Mocidade aburrida, mocidade até o carallo

Vós que diriades, aburrimento ou apatía? Esta pregunta escoiteina na película The Trotsky, unha historia sobre un rapaz de 17 anos que se considera a reencarnación do líder bolxevique. Cando intenta levar a revolución ao seu instituto ten que facer fronte a unha mocidade que semella non ter ningún tipo de interese polas súas proclamas. Mentres que o director do centro pretende facerlle entender que a xuventude é totalmente apática, é dicir, carente das emocións necesarias para comezar unha revolta, o protagonista sostén que os seus compañeiros están aburridos e que precisan dun revulsivo para espertar dese letargo.

Non vos quero adiantar como remata a película, pero si que me parece moi interesante o debate que introducen sobre se a mocidade é apática ou está aburrida. Moito tivemos que escoitar nos últimos anos sobre o escaso grao de mobilización da xuventude actual. Sobre todo se nos comparamos coa xeración dos nosos pais, eses que viviron o maio do 68, a transición e todas estas épocas de apoxeo revolucionario. Semella que somos unha decepción. Que malia ser a xeración máis preparada, que contou con máis liberade e máis oportunidades, cando nos putean non facemos absolutamente nada. Pero hai certas cousas que comezan a cambiar. Non tes máis que falar coa xente para comprobar que a capacidade de indignación segue intacta. A ninguén lle gusta botarse cinco anos estudando para logo non atopar traballo. Ou, de atopalo, non cobrar máis de 1000 euros. O cabreo está aí, o que falla son as vías de escape. Non gustan as formas de organización tradicionais de partidos e sindicatos. Vese aos primeiros como corruptos e aos segundos como parasitos. E non falta razón, porque as forzas maioritarias levan moito tempo traballando duramente en deslexitimar o sistema político. Polo tanto á mocidade fanlle falta vías de escape que canalicen ese cabreo e esa frustración. Mais parece que algo se comeza a mover. No Reino Unido os estudantes iniciaron o movemento anti-recortes ao saíren á rúa a protestar contra o incremento das taxas, en Portugal apareceu a Geraçao á Rasca, un movemento apartidario para reivindicar a mellora das condicións para a mocidade. Mobilizacións similares tamén se deron en Italia e Francia. No Estado Español comeza a haber pequenos conatos de resistencia, como a plataforma Juventud sin Futuro, Malestar, ou todo o ciber-movemento #nolesvotes.



É momento de amosar o noso cabreo. Non nos gusta ler a serie Pre-parados de El País, nin tampouco que nos chamen xeración perdida. Tampouco nos gusta ter que emigrar porque non hai traballo no noso país, nin non poder mercar unha casa, nin ter contratos precarios. Calquera forma de loita é boa. A través dunha plataforma, dunha organización estudantil, dun sindicato ou dun partido honesto, desde o teu Twitter ou o Facebook. Hai que amosar que existimos e que queremos que se nos teña en conta. Temos que tomar a rúa. Así que, para cando unha Xeración até o Carallo en Galiza?

0 comentarios:

Postar um comentário