Mostrando postagens com marcador Metal. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Metal. Mostrar todas as postagens

A derradeira prédica de Judas

NOTA: O post gana se o les con isto de fondo :)

Xa non teremos moitas máis oportunidades para ver a Judas Priest en directo. A xira mundial que os trouxo a semana pasada a Coruña será a derradeira. Unha vez rematada, tomaranse as cousas con máis calma. Seguirán a dar concertos, pero moi lonxe dos tours con centos de datas e que percorren medio mundo.

Malia non coller os seus anos dourados, podo presumir telos visto en directo dúas veces. No 2005, cando viñeron por vez primeira a Galiza, e a pasada semana. En ámbalas dúas ocasións eran momentos moi especiais para a banda. O retorno do vocalista Rob Halford ao grupo, e o tour mundial de despedida. Afortunadamente para nós, ao longo da súa carreira Judas Priest gravou unha morea de actuacións, polo que sempre podemos poñer eses álbums en directo e lembrar o que era escoitalos en vivo. Hoxe quero falarvos de dous deles que, na miña opinión, son bastante representativos.

Unleashed in the East gravouse en Xapón no 1979, durante a xira posterior ao lanzamento de Killing Machine (Hell Bent for Leather na edición dos EUA). Foi o primeiro álbum en vivo da banda e tivo tanta boa acollida como polémica. Sempre se dixo que este disco non era realmente en directo senón que estaba gravado en estudo. De feito, os fans daquela entón alcumárono Unleashed in the Studio. Anos despois, o guitarrista Glen Tipton admitiu que algunha liñas vogais de Halford tiveran que ser regravadas porque durante a actuación tiña problemas de gorxa, pero que mantiveran a maior parte. Controversias a parte, este álbum é un retrato do momento no que naceo heavy metal. Nesta época, Judas Priest xa superara a herdanza de predecesores como Led Zeppelin ou Black Sabbath e acababa de crear un son propio que cristalizaría definitivamente o ano seguinte co lanzamento do British Steel.

Entrando xa no contido do álbum, veremos que unha peza moi curta. Aínda que na versión remasterizada de 2001 se lle engadiran temas, o disco orixinal non supera os 45 minutos. Malia todo, concentra unha tremenda forza e parece ser moi representativo do que era un directo de Judas Priest por aquela entón. Musicalmente é moi sólido, e van tomando forma os duelos guitarreiros entre KK Downing e Glenn Tipton que caracterizarían os directos da banda. Cómpre unha especial mención á actuación que fan no tema Victim of Changes, que supera por todos lados á versión en estudo. De feito, é bastante habitual que nos recopilatorios inclúan este directo pola súa xenialidade. Pero o que realmente impresiona do álbum é a voz de Rob Halford. Regravada ou non, a forza e versatilidade que desprende en cancións como The Ripper ou The Sinner fannos entender por que este home está considerado un dos mellores vocalistas da historia do heavy metal.

O outro disco en vivo do que vos quería ten menos chicha. Editouse ou ano pasado co gallo do30 aniversario do British Steel, o seu álbum máis emblemático. Correspóndese cun concerto do ano 2009 que a banda deu en Florida e no que tocaron todo o British Steel xunto con algún tema de regalo. Non é que este disco sexa nada especialmente espectacular, como si o foi o Unleashed in the East, pero é unha boa mostra do que son a día de hoxe Judas Priest. Ademais, é curioso ver como tocan os seus grandes clásicos 30 anos despois. O tempo pasa por todos, e a voz de Halford xa non é a mesma. Aínda que non é quen de facer os agudos de antano, impresiona o desgarrador que pode ser ás veces.

É probábel que non poidamos ver a Judas Priest en directo nunca máis, pero con álbums coma estes nunca esqueceremos por que se gañaron o alcume de metal gods.



Podes escoitar o Unleashed in the East premendo aquí.

Podes escoitar a versión en directo do British Steel premendo aquí.



Ler máis...

Novo disco de Iron Maiden para o 16 de agosto


Xa está confirmada a data de saída de Final Frontier, o vindeiro disco de estudo de Iron Maiden. Queda para o 16 de agosto. Se non podedes agardar até entón para escoitar aínda que sexa un pouquichiño do novo material da dama de ferro non vos preocupar. Puxeron para descargar gratuitamente o single El Dorado, xunto cun traballo artístico especial para esta canción deseñado por Melvyn Grant. Se vos son sincero, despois de escoitar este tema varias veces...decepcionoume un pouco. Fáltalle esa garra e potencia que caracterizou aos Maiden. A ver se o resto do disco vai mellor, aínda que as declaracións de Bruce Dickinson non son moi esperanzadoras. Para o vocalista "El Dorado é un anuncio do que vai vir no novo album de estudo. Ademais incluirémolo no noso set do Final Frontier World Tour." Esperemos que se equivoque, senón vai quedar un disco moi mediocre. Nada comparado con "A Matter of Life and Death" ou mesmo co "Dance of Death".

