Tanto se tensou a corda que ao final rematou por romper. Este sábado, algo máis de 150 membros dos Comités decidiron abandonar a organización ao non garantirse uns mínimos democráticos que permitisen celebrar a Asemblea Nacional con normalidade. Expulsión ilegal de compañeiros, secuestro de censos, verticalización... toda unha serie de agravios que os escindidos foron enumerando nun recentemente inaugurado blog.
Non é que esta decisión me alegre. Sempre fun un firme defensor da unidade do nacionalismo e da esquerda, mais paréceme que foi inevitábel. Cando o ambiente dunha organización se fai tan irrespirábel que non é posíbel traballar, manter a unidade por simple retórica carece de sentido. As persoas que este sábado tomaron a decisión de marchar van poder facer máis polo país e polo ensino galego estando fóra dos Comités que dentro.
Que se chegara a esta situación, ten uns claros culpábeis. Podo dicilo porque participei catro anos nos Comités e fixen parte do seu sector crítico. A máxima responsabilidade da ruptura do nacionalismo estudantil recae na Unión da Mocidade Galega. Pode que resulte paradóxico culpar da fractura a aqueles que quedaron, pero vou explicar por que. Foi este partido quen exerceu a dirección política dos Comités desde a súa fundación. Tamén foi este partido o que desprazou a toma de decisións cara os seus organismos e baleirou de contido as asembleas nas que todos e todas podiamos participar. Pero sobre todo, foi este partido quen non dubidou en descualificar, insultar e marxinar a aquelas persoas que non opinaban como eles. Nestas circunstancias, o sector crítico aumentou a un ritmo vertixinoso.
Eu sempre crin que se eras quen de xuntar un número de xente suficiente, podías darlle a volta a unha organización. Pero cando a dirección renuncia a calquera tipo de principio ético e decencia, isto faise moi complicado. Despois de que se adiase a Asemblea Nacional, de que se secuestrasen os censos, de que o Consello Nacional asumise máis funcións das que debera, de que eliminase a xente dos listados...aínda que poidas acadar a maioría numérica, non quedan ganas. Dáste conta de que independentemente do resultado dunha asemblea, non paga a pena continuar nunha organización na que hai un sector ao que só lle importa manter as súas cotas de poder. Poder para que? Para seguir afundindo o movemento estudantil nacionalista? Para que siga a perder crédito diante do sector ao que nos diriximos? Aos que marcharon dos Comités isto non lles vale. Como dicía o amigo Santi Agra, “estudamos para liberar Galiza, non para que nos libere Galiza Nova”.
O vindeiro 26 de marzo nacerá unha nova organización. É o momento de acumular forzas, de achegar a toda esa xente que a UMG foi deixando fóra, de ser referentes, de traballar con coherencia e rigor e sobre todo de inventar. De non caer no vello, no caduco, no de sempre. Para iso xa van estar os Comités. Cómpre ser firmes no ideolóxico, pero creativos e innovadores no xeito de transmitilo. As persoas que van impulsar este novo proxecto teñen unha dura tarefa por diante. O estudantado galego precisa dunha organización combativa, aberta e coherente. Cómpre crear referentes sociais para o nacionalismo. Sobran os burócratas que apodrecen pechados nos despachos. Hai que destacarse por ser quen de chegar a acordos e por non por feder a sectarismo. Pero sobre todo, precísase unha organización que lle sexa útil ao estudantado e Galiza. Unha organización soberanista, de esquerda, que sexa quen de dar unha resposta contundente ás agresións que está a sufrir o ensino público e galego. Xa non hai máis tempo para mirarse de embigo, hai que loitar.
Google Sheets has a new AI function — how does it perform on classification
tasks?
-
A new AI function is being added to Google Sheets that could make most
other functions redundant. But is it any good? And what can it be used for?
Here’s w...
Há 4 horas
1 comentarios:
A tope, Duarte! Estou de acordo, hai que facer algo útil dunha vez por todas!
Postar um comentário