Internet manda na economía

Rematouse iso de falar de potencialidades ou de mirar cara o futuro. Internet xa manda na economía. Nun recente estudo encargado por Google revélase que esta industria representa o 7.2% do PIB do Reino Unido, moi por riba da hostelería e un chisco por debaixo do todopoderoso sector financeiro. As perspectivas non podían ser mellores, para 2015 estímase que internet representará un 13% da economía. Un dos piares desta industria está a ser o comercio electrónico xa que no RU hai uns hábitos de consumo moi diferentes aos que estamos habituados en Galiza ou no conxunto do Estado Español. Durante o ano 2010, un 62% dos adultos empregaron algún tipo de ferramenta de comercio electrónico, situado a este Estado no primeiro posto de ranking mundial de compras a través de internet.

Via The Guardian (preme na imaxe para facela máis grande)

Os resultados deste estudo evidencian a enorme importancia que ten internet, mais non só na economía, senón tamén socialmente, xa que é quen de mudar os nosos hábitos de consumo. As TIC son un sector en auxe que abre moitas posibilidades de crecemento para as nosas economías. Agora ben, é imprescindíbel rematar coa fenda dixital para poder desenvolver dun xeito completo e equitativo unha economía baseada en internet. No propio Reino Unido son significativas as diferenzas na estensión da banda larga entre o suereste de Inglaterra e Escocia e mailo Ulster. Para canto máis nun país periférico como o noso! Cómpre continuar o traballo xa comezado de levar a toda Galiza conexión de alta velocidade, así como afondar na alfabetización dixital.
Ler máis...

Red Ed?

Esta é a primeira entrada que escribo desde que me viñen vivir a Londres. Como poderedes imaxinar, agora que non estou en Galiza, a temática que tratarei variará lixeiramente xa que estou a coñecer outras realidades, convivindo con outras culturas, lendo outros xornais e en definitva mudando a miña percepción inmediata do mundo.

Gustaríame abrir esta quenda de posts londinenses cunha nova que está a retumbar en todos os medios ingleses: a elección de Ed Miliband como novo líder do Partido Laborista.

Desde que nas pasadas eleccións os laboristas perderon o goberno (que ostentaban desde 1997), abriuse un proceso de debate dentro do partido que levaría á renovación da súa cabeza visíbel. Postuláronse cinco candidatos: Ed Miliband, David Miliband, Ed Balls, Andy Burnham e Diane Abott. Segundo o sistema electoral dos laboristas, hai que repetir a votación até que un candidato obteña a maioría absoluta, e vaise eliminando de cada vez ao que menos votos obtivo. As tres primeiras rondas liderounas David Miliband, pero na derradeira o seu irmán Ed superouno coa escasa marxe do 1,35%.

Durante a campaña electoral, Miliband gañouse o alcume de "Red Ed" polas súas críticas á política que levou o seu partido nos últimos anos, fundamentalmente en materia de dereitos sociais e na guerra de Iraq. Cómpre lembrar que o gran beneficiado da baixada do laborismo foron os Liberal-Demócratas, que capitalizaron para eles boa parte do voto progresista. Por todo isto, parte dos apoios de Ed Miliband veñen do sector máis á esquerda do Partido e das poderosas Trade Unions. Agora ben, ao novo líder nunca lle gustou demasiado este alcume. De feito, durante os últimos días de campaña bromeaba con que seu pai, o sociólogo marxista Ralph Miliband, nunca o tería considerado "Red" e facía todo o posíbel para minimizar ese perfil de esquerda que lle deu parte da opinión pública. Nos seus primeiros discursos como líder do Partido Laborista xa comezou a dar unha de cal e outra de area. Por un lado dicía que apoiaría aos sindicatos, pero que non os seguiría nunha ola de folgas irresponsábeis. Ou que estaba a prol dos servizos sociais pero que non se ía opor a todos os recortes do goberno de Cameron. Quere representar a ruptura co chamado New Labour de Blair, cunha nova xeración de dirixentes e cun certo xiro á esquerda en cuestións sociais. Na economía as diferenzas xa son menores, xa que é partidario de reducir o déficit público e manter un servizos de carácter asistencial para os máis necesitados.

Non me parece que Ed Miliban vaia representar un grande cambio no Laborismo nin que vaia recuperar a confianza da esquerda do Reino Unido, que xa se sentiu traizoada tanto polos gobernos de Blair-Brown como polos Liberal-Demócratas de Nick Clegg. Mentres, alternativas como o Respect Party seguen sen ter o apoio suficiente como para chegar ao parlamento.


Ler máis...

Os paradoxos da crise

Non entendo absolutamente nada da crise. A min dixéranme que estabamos así por seguir as doutrinas neoliberais na súa espiral suicida. Que a clase traballadora xa non tiña máis capacidade de endebedamento e por iso quebraba o sistema. Que a especulación acadara os seus niveis máis altos posíbeis e que a burbulla estoupara. Partindo desta base, pensaba que as medidas para saír deste berenxenal no que estabamos metidos tiñan que percorrer vieiros ben diferentes dos que estivo a seguir a economía mundial nos últimos anos. Pois debe ser que non o entendín ben, porque non é así. Nen saída keynesiana, como pronosticaban algúns nos albores da crise; nen socialista, como puidemos soñar outros nos nosos maiores delirios de optimismo. O que temos son as mesmas receitas neoliberais de sempre. Baixar a cabeza diante do FMI, recortar salarios, abaratar o despedimento e privatizar os xa bastante maltreitos servizos públicos.

O outro día lin unha nova en Xornal de Galicia que me deixou horrorizado: "As grandes fortunas galegas teñen 120 millóns en débeda pública". Parece ser que Amancio Ortega, Manuel Jove, Rosalía Mera e o resto de poderosos galegos andan a mercar os bonos que emite o Estado Español para pagar as súas débedas. É dicir, que non abonda con que o grande capital, culpábel directo da crise, non pague a súa metedura de zoca, senón que inda por riba esta xente saca tallada! Mentres os traballadores e traballadoras sofren unha reforma laboral e a conxelación das pensións, vemos como as grandes fortunas empregan as súas SICAVs (que sorprendentemente tributan moi baixo) para mercar a débeda que contrae o estado despois de aplicar as súas medidas antipopulares. Regular este tipo de sociedades de inversión para aumentar a súa cotización ou facer unha reforma fiscal progresista parecen ser ideas perigosas.

Foto dunha urbanización feita pola Fadesa de Manuel Jove.
Un exemplo do modelo polo que apostaba este señor antes da crise.


