Non enterramos cadáveres, enterramos semente

Coido que o groso dos leitores desta bitácora coñecedes, en maior ou menor medida, a figura de Moncho Reboiras. Malia todo, penso que non está de máis facer unha breve reseña a xeito de introdución que nos lembre a vida e a acción política deste militante nacionalista convertido en mártir.


Unha vida dedicada á loita

Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro de 1950, na parroquia de Imo (Dodro), no seo dunha familia labrega que, como moitas outras, viuse forzada a unha emigración cara a cidade na procura dun futuro mellor.

Grazas ao seu propio esforzo persoal e ao da súa familia, Moncho puido cursar estudos superiores na Escola de Inxeñería Industrial de Vigo. Xa na súa época universitaria, demostra unha gran sensibilidade cós movementos culturais e coa cuestión nacional. Deste xeito participa na creación de varias publicacións que, con tódalas limitacións da época, facían unha clara defensa da cultura e do pobo galego. En 1969 ingresa na UPG, partido nacionalista de carácter marxista.

Após de remata-la carreira, Moncho é becado pola universidade para facer un traballo de investigación sobre os métodos de explotación empresarial nos asteleiros galegos. Isto, xunto co seu traballo en diversas empresas do sector naval, lévano a estar en contacto cós obreiros e coas súas miserias. Participa moi activamente nas mobilizacións obreiras de 1972 e na folga de setembro dese ano, na que morrerían asasinados pola policía franquista dous traballadores da Bazán.

Neste tempo, a dirección da UPG encárgalle a creación de organizacións propias nacionalistas, que defendesen os intereses de Galiza e do seu pobo. Deste xeito, é moi importante o seu traballo na chamada Fronte Cultural, que permitiu unha coordinación de tódalas organizacións e asociacións que traballaban e defendían a cultura galega. Ou na Fronte Obreira, preludio do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING). Inicíabase un proceso de autoorganización do pobo galego que continuaría até os nosos días. Froito do traballo de xente como Moncho Reboiras xurdiron organizacións tan importantes coma ERGA, a CIG, ADEGA, a AN-PG, os CAF/CAE ou o propio BNG.

O derradeiro traballo que a UPG lle encargou a Moncho Reboiras, foi a organización da pouco coñecida Fronte Armada. Pretendían crear unha organización militar que contribuíse na caída do franquismo e que servise de forza de choque da chamada "Revolución Nacional-Popular" que propugnaba a UPG da época. Malia todo, o día 11 de agosto de 1975, a BPS franquista prepara unha operación para desmantela-la Fronte. Moncho Reboiras xunto con dous camaradas, atópase clandestinamente en Ferrol, onde son descubertos de madrugada e perseguidos polas rúas da cidade. Moncho era o único que ía armado, polo que distrae á policía permitindo a fuga dos seus compañeiros. Durante varias horas é quen de esquiva-la policía, pero finalmente, abáteno a tiros no portal do número 27 da rúa da Terra. Tiña 25 anos.




Moncho Reboiras, mártir galego

Non sei se Moncho Reboiras foi o militante exemplar que din. Nin sequera se a cita "Que importa que nos maten se deixamos semente de vencer" é del. Probábelmente nunca o saberei. Pero é o que ocorre sempre cós mártires. Moncho Reboiras foi unha vítima máis da salvaxe represión franquista, pero nun contexto de decadencia da ditadura e de emerxencia do nacionalismo, o seu asasinato acadou un carácter simbólico que o converteu en mito. Como ocorre sempre que se mitifica algún personaxe histórico ou político, téndese a esaxera-la súa figura. Malia todo, creo que esa mitificación pode ser positiva e mesmo necesaria. Se cadra Moncho Reboiras non foi a metade de bó militante do que nos fixeron crer. Seguramente que no anonimato hai unha morea de xente que fixo e traballou tanto coma el. Porén, a súa figura serviu de exemplo para todos os que viñemos detras del. Moncho representa a idea de militante formado, comprometido, coherente e traballador que moitos aspiraron a ser. Estea ou non esaxerada a súa figura, non só foi un modelo a seguir por centos de militantes nacionalistas senón que serviu para concienciar a moita xente sobre a loita de liberación nacional. Lembremo-la cita que Castelao puxo a un dos seus gravados: "Non enterramos cadáveres, enterramos semente"

A homenaxe

Dende a súa morte, tódolos anos a UPG ríndelle homenaxe ao seu militante máis coñecido. Tódolos 12 de agosto faiselle unha ofrenda florarl no 27 da rúa da Terra e as principais autoridades do partido dan o seu particular discurso. Este ano, cumpríndose o 32 aniversario do asasinato, a programación foi algo máis ampla. Combinouse un "xantar popular" en San Sadurniño, cunha visita guiada ao castelo de Naraío, ou cun concerto do fenés Xabier Díaz. No tocante ás intervencións, desta volta estaba planeado que serían Ana Vérez, Rubén Cela e Paco Rodríguez os que falarían diante dos alí congregados.