Por outra banda, xa se fixo pública tanto a relación de concertos da xira como o título do resto de cancións do álbum. A única parada que farán na Península será o día 21 de agosto nos Países Cataláns, concretamente en Valencia. Unha magoa para os seareiros galegos que sexa tan lonxe. De todos os xeitos, se podedes facer o esforzo, recomendo ver a Iron Maiden en directo, son sinxelamente incríbeis.

Se queredes ampliar a información tedes a nota de prensa (en inglés) na súa páxina oficial.



Ler máis...

Novos deseños e vellas lembranzas

Neste momento teño a firme vontade de actualizar con frecuencia esta bitácora. Coido que despois de catro anos estudando xornalismo e indo pola vía da comunicación dixital, non estaría de máis que lle dese máis uso a esta marabillosa ferramenta que nos achega internet. Por este motivo preséntovos un novo deseño máis moderno, bonito, integrado e funcional. Ou polo menos iso é o que pretendín facer. Durante os vindeiros días aínda haberá algunha mudanza e intentarei corrixir algún erro que xa detectei, de todos os xeitos admito todo tipo de suxestións e críticas ao actual deseño. Por outra banda, non quero deixar de aproveitar esta entrada para recomendarvos un videoclip que atopei no Youtube. É duns tales Tsunoider e hei de recoñecer que é bastante rancio, pero musicalmente sona ben. Ademais, tal día coma hoxe ten especial relevancia, xa que os dirixentes do mundo capitalista andan a conmemorar a desintegración do socialismo real e a lembrarnos o malos que somos todos os marxistas. Escoitar este tipo de cancións, aínda que sexan un pouco resesas, tamén nos serven para lembrar que non todo foron erros e que algo bo se faría.


Ler máis...

Motores preparados para o Metalway Festival!

Hei de recoñecer que nos últimos tempos deixei un pouco de lado dous xéneros que sempre me caracterizaron: o metal e o rock. Estiven camiñando por outros derroteiros como o folk, o punk, o ska ou mesmo a música de autor. Esta viaxe musical permitiume abrir miras, pero agora volvo a sentir a chamada dese son duro e potente que marcou boa parte da miña vida. Estou volvendo a ler as revistas especializadas, a porme ao día no mundiño, a escoitar os clásicos e a actualizarme cos novos lanzamentos. É por iso que quero dedicar esta entrada a un dos eventos heavys máis senlleiros dos Estado Español. Falo, como non podía ser doutro xeito, do Metalway Festival.



Todos lembramos con tristura, como a edición do pasado ano tivo que ser cancelada no último momento por mor da choiva. Por iso, este ano os que amamos esta música temos a necesidade de nos quitar esa espiña e poder desfrutar desta grande cita metaleira. Para máis inri, o festival durará catro días divididos en dúas fins de semana (a do 20-21 e a do 26-27) e nel producirase a reunión de dúas grandes banda de rock: Barón Rojo e Warlock. Por primeira vez desde 1989, os irmáns de Castro volverán a pisar o escenario acompañados de Sherpa e Hermes Calabria, recuperando así a formación que fixo de Barón a máis grande banda do heavy español. Pola súa parte, a cantante alemana Doro Pesch xuntarase unha vez máis coa formación orixinal de Warlock, o grupo que lle permitiu dar o salto á fama.

Se tan só por estas dúas reunións xa pagaría a pena ir a Zaragoza, vaísevos facer a boca auga ao ver a lista das bandas que tocarán neste Metalway Festival: Manowar, Mötorhead, Twisted Sister, Stratovarius, Queensryche, WASP, Europe, Fear Factory, Warcry, Childern of Bodom, Saxon, Gotthard e un longuísimo etc! E por se fose pouco, un día antes do comezo do festival, terá lugar unha festa de benvida na que tocarán a portas abertas nada máis e nada menos que Obús e Ángeles del Infierno!

