Mostrando postagens com marcador Euskal Herria. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Euskal Herria. Mostrar todas as postagens

Das emocións, ETA e Rubalcaba


Recoñezo que me deixei levar pola emoción. Cando esta mañá prendín o ordenador e lin o comunicado de ETA, leveime unha alegría. Tal e como lle solicitaran unha multitude de axentes políticos e sociais vascos no Acordo de Guernika, a banda declarou un alto ao fogo permanente, de carácter xeral e verificábel pola comunidade internacional. Despois deste xúbilo inicial pensei: agora falta ver a reacción do goberno. Xa o outro día nunha entrada neste mesmo blog amosaba a miña desconfianza de que fosen estar a altura das circunstancias, e non me equivoquei. Nunha declaración de prensa o ministro Rubalcaba deulle unha dura sacudida a todas as esperanzas e expectativas que este comunicado puido crear. Gustaríame coller os que para min son os catro titulares ou citas clave desta valoración e facer un breve comentario de cada un deles.


1º. “El único comunicado que esperamos de ETA es aquel en el que declare el fin”. Esta mensaxe repítena a meirande parte de partidos políticos do estado. Persoalmente, paréceme un disparate situar esta cuestión como elemento fundamental para chegar á resolución do conflito armado. ETA é unha organización clandestina, na que a súa simple pertenza xa é un delito penado con longas condenas de cárcere e cunha militancia que en moitas ocasións non coñece outra vida que a da violencia. Pedirlle a esta xente que disolva a banda e abandonen a loita sen ningún tipo de garantías é, canto menos, pouco realista. Se ollamos para o proceso de paz en Irlanda, comprobaremos que o IRA en ningún momento se chegou a disolver, senón que despois dunha negociación política remata por entregar as armas.

2º. “ETA tiene un catálogo de reivindicaciones que no abandona”. O feito de que no comunicado da banda se siga poñendo como cuestión central a autodeterminación foi moi criticada por comentaristas políticos ao longo do día de hoxe. Dentro do españolismo existe a vontade de non só desarmar a ETA militarmente, senón tamén de vencela politicamente. Pretender que unha organización que leva case 50 anos empregando a violencia política renegue do seu proxecto paréceme tan irrealista como que se autodisolvan sen garantías. Se cadra é aínda máis perigoso porque esconde a intención de acabar con calquera alternativa soberanista en Euskal Herria, obxectivos que por outra banda non defende exclusivamente ETA. Volvendo co exemplo do IRA, nunha das súas últimas declaracións, na que ordenaba aos seus voluntarios entregar as armas, reafirmábase tanto na defensa dunha Irlanda unida como na total lexitimidade da violencia mentres a empregaron.

3º. “En un estado de derecho quien verifica son los cuerpos y fuerzas se seguridad del Estado”. Isto rompe totalmente cos pasos dados nos meses anteriores coa Declaración de Bruxelas e o Acordo de Guernika, nas que se presenta a posibilidade de que sexan mediadores internacionais os que verifiquen o alto ao fogo. O avogado sudafricano Brian Currin xa levaba tempo traballando niso, e hoxe mesmo emitiu un comunicado parabenizando a decisión de ETA e anunciando os seus futuros movementos de cara a manter contactos coa banda. Ao negarse a aceptar esta proposta, o goberno está a pechar unha porta moi importante na negociación. Nin ETA nin a Esquerda Abertzale van confiar nuns corpos e forzas de seguridade do estado que están involucrados en torturas e que manteñen unha política penitenciaria denunciada por organismos como Amnistía Internacional. Se continuamos comparando co Ulster, veremos que malia teren tamén un estado de dereito, os mediadores internacionais xogaron un papel fundamental, xa que contaban coa lexitimidade das dúas partes. O propio Brian Currin participou deste proceso.

