Mostrando postagens com marcador Outras cousas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Outras cousas. Mostrar todas as postagens

O grande roubo da historia contado como unha traxedia grega

PRÓLOGO

Aviso! Á vindeira persoa que me diga que a empresa privada funciona mellor que a pública voulle dar unha labazada cun calcetín! Que non me falen de eficiencia, de produtividade e de facilidade de horarios. En todos os meus tratos con diferentes administracións (que non foron poucos) nunca me sentín tan insultado e estafado como o que me aconteceu estes días con tres empresas vencelladas á telefonía móbil.

PÁRODO

As voces polifónicas (e ben sincronizadas) desta traxedia son as seguintes:

Movistar: marca comercial que emprega Telefónica Móviles España, S.A.U. que nace a finais dos anos 90 cando a histórica compañía de comunicacións decide entrar na telefonía móbil. En 2009 controlaban o 43,94% do mercado no Estado Español

CPP Seguros Móvil: nome que emprega Homecare Insurance Limited, aseguradora afincada no Reino Unido pertencente un grupo chamado CPP que opera en 14 estados.

Te ( )abla: distribuidora de telecom controlada por Iberdrola e o BBVA que ofrece os seus servizos a través de acordos con Movistar.


ACTO I

Este Nadal decidín renovar o meu teléfono móbil e mercar un iPhone 3GS. Aproveitando que na casa tiñamos unha liña Vodafone que non utilizabamos, pedimos a portabilidade a Movistar coa idea de que o aparato nos saise mellor de prezo. Efectivamente, deixábanos o novo móbil por 150€ coa condición de que asinásemos 18 meses de permanencia na operadora e que contratásemos unha tarifa de voz que custaba 19,90 aos mes e outra de datos (internet) de 15. Aceptamos (non quedaba outra se queriamos o iPhone a un prezo razoábel). Agora ben, a cousa non quedaba aí. Te()abla dinos que é obrigatorio asegurar o teléfono polo menos o primeiro ano. Cedemos tamén polo mesmo motivo que antes e asinamos a póliza con CPP, xa que non nos ofreceron outra.


ACTO II

Seis meses despois, tiven a derradeira cea cos compañeiros da Decimosexta Promoción de Xornalismo da USC. Despois dunha noite de esmorga, doume conta de que me falta o iPhone. Nun primeiro momento cavilo que o puiden ter perdido, mais atando cabos deduzo que mo deberon roubar na discoteca Ruta (Compostela) xa que o levaba gardado no peto interior da americana.

Estaba relativamente tranquilo xa que tiña un seguro que mo debería cubrir. Desactivo a liña, mudo os contrasinais que tiña vencellados ao iPhone, fago a denuncia na policía e dou parte ao seguro. Dinme que tal e como pon no contrato, cubren até 224 euros dun novo teléfono. Nos seguintes días fixen todo o papeleo que CPP me pedía. Dependendo de quen me atendera no teléfono dicíanme que me daban un terminal exactamente igual ao que tiña ou que só me cubrían a cantidade de antes. A versión final foi que eles non me daban os cartos, que me daban un novo terminal pero que tiña que mercar nunha tenda Te()abla e que non puñan máis dos 224 euros. A partir de aí era cousa miña.

ACTO III

Aquí comeza o proceso de deliberación...Que facer? (nunha versión consumista de Lenin). Coller un novo iPhone sairía bastante caro malia a indemnización, e tendo en conta que nun par de meses marcho a vivir a Inglaterra...moito uso non lle ía dar. Polo tanto abriánseme dúas opcións:

1º. Mercar o iPhone aproveitando a indemnización e sacándollo o máis barato posíbel a Movistar.

2º. Dar de baixa a liña de Movistar pagando o que pediran por romper a permanencia. Isto só se faría se sae máis barato que mercar un novo iPhone. Ademais, podería coller calquera aparello que estivese dentro deses 224 euros.

Despois de consular a Movistar e facer cálculos acho que grazas ao programa de puntos, deixaban o móbil de Apple por pouco máis de 400 euros. Quitándolle a indemnización de CPP quedaba nuns 180, só 30 euros máis caro de cando o merquei por primeira vez. Pola contra, darse de baixa sairía por 272 euros. Decido coller a opción do iPhone e fun á tenda Te()Habla acompañado por meu pai.

ACTO IV

Cal foi a nosa sorpresa cando ao chegar á tenda a vendedora di que CPP non lle permite facturar o teléfono co programa de puntos, que tería que ser co seu prezo completo, uns 630 euros. Isto deixaba que con indemnización incluída aínda teriamos que abonar 408 euros. Claramente inaceptábel. Insistimos en que como poden facer iso cando non aparece por ningures no contrato e responde que é cousa de CPP que non obriga a calcular en función do prezo completo. Marchamos para casa extrañados e falamos coa aseguradora. Despois dunha acalorada discusión rematan por dicirnos que eles non teñen nada que ver, que é cousa de Te()abla e que lles dá exactamente igual se se empregan os puntos ou non xa que eles só poñen 224 euros.

Volta á tenda. Esta vez a vendedora xa asume que é cousa da súa empresa pero segue dicindo que non nos permite empregar o programa de puntos. Por mor da nosa presión consulta á súa xefa por teléfono e reafírmase no que nos dixo. Insistimos en que iso non aparece en ningún sitio no contrato e dinos que se non estamos de acordo que reclamemos. Evidentemente facémolo e para iso empregamos unha folla de queixas que mañá teño que levar á Oficina Municipal de Información ao Consumidor.

