
Onte foi 25 de abril, e como en moitos outros sitios, na facultade de Ciencias da Comunicación conmemoramo-la Revolución dos Caraveis. Fómolos CAF os encargados de facelo.
A iso das 12:00, puxemos Grandola Vila Morena e comezamos a repartir caraveis, trípticos e pegatas. A xente estaba abraiada ao vernos repartir flores, pero coido que logramos dicirlle á xente que algo pasou hai 33 anos en Portugal.
Xa pola tarde, proxectamo-la película Capitáns de Abril e contamos coa presenza de Margarita Ledo Andións, quen nos deu a súa visión da Revolución, do filme e nos falou das súas vivencias persoais.

A continuación, trancríbovos o tríptico que repartimos. Escribino eu, por iso o poño aquí, a ver que vos parece.
Os CAF e o 25 de abril
Hoxe é 25 de abril. Para moitos, un día máis no calendario. Pero para outros, tempo de soños e esperanza.
Hai 33 anos, un día coma hoxe, o pobo portugués dáballe unha lección ao mundo rematando con 48 anos de ditadura. Eran tempos de cambio, de revolución, era o momento de trocar as pistolas por flores. Era a Revolución dos Caraveis.
Portugal demostrounos en 1974 que as anceios de liberdade dunha nación son máis fortes que as armas. Fixo calar a aqueles que dicían que unha revolución en Europa era algo anacrónico. E o que é máis importante, conseguiu quebrar o xugo do fascismo e construír un país máis xusto e máis libre para vivir.
Os CAF, sempre comprometidos cós valores da esquerda, queremos conmemorar esta data de loita e esperanza. Queremos que o espírito de abril volva a encher os peitos do estudantado. Para iso, organizamos un cine-forum no que proxectaremos a película “Capitáns de Abril”. Contaremos coa presenza da catedrática Margarita Ledo Andión, e terá lugar na aula de visionado 2 ás 16:30 horas.
Breve historia da Revolución dos Caraveis
O 28 de maio de 1926, un golpe militar inaugura un novo período na historia de Portugal: a ditadura fascista de Oliveira Salazar. En 1933 redáctase unha constitución na que se crea o “Estado Novo”, un réxime autoritario e corporativista que empregou un potente aparello represivo e de propaganda para estabelecer o seu dominio sobre a sociedade.
Un dos piares fundamentais nos que se sostiña o réxime, era no mantemento das “provincias” de ultramar, símbolos da “grandeza” do Imperio Portugués. Pero a aparición de movementos independentistas nas colonias de Angola, Guinea e Mozambique, tivo consecuencias moi prexudiciais para a ditadura. En primeiro lugar, os gastos militares aumentaron considerabelmente, convertendo a guerra colonial nunha lacra para a economía portuguesa. En segundo lugar, recrutouse a unha gran cantidade mozos para ir a combater ás guerrillas independentistas. Pero estas cada vez eran máis fortes e causaban unha gran cantidade de baixas no exército portugués, aumentando a impopularidade da Guerras Colonial.
O descontento coa guerra canalizouse a través dun grupo de capitáns do exército que se agruparon en torno ó Movimento das Forças Armadas (MFA). Este grupo pretendía pór fin dunha vez por todas á Guerra Colonial e rematar coa ditadura en Portugal. Durante algo máis dun ano, artellouse unha estrutura clandestina que preparaba un golpe de estado para depór a Marcelo Caetano (que ocupaba o posto de Salazar dende 1968).
No dia 24 de Abril de 1974, ás 22h 55m é transmitida por radio a canción "E depois do Adeus", de Paulo de Carvalho. Este foi un dos sinais previamente acordados polos revolucionarios e daba incio á primeira fase do golpe de estado.
O segundo sinal foi dado ás 0h20 m, cando foi transmitida a canción "Grândola Vila Morena", de Zeca Afonso, na Rádio Renascença, que confirmaba o golpe e marcaba o inicio das operacións. Ao pouco, varios rexementos saen á rúa, ocupando as posicións claves do país sen atopar oposicion. Ao longo da noite e principalmente na mañá, comezáronse a sumar á Revolución xente allea ao mundo militar. O pobo saiu á rúa para pór fin a 48 anos de ditadura. No canón de cada fusil, un caravel.
Portugal despois do 25 de abril
A Revolución dos Caraveis trouxo consigo importantes cambios. O máis inmediato foi a liberación dos presos políticos e o recoñecemento dos dereitos e liberdades individuais, pero os gobernos de esquerdas que a sucederon continuaron coa revolución aplicando importantes políticas económicas e sociais para transformar Portugal. Nacionalizáronse os sectores produtivos claves e iniciouse unha profunda reforma agraria. Malia todo, a oposición de socialdemócratas e conservadores botou por terra os avances revolucionarios ao levar de novo a dereita ao poder.
Capitáns de abril
Capitáns de abril é unha película da directora portuguesa María de Medeiros, na que se narra a historia de dous capitáns e unha xornalista que participan activamente na Revolución. Proxectando este filme, os CAF pretendemos dar a coñecer entre o estudantado dun xeito lúdico un feitos que, no noso parecer, non deben caer no esquencemento. A proxección será o 25 de abril, ás 16:30 na Aula de Visionado 2
SEMPRE 25 DE ABRIL
Ler máis...