Sen dúbida, o Metalway estase a converter nunha cita inexcusábel no programa de festivais metaleiros en Europa. Nestes momentos é cando maldigo que para as datas nas que se vai celebrar aínda estea en exames, senón tería feito todo o posíbel para estar en Zaragoza as dúas fin de semanas nas que haberá concertos. Por se a alguén lle interesa, de Galiza saen dúas viaxes organizadas. Unha da man da empresa Metaltrip e outra de Breakpoint. Con estes últimos eu fun ver a Iron Maiden a Lisboa e o certo é que quedei bastante contento con como foi todo. Da outra empresa non teño referencias. De tódolos xeitos, creo que calquera dos que nos gusta esta música iriamos se fai falla andando con tal de poder disfrutar deste enorme festival.

LONG LIVE ROCK´N ROLL! Ler máis...

Icewind

Dende que Revolta Rockeira sufriu un proceso de reestruturación, tódalas dentradas estiveron adicadas a asuntos políticos. Pero non creades que esquencín que a idea deste blogue é tratar tamén temas musicais, así que hoxe falareivos dun grupo de metal compostelá: Icewind

Icewind naceron aló polo ano 2003 como grupo de versións. Tras ter estabilizado a súa formación lánzanse a editar o seu primeiro e único disco: Tiempos de Gracia, totalmente autoproducido. Na súa corta carreira, Icewind percorreron de punta a punta a nación galega, obtendo un gran éxito entre a crítica e o público. Á súa vez, tiveron a honra de tocar con grupos como Sphinx, El Último ke Zierre ou os lendarios Rata Blanca. Malia todo, en novembro do 2006 comunicaron a través da súa web a mala nova da súa separación. Os motivos podédelos ler na nota de despedida publicada na súa páxina oficial.

Afortunadamente, Icewind darán un concerto de despedida o vindeiro 1 de marzo na residencia universitaria Monte da Condesa (Compostela). Comezará ás 22:00 horas e a entrada será de balde. Recoméndovos que vaiades, xa que será a derradeira oportunidade de ver a unha gran banda de metal.




Para todos aqueles que nunca os escoitastedes, póñovos no podcast a miña canción favorita: Tiempos de Gracia Ler máis...

Metalway Festival 2006

Os vindeiros días 28, 29, e 30 de xullo terá lugar en Guernika o maior evento metaleiro do Estado Españo. Trátase do festival de verán METALWAY. Nel reuniranse bandas da talla de ANNIHILATOR, MINISTRY, CELTIC FROST, THE GATHERING, MY DYING BRYDE, MOONSPELL, NEVERMORE, HELLOWEEN, DARK FUNERAL, GAMMA RAY, GOTTHARD, DREAMAKER, BARON ROJO, SODOM, WITHIN TEMPTATION, EDGUY, JON OLIVAS PAIN (SAVATAGE), THE GATHERING, ILLDISPOSED, PRIMAL FEAR, KREATOR, RAGE, ou STRATOVARIUS. Aínda quedan moitas bandas por confirmar, ademáis dos cabezas de cartel. O bono para os tres días costará sobre 60€. Pode parecer un pouco caro, pero tendo en conta a calidade dos grupos merece a pena facer un pequeno esforzo. Espérase que este festival supere á edición do 2005, que tamén contou cun cartel excelente. Para máis información podedes visitar a páxina www.metalwayfestival.com

Ler máis...

King Diamond



O outro día chegou ás miñas mans un disco de King Diamond chamado The Puppet Master. Eu xa oira falar del, pero nunca tivera o pracer de escoitalo. Impresionante. Que voz, que coros, que guitarras...Un disco que é a ledicia de tódolos amantes do heavy metal. Estos satánicos daneses conseguen introducirte nunha atmosfera oscura e sinistra que te engaiola e da que é imposíbel fuxir. Cabe destacar sobre todo as cancións de "Blue Eyes" e "Christmas", que son simplemente brilantes. Xa tentarei convencer ao Pobreloko para que poña algunha delas.

Espero que vos guste. Ler máis...

Dream Theater


Ola amigos, onte chegou ás miñas mans un disco chamado A Change of Seasons, de Dream Theater. Trátase dun album de Progresive Metal no que se inclúen varias versións de grandes clásicos como Pink Floyd, Led Zeppelin ou Queen; e máis unha canción propia do grupo (Change of Seasons). Eu xa oira falar do virtusismo destes músicos estadounidenses, pero ao escoitalos pareceume que tódalas loubanzas se quedan curtas. Xa intentarei de convencer ao Pobreloko para que poñe un tema deles na Radio. Mentres, se tedes a oportunidade de escoitalos, non a malgastedes. Ler máis...