Á iso das 19.30, Roberto Vilameá, secretario de organización da UPG, subía ao escenario para comunicárnola ausencia de Ana Vérez por motivos de saúde, e para presentarnos aos relatores. Tras facer unha breve mención á figura de Moncho Reboiras e á importancia do acto, cédelle o palco ao Director Xeral de Xuventude e membro do Comité Central da UPG, Rubén Cela. Durante a súa intervención sinalará a importancia que tivo a actividade de xente como Moncho Reboiras na configuración do actual Movemento Nacionalista Galego, así como no tecido dunha rede de apoios ao dito movemento. Tamén aproveitou a ocasión para louva-la situación actual do BNG, referíndose ás cotas de poder que está a acadar e ao seu peso social. Para rematar, e antes de cederlle paso a Paco Rodríguez, sinalou que a autodeterminación nacional é un proceso que se acada paseniño, remarcando a importancia da reforma estatutaria pola que tanto pulou ultimamente o BNG.

O Secreterio Xeral da UPG, Francisco Rodríguez foi o relator que máis aplausos lles arrincou ás aproximadamente 300 persoas que alí estabamos congregados. Na súa intervención, máis desligada a Moncho Reboiras, referiuse a reivindicacións históricas do nacionalismo galego e da UPG, tales coma a defensa do agro, do sector naval ou da propia lingua. Ademais, afondou na idea do nacionalismo como movemento solidario e non egoísta (como moitos queren facer crer) cun carácter profundamente internacionalista. Á súa vez, deixou clara cal é a posición da UPG a respecto do modelo territorial, falando da relación en pé de igualdade das nacións que conforman o Estado Español. Non deixou de lembrar figuras tan importantes na historia de Galiza que estaban representadas en Ferrol: Díaz Valiño, Carvalho Calero, o dúo teatral Charlón e Hermida, Benito Viceto e mesmo Pablo Iglesias. Rematada a súa intervención, entoámo-lo hino e deu comezo a actuación de Xabier Díaz.

A xeito de curiosidade, gustaríame nomear algúns dirixentes nacionalistas que puiden recoñecer entre o público: Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, Bieito Lobeira, parlamentario do BNG, Néstor Rego, candidato do BNG á alcaldía de Compostela e Fran Rei, membro do Comité Central da UMG.

2 comentarios:

13 de agosto de 2007 16:10 Tiago Vermelho disse...

Mocho Reboiras pode ser a imaxe dunha UPG que hoxe é unha pantomima do que foi. Cando a camarilla dirixente do BNG define a autodeterminación como un proceso longo, non o fai porque pense que é así, senón que é un xeito de ocultar que para eles a autodeterminación pasou de ser un mínimo a un máximo. Como cantaban Fuxan os Ventos:
"Seica a vaca xa non daba
para tanto lambón chupare
agora coa autonomía
novos tetos han armare"
Están demasiado cómodos son seus escanos como para pensar na autodeterminación, e contenténtanse cunha visión autonomista e cuase-rexionalista (non caso do quintanismo, borrar o cuase).
A UPG non foi quen de frear (ou non o intentou) a tendencia ó conservadurismo é ó inmobilismo que todos os partidos revolucionarios tenden a sufrir unha vez acadadas determinadas cotas de poder. E canda ela arrastrou ó BNG.
Se algo aprendín das lecturas de Bastos foi que o os peores inimigos dos partidos revolucionarios pode que non sexan o capital e burguesía, senón a tendencia a acomodorase e a converterse en estruturas escleróticas e oligárquicas perfectamente encaixadas no estado, sen ningún tipo de intención trasformadora.
Non permitamos que isto acontece co resto do nacionalismo.

Boa crónica camarada

Saúde e Pátria!

13 de agosto de 2007 16:37 Xan Guindán disse...

Tes razón en que a UPG favoreceu o inmobilismo do movemento nacionalista. Mais tamén cómpre dicir que as persoas que, na miña opinión, teñen unha maior valía política están na UPG. E poño os exemplos de sempre, Suárez Canal, Lores e Paco Rodríguez, que aínda que teña cousas criticábeis, non podemos negar que como deputado en Madrid foi un exemplo de traballo e rigor.

Saúde e patria

Postar um comentário