Dereita dos anos trinta, un artigo de Xavier Vence

Estes días ando un pouco liado por mor dos exames, mais quero seguir dándolle continuidade a esta bitácora. É por iso que desta volta non actualizarei con material propio, senón cun artigo do economista Xavier Vence que foi publicado este sábado no Xornal de Galicia. Sen dúbida, unha das mentes máis lúcidas que ten este país en xeral e o movemento nacionalista en particular.

DEREITA DOS ANOS TRINTA

Pode dicirse sen o cliché dos calificativos históricos pero o certo é que a dialéctica política da dereita neste país –e tamén noutros– recupera cada vez máis o ton dos anos trinta. Son moitas as coincidencias con aqueles anos. Hoxe coma daquela, vivimos unha depresión que resulta do fracaso dun modelo de liberalismo económico extremo. A desvalorización dos activos, das accións, a queda dos prezos e o endebedamento insoportable introducen o pánico nas capas dos autónomos e pequenos empresarios que ven perigar o seu status e os seus negocios; tamén moitos pequenos inversores inmobiliarios. O paro galopante leva inseguridade e creba financeira a uns fogares que viven ao límite. Coma daquela.

Pois ben, a dereita está a erguer un discurso mimético ao daqueles anos de trincheiras e “cristais rompidos”. Diante do acurralamento e crise do seu modelo socioeconómico bota man dun discurso radical, de fuxida cara adiante, con palabras gordas e moito odio visceral. A falla de alternativas reais á crise lévaos a recuperar o patriotismo resentido e ameazante: “España está en peligro”, “España se rompe”, “el español está en peligro”. O galego é un invento caprichoso dos nacionalistas para amolar e erradicar o español.

Non existe o dereito, existe o poder, a liberdade primaria non suxeita a normas. Recuperan os valores máis reaccionarios da moral católica tradicional: o fundamentalismo relixioso érguese por riba das leis civís; a liberdade individual –dogma no económico– supedítase aquí aos valores impostos pola tradición e a xerarquía eclesiástica entregada á última cruzada: familia tradicional, aborto, anticonceptivos, preservativo, mesmo por riba de perentorios motivos de saúde pública. Non importa que estea en aberta contradicción coa vida real dos que se erixen en abandeirados: a dereita usa anticonceptivos, aborta, divorciase, practica a homosexualidade, etc, etc. O importante é a moral proclamada para imporlla ao vulgo –dominio do corpo e do ser– e sobre todo erguela como bandeira que tape a falta de respostas para a crise do modelo social.

A inversión da realidade, a mentira reiterada son requisitos para impoñer unha axenda baseada na sectarización irracional, a crispación, o encirramento, as adhesións inquebrantábeis. O débil é o que impón; o agredido é o agresor; o corrupto é vítima dos inquisidores... Ese radicalismo neocon é un fenómeno mundial que aquí ven remexido, coma nos tempos de José Calvo Sotelo, coa sacrosanta unidade da patria ameazada pola imposición dos exércitos regulares dos nacionalismos disgregadores. Mesmo as autonomías –e as linguas– son un perigo para unidade de mercado, salvo cando quen racha é Esperanza Aguirre. Fronte a esas ideas –vellas– a diletante esquerda posmoderna parece ter só dúbidas e complexos. Non é tanto un problema de novas ideas, como de ter ideas e saber defendelas. Entretanto, o metal e os tractores van por diante.


Xavier Vence Deza en Xornal de Galicia

1 comentarios:

27 de junho de 2009 17:50 Ping_Maister disse...

Boa actualización, a verdade é que ilustra bastante ben a actitude da dereita actual, con ese discurso rancio e antediluviano. Sen embargo hai que recoñecer que cada vez se lle poñen as cousas máis sinxelas, cun goberno inoperante e incapaz de coordinarse. Ó triste é que por unha parte non hai resposta e por outra non hai propostas, o que practicamente lévanos ó caos. Típico dese "gran país" chamado España.

Postar um comentário