Tamén resulta sorprendente ver a reforma da Lei de Caixas. Se un dos motivos polo que estourou esta crise foi a política especulativa que seguiu o capital financiero...non sería lóxico regular este sector para evitar que isto volva a pasar? Non sei, se cadra estaba ben facer unha aposta pola banca pública, que poña en primeiro termo o progreso colectivo e non os beneficios rápidos. Ou blindar as caixas de aforros para evitar que recaian no vicio especulador e que se centren na función social que lles deu razón de ser. Pois non. Parece que isto tamén son ideas perigosas. Desde o goberno de ZP levan adiante unha reforma da lei estatal de caixas que permite a entrada de capital privado e a súa conversión pouco a pouco en bancos.

Estes son os paradoxos da crise económica. Quen nos meteu nela álzase como voz autorizada para sacarnos e calquera intento de procurar unha saída progresista resulta ser extremista e utópica.

Ler máis...

Apuntamentos sobre o debate

Hoxe tivo lugar a primeira xornada do "Debate sobre o estado da nación (sic)". Non o vin en directo pola televisión, pero seguino a través de Eskup, a rede social de El País. Un exemplo de como aplicar as novas tecnoloxías e a comunicación social ao mundo do xornalismo. Grazas a isto, non só ía lendo un resumo do debate que elaboraban os ciberperiodistas, senón que completaba a miña visión coas anotacións de expertos en comunicación política, deputados que estaban no hemiciclo e outros usuarios de Eskup que seguían a sesión parlamentaria.

Ao longo do debate evidenciouse o baixo nivel político dos dous grandes partidos estatais. Zapatero e Rajoy lanzaron sendos monólogos sen entraren a confrontar ideas e propostas. O Presidente do goberno centrou a súa intervención en loar os grandes éxitos do seu mandato, principalmente a aposta pola política social, e a xustificar as medidas económicas impopulares que tiña que tomar neste momento para manter os avances acadados. Agora ben, ningún anuncio de políticas de esquerda. Nin reforma das Sicavs, nin persecución do fraude fiscal, nin aumento do IRPF ás rendas máis altas. Só reforma laboral e conxelación das pensións.

No referido á sentenza do Estatut, outro dos grandes temas do debate, ZP quixo manterse equidistante. Por unha banda respectaba a decisión do TC, comprendía o malestar dos cataláns pero quería apuntarse un punto co PSC. Surrealista.

Neste contexto tan desfavorábel para o goberno en xeral e para Zapatero en particular, Rajoy tiña servido o debate en bandexa de prata. Aínda así, non foi quen de quedar por riba do seu adversario xa que ao longo da súa intervención non fixo nin unha triste proposta. Minto! Houbo unha! Disolver o parlamento e convocar eleccións. Como di Ignacio Escolar no seu blog, un quítate ti que me poño eu. Debe ser difícil facer propostas desde un punto de vista de dereita cando o PSOE está a apostar por unha saída neoliberal á crise. As diferenzas entre uns e outros son cada vez máis difusas. Neste sentido, o deputado de ERC Joan Tardá comentaba no Eskup que non entendía a que viñan tantos reproches de Rajoy a Zapatero se o goberno estaba a levar adiante a política que a dereita quería.

A pesar de que foi o PP quen recorreu o Estatut diante do Tribunal Constitucional e que foron eles os que axitaron durante anos o espantallo da ruptura de España, Mariano Rajoy quixo pasar bastante por alto este tema. Se cadra porque o españolismo exacerbado do seu partido converteunos nunha forza residual en Catalunya. Con todo, hai que ter moita cara para dicir que non hai que "botar máis leña ao lume" con este tema.

O resto de forzas políticas que interviñeron hoxe mantivéronse na súa liña. Destaco dúas, a do portavoz de CiU, Duran i Lleida e a de Joan Ridao de ERC. O primeiro seguiu na súa liña de facer propostas pero advertiu que a sentenza do Estatut levaba a moitos cataláns a apostar polo independentismo, e que o seu partido non ía ser xa tan respetuoso coa constitución. O portavoz dos republicanos afastouse dese posicionamento titubeante que mantivo sobre a reforma laboral e dixo que a política económica do PSOE, no canto de arremeter contra os poderosos e os causantes da crise, constituía un ataque contra as clases populares e as capas medias. Ben por ERC por esta rectificación.

En resumo, un debate tedioso, carente de propostas por parte da oposicion de dereita e claramente ignoradas as que fai a esquerda. Normal que cada vez haxa máis apatía cara a política ao presentar este tipo de espectáculos. Poucas cousas máis tristes hai que ver como os representantes dunha cámara pasan máis tempo fóra que dentro. Que credibilidade pretenden ter así?

En fin, a ver que acontece mañá, na quenda do grupo mixto (onde falará o BNG) e do grupo socialista.



Ler máis...

O grande roubo da historia contado como unha traxedia grega

PRÓLOGO

Aviso! Á vindeira persoa que me diga que a empresa privada funciona mellor que a pública voulle dar unha labazada cun calcetín! Que non me falen de eficiencia, de produtividade e de facilidade de horarios. En todos os meus tratos con diferentes administracións (que non foron poucos) nunca me sentín tan insultado e estafado como o que me aconteceu estes días con tres empresas vencelladas á telefonía móbil.

PÁRODO

As voces polifónicas (e ben sincronizadas) desta traxedia son as seguintes:

Movistar: marca comercial que emprega Telefónica Móviles España, S.A.U. que nace a finais dos anos 90 cando a histórica compañía de comunicacións decide entrar na telefonía móbil. En 2009 controlaban o 43,94% do mercado no Estado Español

CPP Seguros Móvil: nome que emprega Homecare Insurance Limited, aseguradora afincada no Reino Unido pertencente un grupo chamado CPP que opera en 14 estados.

Te ( )abla: distribuidora de telecom controlada por Iberdrola e o BBVA que ofrece os seus servizos a través de acordos con Movistar.


ACTO I

Este Nadal decidín renovar o meu teléfono móbil e mercar un iPhone 3GS. Aproveitando que na casa tiñamos unha liña Vodafone que non utilizabamos, pedimos a portabilidade a Movistar coa idea de que o aparato nos saise mellor de prezo. Efectivamente, deixábanos o novo móbil por 150€ coa condición de que asinásemos 18 meses de permanencia na operadora e que contratásemos unha tarifa de voz que custaba 19,90 aos mes e outra de datos (internet) de 15. Aceptamos (non quedaba outra se queriamos o iPhone a un prezo razoábel). Agora ben, a cousa non quedaba aí. Te()abla dinos que é obrigatorio asegurar o teléfono polo menos o primeiro ano. Cedemos tamén polo mesmo motivo que antes e asinamos a póliza con CPP, xa que non nos ofreceron outra.