4º. “Si Batasuna quiere volver a la vida política tiene dos opciones: o ETA deja la violencia de forma irreversible, o rechaza su relación con ella definitivamente”. Este é un problema que ven de vello e que dificulta o proceso de paz. Para unha negociación deste tipo, o brazo político ten que ser necesariamente legal e ten que estar considerado como un interlocutor político válido. Nos últimos meses a Esquerda Abertzale deu pasos moi importantes ao desbotar a violencia como vía de acción política e plasmou esta intención no documento Zutik Euskal Herria. Pero isto non quedou en papel mollado, senón que lle plantou cara a ETA esixíndolle un comunicado como o de hoxe e demostrando que a banda xa non manda máis no Movemento de Liberación Nacional Vasco. O peso da negocicaión ten que recaer nos axentes políticos e non nos militares. O Acordo de Venres Santo que posibilitou o proceso de paz en Irlanda non tería sido posíbel sen o Sinn Féin. Para que algo semellante poida pasar en Euskal Herria, a Esquerda Abertzale ten que estar presente.

Ao longo desta mañá o resto de partidos foron facendo as súas declaracións, case todas en termos moi semellantes ás palabras de Rubalcaba. As única excepcións foron as de Eusko Alkartasuna, Aralar, Ezker Abertzalea (asinantes da declaración de Guernika) e de Esquerra Republicana de Catalunya. Mención a parte merece a covarde declaración do BNG, que se suma ás teses gobernamentais ao esixir a disolución unilateral de ETA e que mesmo chega a falar de pacificación no canto de proceso de paz.

A solución do conflito armado en Euskal Herria atópase nun momento crítico. Nos vindeiros meses verase se se volve botar por terra unha nova oportunidade de acadar a tan arelada paz, ou se o goberno fai un exercicio de responsabilidade e se senta a negociar. De momento, temos aí as Declaracións de Bruxelas e de Guernika, que supoñen un punto de partida para verificar o alto o fogo. Se cando a Esquerda Abertzale presente os estatutos do novo partido, o Estado non o ilegaliza, xa teremos feito un avance fundamental. Mais nese momento comezará a parte máis difícil, a da negociación política, na que haberá que abordar cuestións tan importantes como presos, desarme e escenario post-violencia.
Ler máis...

A cuestión dos presos e a fin de ETA


Non estaba moi claro, pero finalmente o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz tomou a decisión de non impedir a manifestación convocada para hoxe en apoio dos presos da esquerda abertzale. Nas últimas semanas, a espada de Damocles estivo pendurando sobre esta iniciativa por mor das presións de colectivos como a Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT) ou Dignidad y Justicia (DyJ) que pedían a súa prohibición. Asemade, esta marcha tivo bastante repercusión nos medios por mor dos apoios de formacións legais que obtivo, entre os que destacan a maioría sindical vasca (con ELA e LAB á cabeza), Eusko Alkartasuna, Aralar e mesmo oito xogadores da Real Sociedad. A reivindicación básica desta marcha era o cambio da política penitenciaria do goberno, rematando coa dispersión e garantindo un mellor trato para os reclusos.

No contexto do proceso de paz, a cuestión dos presos ten unha relevancia fundamental. A esquerda abertzale aspira a conducir a loita de liberación nacional por vieiros exclusivamente políticos, deixando de lado a actividade armada. Por iso fai tanto fincapé na importancia de construír un escenario democrático no que se poida dar este cambio. E é aí onde entra o tema dos presos. Non pode haber unha situación de plena normalización en Euskal Herria sen unha política axeitad de reintegración dos reos na sociedade vasca. As case mil familias que sofren a dispersión e o illamento dos seus parentes que están na cadea tamén forman un grupo de vítimas que ten que ser recoñecido e reparado. Neste sentido, gustoume moito unha entrada que publicou o coordinador de Lokarri, Paul Ríos, no seu blog persoal. Nela daba conta do fermoso xesto de dúas vítimas de ETA que acudiron a unha homenaxe a Santiago Brouard e Josu Muguruza, militantes abertzales asasinados polos GAL e a extrema dereita respectivamente. A única saída posíbel para o conflito armado pasa polo diálogo e entendemento entre dúas partes. A esquerda abertzale deu o primeiro paso, non teño tan claro que o goberno vaia corresponder.
Ler máis...