ÉXODO

Un carterista rouboume un móbil polo que paguei 150 euros. Agora entre Movistar, Te()abla e CPP quérenme estafar unha cantidade que pode oscilar entre os 272 euros (se cancelo o contrato) e os 408 (se merco o móbil). Mais sempre se abren opcións que elixir no libre mercado. Podo coller outro teléfono e renunciar a empregar a tarifa de datos (é exclusvia para o iPhone) aínda que a teña que seguir pagando, ou tamén podo deixar de pagarlle a Movistar, aguantando a denuncia da operadora e entrando na lista de morosos. Demos grazas ao capitalismo por tanta liberdade de escolla.

Tres empresas que se coordinan para quitarlle os cartos ao pequeno consumidor. A burguesía vasca e española (Iberdrola, BBVA e Movistar) xunto coa inglesa (CPP) foron tecendo unha rede da que non podes escapar. Os contratos que asinas carecen de importancia cando son eles os que teñen que cumprir. As alternativas que podes atopar son pleitos interminábeis e custosos sen garantía de vitoria. A desprotección do consumidor é absoluta.

Manda carallo (con perdón) que con esta falsa liberdade de elección o capital fose quen de gañarlle a batalla de ideas ao socialismo. Vendo como se desenvolveu a historia, foron as clases dominantes as que lle fixeron caso á derradeira frase do Manifesto Comunista:

Burgueses de todos os países, unídevos!

Ler máis...

En Revolta Rockeira tamén se felicita o Nadal!


Bo Nadal a todos e a todas! Que o Apalpador vos traia unha boa presa de castañas quentes e que este ano 2010 sexa un pouco mellor que o anterior, que falta fai!

Déixovos tamén un par de cancións de nadal ao meu estilo. Son "Merry Christmas (I don´t want to figth tonight)" de The Ramones e "Merry X-mas Everybody" de Slade. Que as disfrutedes! Podedes acceder aos reprodutores de Goear dándolle a "Ler máis".

Ler máis...

Novos deseños e vellas lembranzas

Neste momento teño a firme vontade de actualizar con frecuencia esta bitácora. Coido que despois de catro anos estudando xornalismo e indo pola vía da comunicación dixital, non estaría de máis que lle dese máis uso a esta marabillosa ferramenta que nos achega internet. Por este motivo preséntovos un novo deseño máis moderno, bonito, integrado e funcional. Ou polo menos iso é o que pretendín facer. Durante os vindeiros días aínda haberá algunha mudanza e intentarei corrixir algún erro que xa detectei, de todos os xeitos admito todo tipo de suxestións e críticas ao actual deseño. Por outra banda, non quero deixar de aproveitar esta entrada para recomendarvos un videoclip que atopei no Youtube. É duns tales Tsunoider e hei de recoñecer que é bastante rancio, pero musicalmente sona ben. Ademais, tal día coma hoxe ten especial relevancia, xa que os dirixentes do mundo capitalista andan a conmemorar a desintegración do socialismo real e a lembrarnos o malos que somos todos os marxistas. Escoitar este tipo de cancións, aínda que sexan un pouco resesas, tamén nos serven para lembrar que non todo foron erros e que algo bo se faría.


Ler máis...

Estamos en obras

Non sei se será porque ultimamente estou completamente rodeado de obras (están a construír unha autoestrada na metade da miña rúa), pero deume por remodelar un pouco isto. Se ao longo destes días vedes cousas raras coma que muda o cabezallo cinco veces en tres minutos, ou que aparecen as ligazóns descolocadas, non vos preocupedes, está todo controlado. Cando estea rematado xa porei unha enquisa para ver que vos parecen as novidades. Por outra parte, como todo o tempo que dedicaría en situacións normais a escribir o estou empregando na remodelación, non esperedes artigos novos.

Desculpade as molestias ;)


Ler máis...

Aberto unha vez por semana

Aló polo mes de febreiro, decidín darlle un empurrón a esta bitácora e reavivala. A verdade é que conseguin uns resultados moi bos: bastantes visitas, algúns comentarios e unha brazada de xente que lía as miñas barrenadas. Con todo, pouco a pouco fun deixando esmorecer o bloge por mor da preguiza, os brazos rotos e os exames. Pero agora creo que é un bo momento para continuar con este proxecto chamado Revolta Rockeira, que malia contar con máis de dous anos de historia, non deu arrincado do todo. Como sei que non serviría de nada publicar oito entradas nunha semana e logo volvelo a abandonar, prefiro fixarme uns obxectivos realistas: un artigo por semana como mínimo. O esforzo non é moito e os resultados poden ser moi bos, así que espero que desta vola, dunha vez por todas, decida darlle o empurrón definitivo a Revolta Rockeira.


Ler máis...

GRAZAS


Ler máis...

Gran discurso do Premio Nobel de literatura, Harold Pinter

Ola amigos,
¿Coñecedes a Harold Pinter? É un escritor británico que este ano gañou o premio Nobel de literatura. Por problemas de saúde non puido ir a recollelo, pero enviou un video co seu discurso grabado. É curioso, eu non o vin en ningún dos grandes medios de comunicación. Da que pensar ¿ou non?

Podedes lelo aquí http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=46427 Ler máis...

Comeza a actividade en Revolta Rockeira

Saúdos camaradas,
despois de meses de inactividade, revolta rockeira reiniciará as súa actividades a partir do venres 16 de decembro.
Critica política, música e opinión libre e democrática encherán as páxinas desta web. Para iso solcitamos a colaboración de todos vós. Pedímosvos que comentedes, que debatades e que opinedes para que esta páxina sexa cada vez máis rica e mellor. Ler máis...