ACTO II

Seis meses despois, tiven a derradeira cea cos compañeiros da Decimosexta Promoción de Xornalismo da USC. Despois dunha noite de esmorga, doume conta de que me falta o iPhone. Nun primeiro momento cavilo que o puiden ter perdido, mais atando cabos deduzo que mo deberon roubar na discoteca Ruta (Compostela) xa que o levaba gardado no peto interior da americana.

Estaba relativamente tranquilo xa que tiña un seguro que mo debería cubrir. Desactivo a liña, mudo os contrasinais que tiña vencellados ao iPhone, fago a denuncia na policía e dou parte ao seguro. Dinme que tal e como pon no contrato, cubren até 224 euros dun novo teléfono. Nos seguintes días fixen todo o papeleo que CPP me pedía. Dependendo de quen me atendera no teléfono dicíanme que me daban un terminal exactamente igual ao que tiña ou que só me cubrían a cantidade de antes. A versión final foi que eles non me daban os cartos, que me daban un novo terminal pero que tiña que mercar nunha tenda Te()abla e que non puñan máis dos 224 euros. A partir de aí era cousa miña.

ACTO III

Aquí comeza o proceso de deliberación...Que facer? (nunha versión consumista de Lenin). Coller un novo iPhone sairía bastante caro malia a indemnización, e tendo en conta que nun par de meses marcho a vivir a Inglaterra...moito uso non lle ía dar. Polo tanto abriánseme dúas opcións:

1º. Mercar o iPhone aproveitando a indemnización e sacándollo o máis barato posíbel a Movistar.

2º. Dar de baixa a liña de Movistar pagando o que pediran por romper a permanencia. Isto só se faría se sae máis barato que mercar un novo iPhone. Ademais, podería coller calquera aparello que estivese dentro deses 224 euros.

Despois de consular a Movistar e facer cálculos acho que grazas ao programa de puntos, deixaban o móbil de Apple por pouco máis de 400 euros. Quitándolle a indemnización de CPP quedaba nuns 180, só 30 euros máis caro de cando o merquei por primeira vez. Pola contra, darse de baixa sairía por 272 euros. Decido coller a opción do iPhone e fun á tenda Te()Habla acompañado por meu pai.

ACTO IV

Cal foi a nosa sorpresa cando ao chegar á tenda a vendedora di que CPP non lle permite facturar o teléfono co programa de puntos, que tería que ser co seu prezo completo, uns 630 euros. Isto deixaba que con indemnización incluída aínda teriamos que abonar 408 euros. Claramente inaceptábel. Insistimos en que como poden facer iso cando non aparece por ningures no contrato e responde que é cousa de CPP que non obriga a calcular en función do prezo completo. Marchamos para casa extrañados e falamos coa aseguradora. Despois dunha acalorada discusión rematan por dicirnos que eles non teñen nada que ver, que é cousa de Te()abla e que lles dá exactamente igual se se empregan os puntos ou non xa que eles só poñen 224 euros.

Volta á tenda. Esta vez a vendedora xa asume que é cousa da súa empresa pero segue dicindo que non nos permite empregar o programa de puntos. Por mor da nosa presión consulta á súa xefa por teléfono e reafírmase no que nos dixo. Insistimos en que iso non aparece en ningún sitio no contrato e dinos que se non estamos de acordo que reclamemos. Evidentemente facémolo e para iso empregamos unha folla de queixas que mañá teño que levar á Oficina Municipal de Información ao Consumidor.

ÉXODO

Un carterista rouboume un móbil polo que paguei 150 euros. Agora entre Movistar, Te()abla e CPP quérenme estafar unha cantidade que pode oscilar entre os 272 euros (se cancelo o contrato) e os 408 (se merco o móbil). Mais sempre se abren opcións que elixir no libre mercado. Podo coller outro teléfono e renunciar a empregar a tarifa de datos (é exclusvia para o iPhone) aínda que a teña que seguir pagando, ou tamén podo deixar de pagarlle a Movistar, aguantando a denuncia da operadora e entrando na lista de morosos. Demos grazas ao capitalismo por tanta liberdade de escolla.

Tres empresas que se coordinan para quitarlle os cartos ao pequeno consumidor. A burguesía vasca e española (Iberdrola, BBVA e Movistar) xunto coa inglesa (CPP) foron tecendo unha rede da que non podes escapar. Os contratos que asinas carecen de importancia cando son eles os que teñen que cumprir. As alternativas que podes atopar son pleitos interminábeis e custosos sen garantía de vitoria. A desprotección do consumidor é absoluta.

Manda carallo (con perdón) que con esta falsa liberdade de elección o capital fose quen de gañarlle a batalla de ideas ao socialismo. Vendo como se desenvolveu a historia, foron as clases dominantes as que lle fixeron caso á derradeira frase do Manifesto Comunista:

Burgueses de todos os países, unídevos!

Ler máis...

Xa está! Xa temos o cartel do Festigal 2010!

Acabo de ver nunha rede social o cartel da novena edición do Festigal, o gran evento organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre co gallo do Día da Patria. Nel conflúen a música co debate, a cultura coa festa e a reivindicación coas novas tendencias. Desde que no ano 2002 a organización xuvenil do BNG decide ampliar a Arenga da Mocidade (que incluía ofrenda a Castelao e Rosalía, recital e concerto) e convertela en Festigal, converteu este acto nun dos grandes eventos do verán.


Polo de agora, da programación deste ano só se fixeron públicas as actuacións musicais do escenario principal. Falta o Café-Concerto, a Galería das Ideas, a das Letras, a Feira de Asociacións, etc. As bandas confirmadas para a noite do 24 son Os Cuchufellos, Galegoz, Banda Potemkin e Santa Macario Orkestar e para o 25 Bellón Maceiras Quinteto, O´Questrada e
Susana Seivane. Nótase a saída do Bloque da Xunta, pero aínda así non está nada mal.
Ler máis...