Egunkaria: peche, tortura, xuízo e absolución

Non é habitual, no marco dunha democracia liberal, presenciarmos o peche de xornais e a persecución dos seus traballadores. Porén, nos últimos anos, o Estado Español foi tristemente recordado por varios casos deste estilo. Os primeiros exemplo témolos en 1998, coa clausura do diario vasco Egin e da súa emisora Egin Irratia, o segundo en 2001 coa suspensión da revista Ardi Beltza, e o terceiro en 2003, co peche polas armas de Egunkaria, o único xornal integramente en éuscaro. Neste artigo centrarémonos neste último caso, aproveitando que o pasado mes de abril resolveuse a sentencia xudicial de xeito favorábel para o medio e que o seu director, Martxelo Otamendi, estivo impartindo unha conferencia na Facultade de Ciencias da Comunicación.

A xénese do proceso
Euskaldunon Egunkaria nace impulsado por diferentes persoas vencelladas ao mundo da cultura e da lingua vasca. En 1989 botan a andar un proceso chamado Egunkaria Sortzen (crear o periódico) co que pretendían acadar os apoios suficientes para constituír a primeira cabeceira integramente en éuscaro. O único precedente dun medio en papel deste tipo estaba en Eguna, un boletín editado polo goberno vasco durante a Guerra Civil e cuxa duración non foi máis alá dun ano. Egunkaria sacaría o seu primeiro número o 6 de decembro de 1990 despois de teren participado economicamente na súa fundación máis de 1500 persoas. Tal e como sinalou o seu director, Martxelo Otamendi, pretendían ser a cabeceira de referencia en éuscaro, como o eran Le Monde ou The New York Times nos seus respectivos territorios. Malia ter unha liña editorial progresista e ser especialmente sensíbeis coas nacións sen estado e culturas minorizadas, tanto o seu cadro de persoal como os seus colaboradores eran moi plurais no ideolóxico.

Aínda que Egunkaria sacou o seu primeiro número 1990, non foi até o 6 de xuño 2001 cando a Garda Civil remitiu ao xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo un informe titulado “Sobre la presunta vinculación de un entramado empresarial con financiación de la banda terrorista ETA” no que se indicaba a sospeita de que diferentes empresas vencelladas ao mundo do éuscaro, Egunkaria S.A. incluída, puidesen financiar á banda armada. Durante a investigación da empresa o único que se atopou foi uns documentos de principios dos 90 que podían pertencer a membros de ETA e de KAS pero que non estaban asinados nos que se falaba do periódico, pero sempre desde un punto de vista externo. A maioría destes arquivos xa saíran á opinión pública no seu momento, mesmo pasaron polo xuíz Garzón sen que este iniciase investigación algunha contra o xornal.

O peche
Ao non atoparen probas, a Garda Civil solicita ao xuíz Juan del Olmo o peche de Egunkaria para continuar a investigación. Deste xeito, a noite do 20 de febreiro de 2003, efectivos das forzas de seguridade clausuran a sede do periódico e entran nas casas de dez traballadores e colaboradores do medio para detelos e rexistrar os seus domicilios. Durante os cinco días seguintes permaneceron incomunicados por mor da aplicación da Lei Antiterrorista, tempo no que a metade dos detidos denunciaron torturas. O propio Martxelo Otamendi sinalou que durante a súa detención o único que lle preguntaron foi por unhas entrevistas que lles fixera había tempo a varios militantes de ETA e cuxa información non só estaba protexida polo secreto profesional, senón que xa fora investigada polo xuíz Garzón. Malia todo, o director do xornal denunciou que para obter esa información, a Garda Civil utilizou métodos violentos e vexatorios cara o reo.

A investigación
Ao clausuraren o xornal, as forzas de seguridade incautaron moitos documentos tanto no medio como nas vivendas dos detidos, mais non atoparon ningunha referencia ou presenza de ETA, e moito menos relativa ao financiamento. O que si que se descubriron foron algunhas irregularidades económicas relacionadas coa xustificación de subvencións, por iso o sumario dividiuse en dous. Por unha banda o relacionado co peche e polo outro o económico.

