A segunda oportunidade dos medios galegos



A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira, Galicia Hoxe e agora Xornal de Galicia. A sangría dos medios galegos parece non ter outro fondo que o da súa extinción. As crises mundiais da economía e do xornalismo cébanse coas cabeceiras que, en países coma o noso, empregan unha lingua minorizada e ollan a realidade desde unha perspectiva diferente. As causas deste comportamento xa foron analizadas con detalle na rede nos últimos meses: falla de axudas públicas, mala xestión empresarial, crise do papel, pouco compromiso da base social, etc. Por iso mesmo non quero seguir afondando neste autoflaxelamento, senón que prefiro achegar unha serie modestas reflexións sobre o futuro dos medios galegos.

O primeiro que nos debemos preguntar é se existe espazo para crear polo menos unha cabeceira de óptica galega na nosa lingua. As fracasa
das experiencias anteriores pódennos levar a dicir que non, mais hai unha serie de factores que aínda achegan unha certa esperanza. Non podemos esquecer que no noso país hai unha vida cultural relativamente consolidada, que contamos cunha comunidade virtual galegofalante moi activa e que tanto as bases sociais do nacionalismo como do autonomismo poden ser moi receptivas a medios deste tipo. Malia todo, débense de introducir novidades na formulación destes proxectos para que marquen a diferenza a respecto dos fracasos anteriores e garantir a súa viabilidade.

O futuro do xornalismo pasa por internet, e no caso galego non vai ser menos. Os consumidores de información migran do papel á rede a pasos axigantados, e este problema afecta tanto ao New York Times como a La Voz de Galicia. The Guardian acaba de comezar cunha estratexia na que priorizará a súa versión dixital fronte á impresa, El Mundo hai xa tempo que comezou a apostar por plataformas online como Orbyt e mentres tanto, blogs persoais como The Huffington Post remátanse por converter en medios de cabeceira e págase unha millonada por eles. Neste contexto, volvermos teimudos sobre as publicacións en papel semella un erro. Mais o mundo de internet non é tampouco nada doado. Existe un serio problema co modelo de negocio que aínda hai que sortear. Mentres os grandes títulos internacionais tentan achar cal vai ser o mellor xeito de reconverterse en empresas reníbeis, no noso pequeno recuncho do mundo precisamos dunhas ideas sinxelas que nos dean para ir tirando. De entrada penso que debemos ser humildes co alcance que debe ter un medio deste tipo. A todos nos gustaría ter unha cabeceira en galego para enterarnos de todo o que pasa no país, desde economía a deportes, pasando por necrolóxicas e sucesos. Mais sexamos serios, iso non é factíbel. Polo menos de momento.Ao máximo que podemos aspirar a curto ou medio prazo é a ter un medio pequeno, con poucos traballadores, que elabore unha información de moita calidade sobre un número reducido de temas. Cando penso no futuro dos medios sempre acordo do The Huffington Post. Poucas historias, ben traballadas e con moitas colaboracións. Neste país temos unha chea de excelentes blogueiros especializados en temas do máis variados e aos que habería que implicar nun proxecto dixital común.


Mais aínda que apostemos por un medio modesto, precisamos sacarlle algúns cartos. Polo menos para pagar facturas. Isto non ten unha solución sinxela, mais xa hai quen dá algunhas ideas. Vilaweb, que sempre foi un exemplo de xornalismo dixital en linguas minorizadas, acaba de lanzar un sistema de doazóns para implicar aos lectores. A cambio destas axudas o medio oferta algunhas contrapartidas como descontos en cursos ou o dereito a participar en xuntanzas da dirección do xornal. Marcos P. Pena escribiu bastante no seu blog sobre este sistema de micro-mecenas, así como doutra vía de financiamento con moito futuro: a publicidade local. Os medios galegos non achegan ofertas atractivas en internet para os pequenos anunciantes, a pesares de que este soporte permítenos segmentar os usuarios e ensinarlles unha ou outra publicidade en función da súa localización e intereses.

