25 de abril sempre


Onte foi 25 de abril, e como en moitos outros sitios, na facultade de Ciencias da Comunicación conmemoramo-la Revolución dos Caraveis. Fómolos CAF os encargados de facelo.

A iso das 12:00, puxemos Grandola Vila Morena e comezamos a repartir caraveis, trípticos e pegatas. A xente estaba abraiada ao vernos repartir flores, pero coido que logramos dicirlle á xente que algo pasou hai 33 anos en Portugal.

Xa pola tarde, proxectamo-la película Capitáns de Abril e contamos coa presenza de Margarita Ledo Andións, quen nos deu a súa visión da Revolución, do filme e nos falou das súas vivencias persoais.



A continuación, trancríbovos o tríptico que repartimos. Escribino eu, por iso o poño aquí, a ver que vos parece.

Os CAF e o 25 de abril
Hoxe é 25 de abril. Para moitos, un día máis no calendario. Pero para outros, tempo de soños e esperanza.


Hai 33 anos, un día coma hoxe, o pobo portugués dáballe unha lección ao mundo rematando con 48 anos de ditadura. Eran tempos de cambio, de revolución, era o momento de trocar as pistolas por flores. Era a Revolución dos Caraveis.


Portugal demostrounos en 1974 que as anceios de liberdade dunha nación son máis fortes que as armas. Fixo calar a aqueles que dicían que unha revolución en Europa era algo anacrónico. E o que é máis importante, conseguiu quebrar o xugo do fascismo e construír un país máis xusto e máis libre para vivir.


Os CAF, sempre comprometidos cós valores da esquerda, queremos conmemorar esta data de loita e esperanza. Queremos que o espírito de abril volva a encher os peitos do estudantado. Para iso, organizamos un cine-forum no que proxectaremos a película “Capitáns de Abril”. Contaremos coa presenza da catedrática Margarita Ledo Andión, e terá lugar na aula de visionado 2 ás 16:30 horas.


Breve historia da Revolución dos Caraveis
O 28 de maio de 1926, un golpe militar inaugura un novo período na historia de Portugal: a ditadura fascista de Oliveira Salazar. En 1933 redáctase unha constitución na que se crea o “Estado Novo”, un réxime autoritario e corporativista que empregou un potente aparello represivo e de propaganda para estabelecer o seu dominio sobre a sociedade.


Un dos piares fundamentais nos que se sostiña o réxime, era no mantemento das “provincias” de ultramar, símbolos da “grandeza” do Imperio Portugués. Pero a aparición de movementos independentistas nas colonias de Angola, Guinea e Mozambique, tivo consecuencias moi prexudiciais para a ditadura. En primeiro lugar, os gastos militares aumentaron considerabelmente, convertendo a guerra colonial nunha lacra para a economía portuguesa. En segundo lugar, recrutouse a unha gran cantidade mozos para ir a combater ás guerrillas independentistas. Pero estas cada vez eran máis fortes e causaban unha gran cantidade de baixas no exército portugués, aumentando a impopularidade da Guerras Colonial.


O descontento coa guerra canalizouse a través dun grupo de capitáns do exército que se agruparon en torno ó Movimento das Forças Armadas (MFA). Este grupo pretendía pór fin dunha vez por todas á Guerra Colonial e rematar coa ditadura en Portugal. Durante algo máis dun ano, artellouse unha estrutura clandestina que preparaba un golpe de estado para depór a Marcelo Caetano (que ocupaba o posto de Salazar dende 1968).


No dia 24 de Abril de 1974, ás 22h 55m é transmitida por radio a canción "E depois do Adeus", de Paulo de Carvalho. Este foi un dos sinais previamente acordados polos revolucionarios e daba incio á primeira fase do golpe de estado.


O segundo sinal foi dado ás 0h20 m, cando foi transmitida a canción "Grândola Vila Morena", de Zeca Afonso, na Rádio Renascença, que confirmaba o golpe e marcaba o inicio das operacións. Ao pouco, varios rexementos saen á rúa, ocupando as posicións claves do país sen atopar oposicion. Ao longo da noite e principalmente na mañá, comezáronse a sumar á Revolución xente allea ao mundo militar. O pobo saiu á rúa para pór fin a 48 anos de ditadura. No canón de cada fusil, un caravel.


Portugal despois do 25 de abril
A Revolución dos Caraveis trouxo consigo importantes cambios. O máis inmediato foi a liberación dos presos políticos e o recoñecemento dos dereitos e liberdades individuais, pero os gobernos de esquerdas que a sucederon continuaron coa revolución aplicando importantes políticas económicas e sociais para transformar Portugal. Nacionalizáronse os sectores produtivos claves e iniciouse unha profunda reforma agraria. Malia todo, a oposición de socialdemócratas e conservadores botou por terra os avances revolucionarios ao levar de novo a dereita ao poder.


Capitáns de abril
Capitáns de abril é unha película da directora portuguesa María de Medeiros, na que se narra a historia de dous capitáns e unha xornalista que participan activamente na Revolución. Proxectando este filme, os CAF pretendemos dar a coñecer entre o estudantado dun xeito lúdico un feitos que, no noso parecer, non deben caer no esquencemento. A proxección será o 25 de abril, ás 16:30 na Aula de Visionado 2


SEMPRE 25 DE ABRIL

7 comentarios:

27 de abril de 2007 14:23 amarante disse...

Moitos parabéns polo 25 de abril!!!

República e esquerda compañeiro!!

28 de abril de 2007 21:06 Veraeikon disse...

Hola neno!sentín moito non ir o mércores, pero ó final complicóuseme todo. De todos xeitos, o q mais me jodeu foi non ter un caravel, e iso q estaba prometido,eh????Ay!Esa estrela esvaecida, tan esvaecida estaba q non mo deu,jeje. =:(
Mil bicos,wapo!E jrasias polo comentario q me deixaches!Adiante!jeje.

29 de abril de 2007 19:40 amarante disse...

A estrela esvaecida estaba agardando a que se achegara para darllo!!ejeje

1 de maio de 2007 12:16 Ninsesabe disse...

Nunca imos olvidar o 25 de abril. Eu, persoalmente, sempre sentín envexa dos portugueses.

1 de maio de 2007 20:12 salazar disse...

si, costa moito combinar postureo e suposta reivindicación de algo que xa vos gustaría entender

1 de maio de 2007 20:19 SGAE (sede noroeste da península) disse...

Sabemos que pola versión de GRANDOLA que sonaba ese 25 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación, non pagaran os seus dereitos de autor! como zeca levantase a cabeza...
seguímolos de preto, así que ollo!

16 de maio de 2007 10:40 Zape (entre outras muitas cousas) disse...

Salazar, ti debes de ser meio parvo...

Postar um comentário