O argumentario esgrimido polo xuíz foi mudando co tempo. Se nun primeiro momento se pecha Egunkaria porque financia a ETA, ao non atoparen probas disto dálle a volta aos termos e di que foi a banda armada a que financiou o proceso de constitución do xornal, sinalando como inverosímil que o medio conseguise o capital inicial grazas a doazóns sen o impulso de ETA. Asemade, comezouse a seguir a liña argumental de que os obxectivos de Egunkaria coinciden cos da organización violenta xa que ámbolos dous apostan pola plena normalización do éuscaro en todos os territorios que conforman Euskal Herria.

A acusación e o xuízo
Na época da clausura e da primeira parte da investigación, a fiscalía compartía os postulados coa Garda Civil e co xuíz Juan del Olmo. Agora ben, a cousa cambiou unha vez que o PSOE chega ao goberno do estado e Olga Sánchez é substituída por Miguel Ángel Carballo como fiscal asignado ao caso Egunkaria. Constátase que non había base para xulgar a ninguén e retiran a acusación. Pero o proceso continuou, xa que as organizacións Asociación de Víctimas del Terrorismo (AVT) e Dignidad y Justicia (DyJ) quixeron manterse como acusación particular.

O primeiro xuízo contra os cinco acusados comezou o 15 de decembro de 2009 e quedou visto para sentenza o 1 de febreiro de 2010. No seu desenvolvemento foron quedando en evidencia a falsidade das acusacións, concluíndo cunha sentenza favorábel aos xornalistas e ao propio medio. Asemade, neste documento xudicial cuestiónase como se levou o proceso, o inxustificábel do peche, a acusación sen fundamento e a verosimilitude das denuncias de tortura.



Reflexión final
Resulta difícil comprender o peche do diario Egunkaria sen ter en conta o contexto político da época. No estado, o goberno Partido Popular de Aznar tiña un marcado carácter antinacionalista. Lonxe quedaban xa os pacto co PNV e con CiU da primeira lexislatura. Na Comunidade Autónoma Vasca, o debate sobre a cuestión nacional estaba en plena actualidade, de feito, meses despois presentaríase o chamado “Plan Ibarretxe”. Nestas circunstancias, o peche de Egunkaria, nena mimada da cultura vasca, supuña unha chamada de atención non só ao soberanismo vasco, senón a calquera reivindicación identitaria.

A clausura de Egunkaria é un exemplo da precariedade democrática que aínda ten o Estado Español a día de hoxe e no que conflúen varios condicionantes:
  1. A existencia dun debate nacional aínda non resolto
  2. A vixencia dun conflito armado nunha parte do Estado
  3. A vontade de certos sectores de vencellar toda a reivindicación nacional e/ou identitaria coa violencia.
A estratexia levada a diante por determinados sectores extremistas do “todo é ETA” é un grave perigo para as liberdades cívicas, non só en Euskal Herria senón en todo o Estado Español. Mentres este discurso siga vixente entre líderes políticos, mediáticos, e poder xudicial será moi complicado manter unha democracia normalizada nun contexto non violento, respectuoso con todas as opcións políticas e na que se poida exercer o xornalismo coa maior liberdade posíbel.


Para máis información do proceso, podes acceder a un FAQ redactado polo xornalista de Egunkaria Imanol Murua e traducido ao castelán no blog de Javier Ortiz.

Ler máis...

A iniciativa política da esquerda abertzale

Este é un vídeo que anda pola rede no que se recolle un discurso de Arnaldo Otegi explicando a iniciativa política que está a desenvolver a esquerda abertzale a día de hoxe. Non me cabe a menor dúbida de que este é o único camiño.

Ler máis...

No fío da navalla

Nunha das súas xeniais entrevistas, Jesús Quintero preguntoulle a Jiménez Losantos se cría que había algún risco dun regreso do ultraconservadurismo. Segundo este opinion maker, mentres a dereita mantivese a idea de “España” non había nada que temer. Pero vendo como se está a desenvolve-la vida política nos últimos tempos, eu diría que non é que haxa un perigo de retorno da extrema dereita, é máis grave, xa está aquí.