Por último, e non por iso menos importante, está o tema da comunidade. Un dixital en galego e de calidade ten que facer unha aposta seria por crear ao redor de si unha potente comunidade virtual. Se ollamos para medios de vangarda como The Huffington Post (si, outra vez) veremos que aí está a clave do seu éxito. A integración coas redes sociais é imprescindíbel a día de hoxe e non só para aumentar a difusión das nosas historias, senón tamén para recoller opinións, correccións e achegas dos lectores a respecto dos nosos produtos. Cómpre entendermos a información como un fluxo en constante movemento, podendo nutrirnos de material e datos que veña do noso público. E pensando nos lectores, un bo dixital ten que ser flexíbel na súa estrutura, permitindo ao usuario organizar o seu perfil en función dos temas e dos autores nos que máis interesado estea. Un medio cunha forte comunidade ao seu redor é un medio cheo de futuro.

E cara o futuro é onde temos que mirar nestes momento negros para o xornalismo galego. Cómpre seguir camiñando, aprender dos erros, sermos orixinais, creativos e irreverentes. Hai bos profesionais e hai vontade. E iso sempre é un comezo.

9 comentarios:

4 de agosto de 2011 12:59 marisa fernandez lorenzo disse...

Pensei que ías comentar a falta de axudas, que criticarías o goberno e demais. Pero vexo que tocaches outros moitos temas, e que os xornais británicos che serviron de experiencia.

4 de agosto de 2011 13:23 Xan Guindán disse...

O tema das axudas e do goberno é importante, mais tampouco creo que os medios teñan que depender exclusivamente do apoio institucional. Ademais, diso xa se falou moito, pero non tanto de ideas para o futuro.

4 de agosto de 2011 14:55 Certo disse...

Home, xa que te pos a dar nomes, dáos, como case fixo Pérez Pena, ao que aludes. Galicia Confidencial non significa nada para ti? Bótalle un ollo se non o fixestes -o cal falaría moi mal de ti como xornalista en alicerces- e verás como é un ecosistema de blogs aos que os de Certo nos honramos en pertencer. Está xa inventado, por suposto. Pero en galego é o único. Ao César o que é do...

4 de agosto de 2011 15:58 Xan Guindán disse...

Efectivamente, no artigo hai temas que non trato, entre eles os casos que aínda quedan de xornalismo en galego. Non quero ser despectivo de cara a xente que, moitas veces de xeito voluntario, leva adiante proxectos como Galicia Confidencial, ANT, Tempos Novos, Certo, xornal.com ou desde unha óptica máis militante, Novas da Galiza, Diario Liberdade, Terra e Tempo ou Galiza Livre.

Malia todo, coido que as reflexións que intento achegar son válidas non só para a creación de novos medios, senón tamén para profesionalizar, relanzar e expandir iniciativas xa existentes.

Un saúdo e graciñas por cometares.

4 de agosto de 2011 16:40 comiK.O. disse...

Só um apuntamento. A nossa língua não é minoritária, mas, em todo o caso, minorizada. Qualquer língua se poderia considerar minoritária se a conntrapussermos ao inglês, por exemplo, mas no nosso caso, o galego ainda é o idioma comúm de expressão do 56,4% da poboação, segundo os dados do IGE (do ano 2008. Acho que isto já terá baixado desde então).
No entanto, são os usos linguísticos os que fazem do galego uma língua menor nos estratos "elevados" da sociedade.
De resto, parabéns pelo artigo.

4 de agosto de 2011 16:48 Xan Guindán disse...

Moitas grazas pola matización. Agora mesmo mudo minoritaria por minorizada. Así tamén cumpro co que predico e recollo as achegas e correccións dos lectores.

Un saúdo e grazas polo teu interese!

4 de agosto de 2011 22:45 Miguel Penas disse...

Concordo totalmente com o artigo, sobre tudo em três aspectos:
- Vilaweb como exemplo e modelo
- Maior viabilidade de projetos em mercados locais
- Qualidade da informaçom e criaçom de comunidade

Só acrescentaria que a perspectiva do galego como língua "extensa e útil" ajudaria muito mais ainda à viabilidade económica dos nossos médios

4 de agosto de 2011 23:47 Xan Guindán disse...

Co tema da lingua xa non estou de acordo, pero bueno, non vou polemizar sobre iso agora. xD

7 de agosto de 2011 13:46 sHs disse...

Eu si. A "lingua" dun medio non é so o idioma que use. Calquera xornalista medianamente conscente sabe que debe usar unha linguaxe axeitada ao seu público. Os tabloides ingleses teñen como norma que os seus textos os podan entender nenos de SETE anos (e non o poño como obxectivo, senón como mostra). Se queres un público de universitarios e/ou concienciados, podes empregar un, se o queres o suficientemente amplo, para comunicar con el debes usar outro.

Postar um comentário