lema “que non te CAPen co mestrado” que cristalizou no día de hoxe nunha xornada de loita en todo en todo o país.
O desenvolvemento desta campaña amosou certas diferenzas a respecto doutras desenvolvidas polos Comités nos últimos anos. O modus operandi que estaba a empregar a organización estudantil até o momento era o seguinte:
1º. Seleccionábase unha reivindicación relacionada co proceso de Boloña de xeito que se puidese amosar como unha batalla concreta no marco dunha loita moito máis ampla contra a implantación do EEES. Froito deste razoamento naceron campañas como as de oposición á suba das taxas ou a defensa dun mellor financiamento público.
2º. Convocábase unha xornada de folga en todo o país con concentracións ou manifestacións nos 7 campus.
3º. Comezaba unha intensa campaña de divulgación. Os membros dos Comités enchían tódalas facultades de pancartas, repartían milleiros de voandeiras e recollían o maior número posíbel de sinaturas en apoio á campaña en cuestión.
4º. Durante a xornada de folga, os Comités organizaban piquetes informativos que ían facultade por facultade informando do paro aos estudantes que pretendían ir a aulas.
5º. Celebrábase a concentración ou a manifestación (dependendo do número de xente)
Mais este modelo estaba claramente estancado, tal e como se puido comprobar en anteriores convocatorias. A pesar de que se gastaba un enorme capital humano e material en explicar as reivindicacións e instar ao estudantado a que secundase a folga e acudise ás manifestacións, a resposta era bastante negativa. Exceptuando na primeira mobilización en contra da suba das taxas (hai xa case dous anos disto), as xornadas de folga convocadas polos Comités servíanlle á xente como escusa para faltar a clase e/ou marchar para casa e moi poucas persoas acudían ás concentracións. Ficaba claro a estudantado non lle prestaba moita atención nin ás pancartas que cubrían as paredes da facultades, nin aos milleiros de voandeiras repartidas, nin tampouco ás reivindicacións a prol das que asinaban. Os Comités tiñan un problema grave á hora de interactuar co estudantado.
Nesta última campaña en contra da reforma do CAP, os Comités pretenderon mudar algunha das vellas prácticas de cara a mellorar o xeito de dirixirse ao estudantado. En primeiro lugar, eliminouse a tradicional folga de día enteiro e substituíuse por unha “xornada de loita” que se debería concretar nunha actividade máis imaxinativa e atractiva para o alumnado. No caso da USC elixiuse un enterro simbólico da universidade. Por outra banda, apostouse por uns métodos de propaganda “diferentes”. Nalgunhas facultades colocáronse polos corredores caixas que representaban as distintas trabas que se atopaban os estudantes (CAP, mestrado, Boloña, taxas...), penduráronse esquelas das paredes que chamaban á xente a acudir ao enterro da universidade pública e mesmo se formulou a idea de organizar unha pequena obra de teatro, aínda que ao final non fose levada á práctica. Pero o que realmente diferenciou esta campaña de outras foi que dous días antes da xornada de loita, 8 membros dos Comités se pechaban na reitoría da USC.
E cales foron os resultados desta campaña? Principalmente dous. En primeiro lugar que o peche facilitou que se abriran negociacións coas autoridades universitarias cuxos resultados se saberán nos vindeiros días. En segundo lugar que o número de asistentes ao “enterro da universidade” aumentou lixeiramente a respecto de anteriores convocatorias. Uns 200 estudantes aproximadamente participaron na manifestación.
Non me gusta pontificar nin sentar cátedra pero si que querería formular unha serie de reflexións que poidan contribuír a unha análise desta campaña.
Deben conformarse os Comités con sacar á rúa a 200 persoas? Só con botar unha breve ollada á historia do Movemento Estudantil Nacionalista penso que 200 persoas non son abondo. O estudantado galego ten amosado en moitas ocasións que ten capacidade de mobilización e que se pode aspirar a xuntar a moita máis xente en torno a unha reivindicación como a do novo mestrado. Se o Sindicato de Estudiantes, malia ser unha organización pantasma, foi quen de sacar á rúa a case un milleiro de persoas, os Comités non se poden contentar con 200.
Estaba ben orientada esta campaña? En facultades como historia ou filoloxía o CAP e o mestrado son un problema moi grave, pero en outros centros xa non é que non sexa unha preocupación, senón que en moitos casos non saben nin o que é o antigo CAP. Se cadra en moitas facultades estábase a facer un traballo moi grande en explicar un problema que non lles afecta directamente e deixábanse de lado outras reivindicacións de maior interese para o estudantado.
Se non hai capacidade para facer un peche en condicións débese facer igual? É evidente que non hai nada máis efectivo como que o estudantado dunha facultade se peche nela durante varios días, pero tamén é evidente que a correlación de forzas a día de hoxe non permitía tal cousa. Por este motivo búscanse outros lugares para fecharse como a reitoría. Non me cabe a menor dúbida de que o feito de que aínda hoxe haxa 8 compañeiros diante do despacho dun vicerreitor serviu para forzar unha negociación. Agora ben, non pode dar a imaxe de que é unha “pataleta” e que non é cousa seria por non ter pechado un edifico enteiro? Non o sei, teño dúbidas.
O feito de que os Comités só leven a 200 persoas a unha manifestación débese a un erro na campaña ou unha mala práctica no día a día? Mao dicía que os revolucionarios debían ser “peixes na auga”. Non estarán a caer a día de hoxe tódalas organizacións estudantís no erro de estar tan separados do alumnado que non son quen de facer un traballo de concienciación no día a día?
Son só unhas reflexións abertas que me foron vindo á cabeza despois da xornada de loita. Están un pouco desordenadas e nalgúns casos pouco desenvolvidas, pero creo que todos os que participamos no Movemento Estudantil Nacionalista debemos facer unha reflexión crítica e construtiva desta campaña. É o único xeito de evitarmos caer nos mesmos erros e avanzar na construción dun ensino PÚBLICO, GALEGO, DEMOCRÁTICO e de CALIDADE.
Venceremos nós!
0 comentarios:
Postar um comentário