Eu quero que perda España

Pois si, fago parte desa minoría separatista e radical que nos alegramos de que o outro día España pinchara diante de Suíza no seu primeiro partido do Mundial. Pero por moi contento que estea teño que ter coidado coas manifestacións públicas contrarias a "La Roja". Ben sei que mentres dure o campeanoato aqueles que non sexamos adictos á selección española converterémonos nunha especie de parias sociais que deben ser desprezados ou mesmo insultados. Esaxero? Non o creo. Sempre conto unha anécdota que me pasou nun bar de Narón no pasado Mundial, concretamente durante o partido contra Francia que deixou a España fóra da competición. Cando o equipo galo marcou o seu segundo gol, nunha mostra de efusividade, berrei "gol!" e choquei a man cun compañeiro. Xa imaxinaredes a reacción que houbo no local: xente erguéndose mirando cara nós e varios insultos. Desde ese día vexo os partidos de "La Roja" na miña casa.

Diredes que esta animadversión cara a selección española pode ser froito dunha sobredose de esquerdismo ou simplemente por provocar. Nada máis lonxe da realidade. Eventos deportivos como Mundial de fútbol cumpren unha función ideolóxica moi clara á hora de manter o statu quo dentro do Estado. Apélase a nós para que apoiemos a un combinado "nacional" aínda que facelo sexa negar a nosa identidade colectiva como país. Para gañar adeptos a esta causa, empréganse todos os altofalantes posíbeis: medios de comunicación, anuncios publicitarios, merchadising, iconografía española...O único que importa é amosar un apoio social maioritario a "La Roja" e excluír a aqueles que non entramos na roda do muíño.

Porque non quero negar a miña identidade como galego, porque acredito na oficialidade da miña selección, porque non comulgo coa idea unitaria do Estado e porque non soporto o chauvinismo español ao que feden os medios de comunicación...EU QUERO QUE PERDA ESPAÑA!
Ler máis...

Xornalismo e loita de clases

Marx e Engels, no seu célebre Manifesto Comunista, definiron a loita de clases como o antagonismo entre "opresores e oprimidos". Xa na súa época, o que diferenciaba a estas dúas clases era a propiedade dos medios de produción. Uns eran os donos da fábrica e os outros vendían a súa forza de traballo.

No mundo do xornalismo, e da comunicación en xeral, atopámonos nunha situación bastante semellante. Unha minoría é a propietaria dos medios informativos, e o resto, a grande maioría, son os que traballan. Malia este feito, é moi frecuente atoparnos coa idea tradicional, romántica, case mitolóxica, do xornalista como profesional liberal, intrépido que se converte no azoute da mentira e da desinformación. Agora ben, a realidade coa que batemos ao saír da facultade é moi diferente. Dificilmente podemos ser azoute de nada con xornadas laborais de dez horas, ou cunha carga de traballo tan grande que leva a que sexa materialmente imposíbel contrastar todo o publicado. E xa non falar da retribución salarial, con horas extras impagadas e cunha media que case non alcanza o 1500 euros. En palabras de Xosé Manuel Pereiro, presidente do Colexio de Xornalista de Galiza, “a calidade da información depende da precariedade da xente que a realiza. Se o intermediario está mal pagado, é difícil que a información que faga sexa de calidade”

Aínda así, a imaxe mitificada do xornalista intrépido prevalece, e por manter unha suposta independencia, rexéitase a organización en estruturas sindicais. Non nos debe estrañar que se preguntas nos diferentes medios galegos, a porcentaxe de traballadores organizados colectivamente non sobrepase o 10%.

Os efectos da crise económica agudizan a xa de por si precaria situación dos e das xornalistas no noso país. Nos centros de traballo aumentan os recortes de persoal. Aos máis maiores prexubílanos porque teñen contratos máis custosos para as empresas. Aos máis novos ou os botan, ou non lles renovan o contrato, xa que pola súa precariedade non resulta nada custoso prescindir deles. Quen perde? Os propios traballadores, é evidente, máis tamén a calidade da información. Desaparecen das redaccións a bagaxe dos máis veteranos e a frescura dos máis novos

Os xornalistas adquirimos un compromiso coa cidadanía de achegar unha información rigorosa e de calidade. Non debemos permitir que os poderes estabelecidos nos obriguen a ser altofalantes da súa propaganda, nin tampouco podemos ficar calados diante dunha situación laboral tan precaria. É a nosa responsabilidade organizarnos e loitar, como calquera oprimido, pola dignidade no traballo. Só así poderemos desenvolvernos plenamente como xornalistas e sermos ese azoute da mentira e do poder que as fabulacións colectivas da profesión foron creando ao longo dos anos.


Orixinal publicado no nº2 da revista Comunicando, editada polo Comité de Ciencias da Comunicación

Ler máis...

Egunkaria: peche, tortura, xuízo e absolución

Non é habitual, no marco dunha democracia liberal, presenciarmos o peche de xornais e a persecución dos seus traballadores. Porén, nos últimos anos, o Estado Español foi tristemente recordado por varios casos deste estilo. Os primeiros exemplo témolos en 1998, coa clausura do diario vasco Egin e da súa emisora Egin Irratia, o segundo en 2001 coa suspensión da revista Ardi Beltza, e o terceiro en 2003, co peche polas armas de Egunkaria, o único xornal integramente en éuscaro. Neste artigo centrarémonos neste último caso, aproveitando que o pasado mes de abril resolveuse a sentencia xudicial de xeito favorábel para o medio e que o seu director, Martxelo Otamendi, estivo impartindo unha conferencia na Facultade de Ciencias da Comunicación.

A xénese do proceso
Euskaldunon Egunkaria nace impulsado por diferentes persoas vencelladas ao mundo da cultura e da lingua vasca. En 1989 botan a andar un proceso chamado Egunkaria Sortzen (crear o periódico) co que pretendían acadar os apoios suficientes para constituír a primeira cabeceira integramente en éuscaro. O único precedente dun medio en papel deste tipo estaba en Eguna, un boletín editado polo goberno vasco durante a Guerra Civil e cuxa duración non foi máis alá dun ano. Egunkaria sacaría o seu primeiro número o 6 de decembro de 1990 despois de teren participado economicamente na súa fundación máis de 1500 persoas. Tal e como sinalou o seu director, Martxelo Otamendi, pretendían ser a cabeceira de referencia en éuscaro, como o eran Le Monde ou The New York Times nos seus respectivos territorios. Malia ter unha liña editorial progresista e ser especialmente sensíbeis coas nacións sen estado e culturas minorizadas, tanto o seu cadro de persoal como os seus colaboradores eran moi plurais no ideolóxico.

