Hai xa oito días que o estado de Israel comezou un novo ataque militar na franxa de Gaza. Amparándose na "loita contra o terrorismo de Hamás", está a perpetrar masacres indiscriminadas contra o pobo palestino.
É necesario, agora máis que nunca, que a sociedade galega se sume ás mobilizacións que están a ter lugar en todo o mundo para reclamar o cese de hostilidades contra Palestina. Cómpre presionar ás autoridades españolas e europeas para que rachen relacións diplomáticas e comerciais co estado imperialista de Israel. As arelas de liberdade de Cuba serviron para xustificar un bloqueo, porén o xenocidio que está a cometer o goberno sionista conta co apoio máis ou menos explícito dos estados máis poderosos do mundo. Son moi importantes as concentracións que tiveron lugar nas distintas cidades e vilas do país, pero son insuficientes. É necesario bater nas conciencias de tódolos galegos e galegas e artellar unha gran resposta nacional ao xenocidio que se está a perpetrar en Palestina. Neste sentido, a asociación Galiza por Palestina chama a tódolos colectivos e persoas interesadas a participar nunha xuntanza para organizar unha manifestación nacional. A dita reunión terá lugar o vindeiro día 7 de xaneiro ás 19.00 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. É de máxima importancia que tódalas organizacións e colectivos do país, comprometidos coa loita do pobo Palestina se adhiran a esta convocatoria.
0 comentarios:
Postar um comentário