A necesidade de protexer internet do "astroturfing" faise cada vez máis urxente

NOTA: Este texto saqueino do blog que o escritor e xornalista George Monbiot ten no guardian.co.uk. É unha entrada do 23 de febreiro deste ano. Tiña a tradución practicamente lista desde hai meses, pero quedou perdida debaixo dunha morea de arquivos. Recupéroa agora porque o tema do que fala segue sendo de perigosa actualidade.


A industria tabaqueira utilízao, a US Air Force quere facelo...astrotufing- a utilización dun sofisticado software para esmagar a opinión da xente nos foros de internet - está en ascenso. Como o paramos?


Cada mes hai máis evidencias que suxiren que os comentarios online en fíos e foros están sendo secuestrados por xente que non é quen di ser.

O anonimato da web achega ás empresas e aos gobernos oportunidades douradas para levar adiante operacións de intoxicación: falsas campañas de base que crean a impresión de que un gran número de persoas están a solicitar ou a oporse a determinadas políticas. Este engano é máis probábel que apareza cando os intereses das empresas e os gobernos entran en conflito co interese xeral. Por exemplo, hai unha longa historia das compañías tabaqueiras creando grupos de astroturf para combater os intentos de regulación.

Despois do que escribín en decembro sobre o astroturfing online, contactou comigo un soplón. Era parte dun equipo comercial empregado para infestar os foros de internet e os fíos de comentarios en nome de clientes corporativos, promovendo as súas causas e discutindo con calquera que se opuxera.

Como o resto do seu equipo, finxía ser un desinteresado membro do público. Ou máis ben, para ser máis precisos, como unha multitude desinteresada de membros do público: empregaba 70 perfís tanto para evitar que o detectasen como para xerar a impresión de que había un apoio xeneralizado para os seus argumentos pro-empresariais. Revelarei máis información que me contou cando remate a investigación na que estou a traballar.

Semella que estas operacións están máis estendidas, son máis sofisticadas e están máis automatizadas do que puideramos imaxinar. Un grupo de hackers políticos obtiveron unha serie de e-mails dunha firma de ciber-seguridade estadounidense chamada HBGary Federal que suxerían que se está a desenvolver un importante arsenal tecnolóxico para afogar as voces da xente real.

Como informa o Daily Kos, estes e-mails amosan que:

– As empresas agora usan “software de xestión de personaxes” que multiplican os esforzos de cada astroturfer, creando a sensación de que hai un maior apoio para o que a compañía ou o goberno está intentando facer.

– Este software crea todo o mobiliario online que tería unha persoa real: un nome, contas de correo electrónico, páxinas web e social media. Noutras palabras, automaticamente xera unha imaxe moi semellante aos perfís auténticos, facendo moi difícil discernir a diferenza entre un robot virtual e un comentador real.

– As contas falsas poden manterse actualizadas reposteando ou pondo ligazóns de xeito automático a contidos xerados en calquera outra parte, reforzando a impresión de que os posuidores da conta son reais e activos.

– Os astroturfers humanos poden crear un pasado para estas contas, suxerindo que estiveron ocupados pondo ligazóns ou retuiteando durante meses. Ninguén sospeitará que acaban de chegar á escena co único propósito de atacar un artigo científico sobre o clima ou para debater en contra dos novos controis sobre o sal na comida-lixo.

–Cun uso intelixente dos social media, os astroturfers poden, en palabras da firma de seguridade, “facer que pareza que un personaxe estivo nun congreso e presentarse a si mesmo como un dos individuos claves como parte dese exercicio... Hai una gran variedade de trucos nos social media que podemos empregar para engadir realismo ás personaxes ficticias”.

Mais se cadra a revelación máis alarmante é a seguinte. A US Air Force licitou a unha serie de compañías para subministrarlle software de xestión de personaxes, que levarían adiante as seguintes tarefas:

a. Crear “10 personaxes por usuario, cun pasado, unha historia, detalles de apoio e presenza cibernética que sexa técnica, cultural e xeograficamente consistente... Estes perfís deben ser capaces de aparecer en calquera parte do mundo e interactuar a través dos servizos convencionais online e das plataformas de social media.

b. Automaticamente prover aos astroturfers con “IP seleccionadas ao chou a través das cales poden acceder a internet” (un endero IP é o número que identifica o ordenador). Ademais, teñen que cambiar todos os días “ocultando a existencia da operación”. O software debería tamén confundir o tráfico web do astroturfer co “tráfico doutra multitude de usuarios de fóra da organización. Esta mestura de tráfico prové unha excelente cuberta e unha poderosa denegabilidade”.

c. Crear “enderezos IP estáticos” para cada personaxe, permitindo a cada astroturfer “parecer a mesma persoa durante o tempo”. Tamén debería permitir “ás organización que frecuentem o mesmo sitio/servizo mudar facilmente os enderezos IP para parecer usuarios normais que se opoñen a unha organización”

Software como este ten o potencial de destruír internet como un foro para o debate construtivo. Isto pon en perigo a noción de democracia online. Artigos que ameazan cuestións con maior implicación comercial están ser a ser estropeados polo que parecen exércitos de trolls organizados – como podes ver ás veces en guardian.co.uk

Internet é un regalo marabilloso, pero tamén é un filón para os lobbys corporativos, especialistas en marketing viral e publicistas gobernamentais, que poden operar no ciberespazo sen regulación, responsabilidade ou medo de ser detectados. Daquela, permitídeme repetir a pregunta que xa formulei en artigos anteriores e que aínda non foi respondida: que debemos facer para combater estas tácticas?

0 comentarios:

Postar um comentário