Aínda que Egunkaria sacou o seu primeiro número 1990, non foi até o 6 de xuño 2001 cando a Garda Civil remitiu ao xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo un informe titulado “Sobre la presunta vinculación de un entramado empresarial con financiación de la banda terrorista ETA” no que se indicaba a sospeita de que diferentes empresas vencelladas ao mundo do éuscaro, Egunkaria S.A. incluída, puidesen financiar á banda armada. Durante a investigación da empresa o único que se atopou foi uns documentos de principios dos 90 que podían pertencer a membros de ETA e de KAS pero que non estaban asinados nos que se falaba do periódico, pero sempre desde un punto de vista externo. A maioría destes arquivos xa saíran á opinión pública no seu momento, mesmo pasaron polo xuíz Garzón sen que este iniciase investigación algunha contra o xornal.

O peche
Ao non atoparen probas, a Garda Civil solicita ao xuíz Juan del Olmo o peche de Egunkaria para continuar a investigación. Deste xeito, a noite do 20 de febreiro de 2003, efectivos das forzas de seguridade clausuran a sede do periódico e entran nas casas de dez traballadores e colaboradores do medio para detelos e rexistrar os seus domicilios. Durante os cinco días seguintes permaneceron incomunicados por mor da aplicación da Lei Antiterrorista, tempo no que a metade dos detidos denunciaron torturas. O propio Martxelo Otamendi sinalou que durante a súa detención o único que lle preguntaron foi por unhas entrevistas que lles fixera había tempo a varios militantes de ETA e cuxa información non só estaba protexida polo secreto profesional, senón que xa fora investigada polo xuíz Garzón. Malia todo, o director do xornal denunciou que para obter esa información, a Garda Civil utilizou métodos violentos e vexatorios cara o reo.

A investigación
Ao clausuraren o xornal, as forzas de seguridade incautaron moitos documentos tanto no medio como nas vivendas dos detidos, mais non atoparon ningunha referencia ou presenza de ETA, e moito menos relativa ao financiamento. O que si que se descubriron foron algunhas irregularidades económicas relacionadas coa xustificación de subvencións, por iso o sumario dividiuse en dous. Por unha banda o relacionado co peche e polo outro o económico.

O argumentario esgrimido polo xuíz foi mudando co tempo. Se nun primeiro momento se pecha Egunkaria porque financia a ETA, ao non atoparen probas disto dálle a volta aos termos e di que foi a banda armada a que financiou o proceso de constitución do xornal, sinalando como inverosímil que o medio conseguise o capital inicial grazas a doazóns sen o impulso de ETA. Asemade, comezouse a seguir a liña argumental de que os obxectivos de Egunkaria coinciden cos da organización violenta xa que ámbolos dous apostan pola plena normalización do éuscaro en todos os territorios que conforman Euskal Herria.

A acusación e o xuízo
Na época da clausura e da primeira parte da investigación, a fiscalía compartía os postulados coa Garda Civil e co xuíz Juan del Olmo. Agora ben, a cousa cambiou unha vez que o PSOE chega ao goberno do estado e Olga Sánchez é substituída por Miguel Ángel Carballo como fiscal asignado ao caso Egunkaria. Constátase que non había base para xulgar a ninguén e retiran a acusación. Pero o proceso continuou, xa que as organizacións Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT) e Dignidad y Justicia (DyJ) quixeron manterse como acusación particular.

O primeiro xuízo contra os cinco acusados comezou o 15 de decembro de 2009 e quedou visto para sentenza o 1 de febreiro de 2010. No seu desenvolvemento foron quedando en evidencia a falsidade das acusacións, concluíndo cunha sentenza favorábel aos xornalistas e ao propio medio. Asemade, neste documento xudicial cuestiónase como se levou o proceso, o inxustificábel do peche, a acusación sen fundamento e a verosimilitude das denuncias de tortura.



Reflexión final
Resulta difícil comprender o peche do diario Egunkaria sen ter en conta o contexto político da época. No estado, o goberno Partido Popular de Aznar tiña un marcado carácter antinacionalista. Lonxe quedaban xa os pacto co PNV e con CiU da primeira lexislatura. Na Comunidade Autónoma Vasca, o debate sobre a cuestión nacional estaba en plena actualidade, de feito, meses despois presentaríase o chamado “Plan Ibarretxe”. Nestas circunstancias, o peche de Egunkaria, nena mimada da cultura vasca, supuña unha chamada de atención non só ao soberanismo vasco, senón a calquera reivindicación identitaria.

A clausura de Egunkaria é un exemplo da precariedade democrática que aínda ten o Estado Español a día de hoxe e no que conflúen varios condicionantes:
  1. A existencia dun debate nacional aínda non resolto
  2. A vixencia dun conflito armado nunha parte do Estado
  3. A vontade de certos sectores de vencellar toda a reivindicación nacional e/ou identitaria coa violencia.
A estratexia levada a diante por determinados sectores extremistas do “todo é ETA” é un grave perigo para as liberdades cívicas, non só en Euskal Herria senón en todo o Estado Español. Mentres este discurso siga vixente entre líderes políticos, mediáticos, e poder xudicial será moi complicado manter unha democracia normalizada nun contexto non violento, respectuoso con todas as opcións políticas e na que se poida exercer o xornalismo coa maior liberdade posíbel.


Para máis información do proceso, podes acceder a un FAQ redactado polo xornalista de Egunkaria Imanol Murua e traducido ao castelán no blog de Javier Ortiz.

Ler máis...

Un par de videos de Galiza e Venezuela

Hoxe teño pouco tempo para actualizar a bitácora. Así que limitareime a compartir convosco un par de videos que vin estes días.

O primeiro titúlase "10 anos do BNG Creando Realidades en Compostela" e como deduciredes polo título é un documentario conmemorativo dunha década de participación nacionalista no goberno da capital. Son preto de 25 minutos de entrevistas cuns 60 veciños e veciñas da cidade falando de distintos aspectos relacionados coa actividade institucional do Bloque no concello: participación cidadá, zonas verdes, política cultural, etc. Presentouse o pasado día 2 de xuño no Teatro Principal, e dende entón está dispoñíbel en Vimeo para que todo o mundo poida ter acceso. Recoméndovos que o vexades, realmente paga a pena e non se fai para nada pesado.

BNG - 10 anos from BNG de Santiago on Vimeo.

