TEMPOS DE CAMBIO: REVOLUCIÓN DEMOCRÁTICA EN LATINOAMÉRICA

O día 6 de decembro de 1998, o ex militar Hugo Chávez, gaña as eleccións presidenciais en Venezuela. Aquí iníciase o que agora coñecemos como revolución bolivariana ou socialismo do século XXI. Dende aquel momento, sucedéronse as vitorias electorais de forzas políticas de esquerda en latinoamérica. Lula da Silva no Brasil (2003), Néstor Kirchner en Arxentina (2003), Tabaré Vázquez no Uruguai (2004), Evo Morales en Bolivia (2005), Michelle Bachelet en Chile (2005); e o crecemento da esquerda noutros procesos electorais se aveciñan: Ollanta Humala no Perú, a Nova Esquerda Mexicana, etc.

Este rápido crecemento das formacións progresistas, responden ás demandas populares de xustiza social fronte a unha situación de crise socioeconómica, que acentuou as diferenzas entre ricos e pobres. Á súa vez, a histórica dependencia de potencias estranxeiras, como EEUU, espertaron non pobo latinoamericano unhas ansias de superación e de crear un futuro no que sexan eles mesmos os que decidan os seus destinos.

Xa pasaron oito anos dende o inicio desta revolución, e comézanse a ver os logros sociais que se acadaron en Venezuela e que pouco a pouco se foron estendendo polo resto de países nos que goberna a esquerda. O índice de pobreza no país de Bolívar pasou dun 50% a un 37%, as taxas de alfabetización aumentaron velozmente, chegando a instruír a máis dun millón de persoas en tan so tres anos, a cobertura aos pensionistas disparouse, acadando cifras históricas. Pero para moita xente estes logros non son suficientes, e critican duramente aos gobernos de esquerdas, acusándoos de antidemocráticos, autoritarios, e corruptos. Deste xeito, os gobernos reformistas tiveron que enfrontarse a duras campañas de desprestixio por parte da oposición, como a sufrida por Lula, na que se empregaron descualificacións de índole persoal e se puxo en dúbida a súa capacidade para dirixir a nazón; ou as folgas do sector petroleiro en Venezuela, que foron apoiadas pola patronal e que se prolongaron durante semanas, paralizando así a principal actividade económica do país. Cando estas medidas fracasaron, a oposición recorreu a métodos violentos para acabar cos gobernos. Poño por exemplo o golpe de estado que mantivo recluído ao presidente venezolano durante algo máis dun día, sendo finalmente liberado polas forzas leais á república. Segundo Hugo Chávez, este ataque contra a democracia venezolana, foi apoiado por EEUU e por algún país europeo (entre eles España) xa que vían nas reformas levadas a cabo polo seu goberno, unha ameaza para os interese das súas empresas asentadas alí. De tódolos xeitos, non hai probas concluíntes que demostren esta implicación. O que si que podemos observar todos nos, son os constantes enfrontamentos entre os EEUU e os diferentes países latinoamericanos nos que goberna a esquerda, especialmente Bolivia, Cuba e Venezuela. Estes catro estados están inmersos nunha guerra diplomática cuxas consecuencias aínda están por ver. Son comúns os insultos e desprestixios entre líderes, dando deste xeito unha mala imaxe ante a comunidade internacional.

O futuro desta revolución neosocialista é incerto. Os novos líderes prometeron grandes cambios os seus electores, pero que a súa aplicación supoñería un enfrontamento directo con grandes imperios empresariais e con potencias estranxeiras como EEUU. Poño por exemplo o caso do Movimiento Al Socialismo (MAS) de Evo Morales. O seu partido viviu un ascenso vertixinoso nos últimos anos, e gañou as derradeiras eleccións estando o país ao borde da guerra civil. Para atraer á súa causa ás masas, prometeu a nacionalización do principal recurso do que dispoñen: os hidrocarburos. A posta en práctica desta medida chocaría cos intereses das grandes empresas petroleiras, que contan co apoio institucional dos seus respectivos países. Á súa vez, se Evo Morales falla á súa promesa, perderá apoios e o (MAS) deixará de ser a forza política maioritaria. Polo de agora aínda non se comezou co proceso de nacionalización, aínda que se abriu unha etapa de diálogo cos líderes das principais empresas. Respecto ao tema do apoio popular, cabe destacar que o pobo espera moito del, e a falta de medidas inmediatas que solucionen moi a curto prazo algún dos gravísimos problemas que presenta Bolivia, provocaron a convocatoria dalgunha folga e do inicio de movementos na súa contra. É importante reseñar que os seus opositores poñen en dúbida a súa capacidade de dirixir a nazón, pola súa escasa formación política. Lembremos que Evo Morales provén dos sindicatos cocaleiros, e que traballou a maior parte da súa vida como agricultor, polo que non ten estudos superiores.

Como conclusión, tan só me queda dicir que este é un movemento con grandes expectativas e que lanza un raio de esperanza sobre o pobo latinoamericano. Desgraciadamente, temos precedentes históricos como o caso de Salvador Allende en Chile, nos que a revolución se tornou en fracaso, polo que os novos líderes deben de ser prudentes se non queren que a historia se repita.

0 comentarios:

Postar um comentário