Concentración da Plataforma Rúa Fraga Non

A plataforma Rúa Fraga Non, convocou no día de onte unha concetración na compostelá praza do Toural. Con ela, pretendían canalizar o rexeitamento da cidadanía á idea do alcalde Xosé Antonio Sánchez Bugallo de adicarlle unha rúa a Manuel Fraga Iribarne. Ao berro de "Fraga, a rúa non é túa", e "Rúa Fraga Non", os manifestantes, pertencentes á maior parte de grupos da esquerda compostelá, concentráronse de maneira pacífica durante aproximandament corenta minutos.

A plataforma considera que a figura de Fraga Iribarne, non é merecedora de ocupar un espazo nas rúas compostelás polos seguintes motivos:

1º) Hai que diferenciar entre o que significa un respecto institucional mentres ocupou a presidencia da Xunta do feito de que no nome dunha cidade se lle rinda homenaxe a unha persoa que non conta co apoio dunha boa parte da cidadanía.

2º) A avaliación da xestión do Sr. Fraga durante os anos que ocupou a presidencia da Xunta é claramente negativa para Galiza e discutida por amplos sectores sociais. Mentres que o Estado español medraba en desenvolvimento económico,Galiza afundíase nos principais indicadores socioeconómicos.

3º) O Sr. Fraga é senador do Partido Popular e, polo tanto, semella inapropiado neste momento que se lle homenaxee a un político en activo claramente vinculado a unha opción partidaria concreta.

4º) O Sr. Fraga Iribarne fixo parte destacada das decisións máis claramente antidemocráticas do goberno fascista de Franco. Sendo ministro de Información e Turismo, asinou colectivamente, en Consello de Ministros, a execución de Julián Grimau e foi o encargado de contrarrestar propagandisticamente o acontecido, como tamén sucedería durante o Proceso de Burgos. Outra proba do seu papel principal na dirección do aparato de censura de Franco foi a condena de Alberto Míguez pola publicación da antoloxía bilingüe El pensamiento político de Castelao.

5º) Por todo isto e porque nun momento como o actual, declarado Ano da Memoria, no que se está traballando para restituír a verdade sobre a represión que padeceu o pobo galego após o golpe militar franquista, entendemos que a nomenclatura das rúas nas que vivimos deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos e dos pobos, así como a restaurar a figura dos que representaron e defenderon os verdadeiros valores da democracia, do progreso e da igualdade.

2 comentarios:

2 de dezembro de 2006 21:33 Anonymous disse...

Fraga.....amigo de Fidel Castro....¿O no?

Postar um comentário