O outro video que quería compartir convosco acabo de descubrilo a través do Twitter de Xabier Pérez Igrexas. É un anuncio promocional da conta que Hugo Chávez abriu recentemente nesta rede social. Na miña opinión, Venezuela está a traballar nunha liña moi interesante no que á comunicación en internet se refire. Comezaron coa páxina do PSUV, seguiron co Twitter, a Guerrilla Comunicacional e hai pouco o blog de Chávez. A medida que desde o goberno van aumentando o acceso das clases populares a internet, o movemento revolucionario estase a introducir nas redes sociais para espallar a súa mensaxe. E falando de políticos nas redes sociais, o portavoz nacional do BNG tamén creou recentemente unha conta en Facebook, outra en Twitter e un blog. Queda bastante por mellorar, pero é un avance.



Ler máis...

Novo disco de Iron Maiden para o 16 de agosto


Xa está confirmada a data de saída de Final Frontier, o vindeiro disco de estudo de Iron Maiden. Queda para o 16 de agosto. Se non podedes agardar até entón para escoitar aínda que sexa un pouquichiño do novo material da dama de ferro non vos preocupar. Puxeron para descargar gratuitamente o single El Dorado, xunto cun traballo artístico especial para esta canción deseñado por Melvyn Grant. Se vos son sincero, despois de escoitar este tema varias veces...decepcionoume un pouco. Fáltalle esa garra e potencia que caracterizou aos Maiden. A ver se o resto do disco vai mellor, aínda que as declaracións de Bruce Dickinson non son moi esperanzadoras. Para o vocalista "El Dorado é un anuncio do que vai vir no novo album de estudo. Ademais incluirémolo no noso set do Final Frontier World Tour." Esperemos que se equivoque, senón vai quedar un disco moi mediocre. Nada comparado con "A Matter of Life and Death" ou mesmo co "Dance of Death".

Por outra banda, xa se fixo pública tanto a relación de concertos da xira como o título do resto de cancións do álbum. A única parada que farán na Península será o día 21 de agosto nos Países Cataláns, concretamente en Valencia. Unha magoa para os seareiros galegos que sexa tan lonxe. De todos os xeitos, se podedes facer o esforzo, recomendo ver a Iron Maiden en directo, son sinxelamente incríbeis.

Se queredes ampliar a información tedes a nota de prensa (en inglés) na súa páxina oficial.



Ler máis...

GalegoLab, outra volta na loita da lingua


Hoxe mesmo presentouse unha nova iniciativa a prol do idioma. Chámase GalegoLab e pretende impulsar iniciativas concretas a favor da lingua galega. Entre os seus fundadores podemos atopar a vellos coñecidos nisto das plataformas pro-galego: Belén Regueira, Xurxo Souto, María Yáñez, Xosé Manuel Pereiro, Antón Reixa, Sechu Sende, Rafael Cuiña, Henrique Monteagudo, Santiago Jaureguizar, Xabier P. Docampo...e así até xuntar 43 nomes que podedes ver n´A Nosa Terra.

Cando vin por vez primeira o anuncio de que se ía constituír GalegoLab veume á cabeza o vello refrán de "outra vaca no millo". Agora ben, a miña opinión foi mudando cando descubrín o que querían facer era algo tan novidoso que ningunha das outras plataformas e asociacións cobre agora mesmo. Daquela que ten de especial? Como dixen antes, pretenden impulsar iniciativas concretas a favor da lingua galega. Para iso empregan un sistema participativo de abaixo-arriba e apostan por unha "especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá". Como conseguen iso? Pois grazas ao crowdsourcing, que non deixa de ser aquilo tan repetido do traballo colectivo en rede. Permite que un gran número de persoas colaboren en pequenos proxectos de acción lingüística achegando as súas ideas, desenvolvendo determinadas partes ou mesmo dirixíndoos. A natureza das propostas debe ir dirixida introducir o idioma con naturalidade en eidos nos que non é frecuente.

E xa sairon as primeiras ideas! Algunhas, ao meu xuízo, moi boas. Vouvos pór uns cantos exemplos:

Encontro musical coruñento-vigorento. Grupos das dúas principais cidades galegas, con repertorio galego, superando as ficticias rivalidades e reivindicando o uso do galego no ámbito urbano entre a xente nova. Para iso propoñemos un concerto que se realice en días consecutivos (mellor venres e sábado), un día nunha cidade e ao día seguinte noutra.
Unha frase de galego á semana. A idea sería escoller unha frase sinxela (pode ser unha á semana, ao mes...) que sirva de troco para obter descontos. Por exemplo, a frase desta semana é "Bos días, ¿Cómo vai todo?". Só por dicila, o cliente obterá un desconto, ainda que o resto da conversa sexa noutra lingua.
Galegogym. Hai poucas oportunidades para facer aerobic e táboas de fitness en galego. Para iso necesítase música, pero tamén propostas de exercicios. O que se pretende é producir táboas de fitness que combinen música e exercicios, para podelos usar en ximnasios ou en auto-adestramentos. Distribuiríase en CDs e tamén en podcast para que o puidese usar calquera.

Interesante verdade? Anímovos a que fedelledes polo web e que se o considerades, vos poñades a traballar nalgunha idea. Por se a alguén lle interesa, GalegoLab constituiuse como asociación cultural e calquera pode facerse socio pagando unha cota mensual mínima de dez euros. Ogallá este proxecto teña continuidade!
Ler máis...

Folga, crise e outras lerias


Aló foi a primeira folga en contra do "tesoirazo" de Zapatero. Sendo realistas, o resultado non foi moi positivo para a clase traballadora. A propia CIG cifra o apoio á folga nun 50% que, loxicamente, varía dunha administración a outra ou dun centro de traballo a outro. É terríbel a apatía coa que a sociedade está a recibir uns recortes que non só cargan o custe da crise nas maiorías sociais, senón que lle dan continuidade a un modelo tan nefasto como o neoliberalismo.

Os poderes políticos e económicos foron quen de desviar a atención e sinalar como responsábeis da crise ao funcionariado e ao excesivo gasto do sector público. Pero...oian...se esta é unha crise financeira...non haberá que pedirlle contas ao capital financeiro? Pois non. A clave está en privatizar as ganancias e socializar as perdas. A clase traballadora cos seus impostos sufraga a través do FROB o rescate daqueles bancos endebedados por mor da especulación (financeira e urbanística) pero logo tamén ten que afrontar a reforma laboral, os recortes salariais e os despedimentos masivos.

E mentres todo isto acontece, a esquerda europea segue sen saber que facer. Que modelo contrapomos ao neoliberalismo? A socialdemocracia, dirán algúns. Pero iso aínda existe? Digo eu. Na península escandinava só en Noruega queda quen queira manter este modelo. No resto de Europa os partidos da Internacional Socialista son peores que a dereita. Se temos algunha dúbida, só temos que lembrar quen goberna en Grecia, Portugal ou o Estado Español e que tipo de políticas están a aplicar. Outros dirán que solución é o socialismo. Pode ser, pero eu pregunto: que socialismo? O soviético? Non grazas. Será entón esa idea á que lle chaman socialismo do século XXI? Pode ser, pero haberá que desenvolvelo.

Á esquerda europea fáltalle un modelo se sociedade que contrapoñer ao capitalismo neoliberal. Podemos contar con propostas concretas que vaian en boa dirección, pero falla un proxecto de totalidade. Por exemplo, o BNG presenta unha batería de medidas para saír da crise con bastante bo criterio, pero fáltalle unha idea final cara a que camiñar. Unha sociedade diferente, mellor, que contrapoñer ao que temos agora.

Outro dos problemas co que nos atopamos é que a esquerda política e sindical non é quen de transmitir a súa mensaxe e de encabezar mobilización algunha. Se alguén precisa unha mostra diso, que olle para a folga de hoxe. Recóntalle o salario un 5% aos funcionarios e damos grazas se sacamos á rúa á metade. Precisamos forzas políticas e sindicais que realmente sexan representativas da sociedade na que están inseridas. Abonda de organizacións conformadas por burócratas e políticos profesionais.
Ler máis...

Mulleres de clase


Despois de rematar os exames, e unha vez asentado no novo cuatrimestre, retomo a bitácora. Hoxe compartindo con vós un cartel que me ensinou o amigo Tiago Vermelho e que foi empregado por Rifondazione Comunista co gallo do 8 de marzo. A min fíxome bastante graza. Ler máis...

Decreto vai, decreto vén

Desde que o goberno galego anunciou a súa intención de derrogar o vixente Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, moito se ten falado da presenza do noso idioma no ensino. Ata hai ben pouco, as iniciativas relacionadas coa lingua facían parte dos grandes consensos da autonomía. O primeiro exemplo témolo no ano 1983, cando a vontade de todas as forzas políticas con presenza no Parlamento fixo posible a aprobación da Lei de normalización lingüística (LNL). Desde entón, a lexislación en materia idiomática saíu adiante co apoio de todo o arco parlamentar, tendo como exemplo paradigmático recente o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) do ano 2004. Mais esta situación mudou coa elaboración dun novo decreto que regula o uso do galego e do castelán no ensino durante a etapa do goberno bipartito. O texto finalmente aprobado seguía fielmente as liñas do PXNL, ao fixar que polo menos un 50% das aulas debían ser impartidas na nosa lingua, unha medida crucial para lograr a mesma competencia lingüística en galego e en castelán, que é un mandato legal derivado da Lei de normalización lingüística que non se estaba a conseguir. Nun primeiro momento, todos os partidos políticos se sumaron ao acordo, pero contra última hora o PP saíuse do consenso.


Este fito parlamentar supuxo un antes e un despois no tratamento da lingua propia de Galicia no debate público. En ámbitos urbanos xurdiron asociacións que espallaron termos como “imposición lingüística” ou a “liberdade de elección de idioma”, a miúdo utilizando a bandeira do bilingüismo, e que axiña atoparon simpatías en certos actores políticos e mediáticos. A súa principal reivindicación é a escolla polos pais da lingua vehicular na que se imparten as aulas. Nas eleccións de 2009, o Partido Popular asumiu unha parte significativa dos postulados destes grupos e fixo da consulta aos pais un eixo da súa campaña. Unha vez gañados os comicios, o goberno de Feijoo anunciou a súa intención de derrogar o decreto do bipartito, porque non contaba co debido consenso e elaborar un novo.


Axiña apareceu unha importante resposta social que criticaba as propostas en materia de lingua do goberno do PP. Queremos Galego, Prolingua, Galego patrimonio da humanidade, Galego Sempre Máis, Galiza co Galego son os nomes de distintas plataformas, asociacións e colectivos que foron xurdindo nos últimos meses co obxectivo de defender as políticas de normalización lingüística e facerlle fronte á redución de aulas no idioma do país que anunciaba o goberno de Feijoo. Nos meses seguintes, as mobilizacións e os comunicados multiplicáronse, tendo como máximo expoñente a marcha convocada por Queremos Galego! o día 28 de outubro e que tivo ao redor de 50.000 asistentes.


Finalmente, o 30 de decembro de 2009, no derradeiro Consello da Xunta do ano, saíron á luz as chamadas Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. A diferenza do texto anterior, introdúcese unha lingua estranxeira como vehicular no ensino obrigatorio, que ademais conta cunha porcentaxe de uso igual á dos idiomas oficiais, ocupando cada unha un 33% da docencia. Outro dos aspectos máis rechamantes deste texto é a posibilidade que terán os pais e nais de votar a lingua na que se impartirán determinadas materias nos distintos niveis. Estas bases levan sido moi criticadas en diferentes sectores sociais, profesionais e políticos.


Desde un punto de vista pedagóxico, o proxecto conta coa oposición da Asociación Profesional de Pedagogos de Galicia (Apega), cuxo presidente manifestou que “co decreto do galego non se vai a ningunha parte” e que “a cousa estaba ben como estaba”. Pola súa banda, Nova Escola Galega afirmou que “contravén o sentido da necesaria protección” que dita a lexislación vixente e amosa a súa preocupación porque este texto traia “un maior retroceso na lingua galega”. Desde a Facultade de Ciencias da Educación da USC, tamén se quixo amosar o malestar coa norma e emitiron un posicionamento no que se aposta pola “capacidade para respectar e valorar a diversidade lingüística”.


Nos centros de ensino, profesorado, ANPAS (tamén de centros relixiosos) e estudantado amosaron o seu rexeitamento ao decreto. De feito, os principais sindicatos de traballadores do ensino así como as grandes asociacións estudantís secundaron a folga xeral convocada o pasado día 21.


Mais o rexeitamento ás Bases non se circunscribe tan só a aqueles sectores vencellados directamente co mundo da educación. Varias agrupacións a prol da normalización lingüística fixeron críticas moi duras ao texto porque “do xeito no que está redactado, fai imposible que o galego sexa unha lingua normal.”, en palabras de Valentina Formoso presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Pola súa banda, Carlos Callón, d´A Mesa pola Normalización Lingüística declarou que “é unha norma que vai crear conflitos enormes nos centros e entre familias”. Desde un punto de vista estritamente legal, o decreto recibiu críticas de máis de 60 xuristas, entre avogados, catedráticos e xuíces, que elaboraron unha análise na que expoñen os motivos polos que esta norma pode incorrer en anticonstitucionalidade.


Pero se cadra, a crítica máis sonada ultimamente foi a que fixo a Real Academia Galega, que emitiu un informe no que expuña o pouco conveniente que é este decreto para o proceso de normalización do noso idioma. A outra institución consultada pola Xunta, o Consello da Cultura Galega, aínda non se posicionou publicamente, mais é probábel que siga a liña de declaracións anteriores, nas que facía unha aposta por retomar o PXNL e consensuar entre todas as forzas políticas como levalo adiante. Para isto, propuñan a creación dunha comisión parlamentaria na que se traballase na procura deste acordo, para logo aprobalo pola cámara. PSOE e BNG xa amosaron o seu apoio a esta medida, mentres que o PP non se posicionou. Seguindo con pronunciamentos de institucións, cómpre subliñar o que fixeron as tres universidades galegas a través da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, para quen “deben ser as autoridades educativas as que establezan os currículos educativos e regulen o emprego das linguas vehiculares do ensino”.


A oposición parlamentaria tamén respondeu unanimemente diante do decreto. PSOE e BNG desmarcáronse completamente das Bases e apoiaron activamente as diferentes mobilizacións que entidades das sociedade civil convocaron. A máis recente foi a folga xeral no ensino que xuntou en Compostela a máis de 30.000 persoas nun día laborable.


Grupos como Galicia Bilingüe, que apoiaron a Núñez Feijoo na campaña electoral, son moi críticos con este texto por consideralo insuficiente.


Apoios
Os grupos que se amosaron a prol do novo decreto redúcense a pouco máis que o propio Executivo e o partido que o sustenta, o Partido Popular. No ensino, un sindicato como ANPErematou por desmarcarse de moitos puntos do decreto.

Semella que, se o Decreto impulsado polo goberno bipartito en 2007, seguindo fielmente o Plan Xeral de Normalización Lingüística, colleitou críticas dalgúns colectivos de docentes e pais-nais, este Borrador tampouco se libra dun carro delas. A Consellaría de Educación ten aberta unha rolda de discusión sobre a nova norma.

(Orixinal publicado n´O Cartafol)
Ler máis...

O pasado, presente e futuro da lingua escríbese en colaboración e na Rede

Disque a historia é a suma de millóns de voces que coa súa participación individual constrúen o devir colectivo dun pobo. Mais tamén se di que a historia a escriben os vencedores. Este último paradigma pode mudar se combinamos as novas tecnoloxías cun pouco de imaxinación e lle engadimos un chisco de vontade. Acaba de nacer na Rede un proxecto documental que fala de lingua. Pero vai alén da simple produción audiovisual que uns elaboran e outros reciben. Chámase Eufalo e conta a historia da nosa lingua a través dos falantes: Alex de Morgadáns, un rapaciño que veu de Madrid e hoxe fala en galego con naturalidade; Clara e Digna, dúas señoras de Carboeiro que senten o noso idioma; Fátima, que bota de menos que lle ensinaran máis galego na escola para hoxe poderse expresar nos dous idiomas; o tráiler de “En Vigo fálase”.... O portal convida a calquera persoa que teña unha cámara de vídeo, un móbil ou unha webcam, a que conte as súas vivencias ao redor do idioma. Coa suma de todas as voces habemos dar unha visión da realidade sociolingüística do país.

Trátase dunha iniciativa da empresa A Navalla Suíza, xunto cun grupo de colaboradores formado por Noa García, Manu Mayo, Belén Regueira, Araceli Gonda, Xandra Tedín, Mabel Montes, Mónica Ares e Matías Tarrío, entre outros. Mais este proxecto non pode ir a adiante se non participas TI, falante, achegando os teus vídeos e ideas.

(Publicado orixinalmente n´O Cartafol)
Ler máis...

A iniciativa política da esquerda abertzale

Este é un vídeo que anda pola rede no que se recolle un discurso de Arnaldo Otegi explicando a iniciativa política que está a desenvolver a esquerda abertzale a día de hoxe. Non me cabe a menor dúbida de que este é o único camiño.

Ler máis...

10 motivos para dicirlle NON ao decretazo

1. Por primeira vez na historia da autonomía, a Xunta de Galiza lexisla en contra da lingua propia do país. Isto é especialmente preocupante se temos en conta, tal e como di Alba Nogueira, que é a única administración en todo o mundo que ten a obriga de velar pola promoción do galego.

2. Equipara os idiomas estranxeiros cos oficiais, sexan propios como o caso do galego ou alleos como o castelán.

3. Tan só garante que ao final da escolarización obrigatoria se coñeza o español. Nun contexto social tan desfavorábel para o galego, o ensino é o único eido no que se pode garantir unha mínima competencia lingüística, que cun 33% das materias é insuficiente.

4. É totalmente inaplicábel. Tanto porque non hai capacidade do profesorado para impartir ese 33% en lingua estranxeira, como porque a “elección” por parte dos pais da lingua na que se imparten determinadas materias creará situacións caóticas nos centros.

5. Diante da imposibilidade de dar un 33% das aulas en lingua estranxeira, o español entrará neste terzo das materias desprazando aínda máis ao galego do ensino.

6. Racha con todo o que se leva feito en materia de normalización lingüística nos últimos 30 anos. Abandona a idea de que o galego ten que ir gañando espazos no ensino e esquece completamente o criterio marcado no Plan Xeral de Normalización Lingüística de tender cara unha igual presenza de galego como de castelán no sistema educativo.

7. Non foi consensuado con ningún dos sectores involucrados na educación: pedagogos, asociacións de pais e nais, profesorado, estudantado...todos están en contra.

8. Introduce a falacia da “liberdade de elección”. Como di Xabier P. Docampo, o que este decreto propón é “hipotecar a liberdade dos futuros cidadáns e cidadás (...), que, vítimas das decisións actuais dos seus pais de lles restar unha das linguas, xa non poderán elixir no futuro cal usar”.

9. Converte os equipos de normalización lingüística dos centros en simples dinamizadores.

10. O PP amosa a súa verdadeira faciana con este decreto. Só admite o español como única lingua do Estado, por iso ataca con medidas coma esta aos idiomas que poden conformar identidades colectivas diferentes á española.
Ler máis...