Os feitos falan por si solos. ¿Foi propia dunha democracia a reacción que houbo ante a concesión da prisión atenuada a De Juana?¿E o que fixeron algúns despois de que o fiscal lle retirase a acusación a Otegi? ¿Un partido democrático proporía un boicot a unha empresa de comunicación coma o Grupo Prisa? Eu penso que non.

No Estado Español, hai un partido que fachendea de defende-lo estado de dereito, pero que á súa vez non ten problema en saír á rúa cando algunha decisión xudicial non lle gusta. Tamén é un partido que defende a liberdade de expresión por riba todo, pero iso si, cando algún medio os critica non dubidan en iniciar un boicot, ou si é un medio vasco, mesmo pechalo. Á súa vez, ese partido ten unha serie de organizacións satélites que en teoría son de vítimas do terrorismo, pero que na práctica fan de censoras de todo aquilo que non responde aos seus intereses (lembremos o caso do grupo vasco Soziedad Alkohólika).

Penso que todos sabemos de quen estou a falar. E penso que todos sabemos que hai xa bastante tempo que se balancean perigosamente o fío da navalla, alí onde a dereita e a extrema dereita se separan

Ler máis...

Vascos, nacionalistas e neofatxes

Penso que ningún cidadán do Estado Español é alleo ao proceso de paz que se está a vivir en Euskal Herria. Estamos a ver como os dous principais partidos políticos españois se enfrontan un contra outro baixo a mirada expectante dos nacionalistas galegos, cataláns e mesmo vascos. Por un lado, Catalunya e Galiza tomaron unha actitude moi distante a respecto do proceso. CiU e ERC non definiron moi claramente as súas posturas e o BNG adicouse a defender ao goberno de España en troques de avogar por un proceso de diálgo diferente da loita policial ou da "negociaón" unilateral. Por outra banda, na propia Euskal Herria, o PNV está a tomar unha posición máis ambigua que os sitúan coma ponte de enlace entre o goberno español e o Movemento de Liberación Nacional Vasco. Dentro da esquerda abertzale, Batasuna está a xogar un papel que considero moi interesante neste proceso. Foi a única organización que se deu conta de que nun proceso de paz, todos debemos de ceder algo, e que se non hai vontade de diálogo non se conseguirá nada. De feito, aí están as declaracións de Otegi solicitándolle a ETA que mantivese os compromisos acadados na tregua, a proposta de crear unha comunidade autónoma que unifique Euskadi e Nafarroa, ou a entrevista en La Vanguardia na que di que o Estado Español non lle ten que pagar ningún prezo político a ETA. Ben é certo que as municipais están a un paso e que Batasuna ten moito interese en presentarse, e que estas declaracións poden ir motivadas para acadar a súa legalización. Independentemente disto, penso que tódolos partidos deben de seguir o exemplo desta organización, que si todos aprenderamos a ceder, a paz sería unha realidade e non unha ilusión.

Por outra banda, alégrome da solución do problema De Juana. Aínda que a solución ideal sería que o Supremo anulase completamente a condena da Audiencia Nacional, a reducción da condena a 3 anos e a posibilidade de que Iñaki volte á súa casa non só é un acto de xustiza, senón que debería permitir avanzar no proceso de paz. Lamentabelmente, aínda quedan organizacións tan rastreiras que tan só respectan as decisións dos xuíces cando lles beneficia e que ven o estado de dereito unicamente coma unha ferramenta para acadar os seus intereses políticos. Falo da Asociación de Víctimas do Terrorismo, do Foro de Ermua e sobre todo da organización matriz: o Partido Popular. Pero o que me parece máis triste, é que determinados medios de comunicación se encargan de facer de voceiros e de contaminar á sociedade coa súa propaganda neofatxe*.

En fin, mentres a sociedade non lle plante cara a esta nova extrema dereita reconvertida en demócrata, nada cambiará.



* Atentos á canción de Lluís Llach que porei na radio nos vindeiros días: Neofatxes Globales




Ler máis...

A ETA anuncia un cesamento de fogo permanente

Hoxe, martes 22 de marzal do 2006, a banda armada ETA, declarou un cesamento de fogo permanente. Este feito supón un cambio na situación política do Estado Español. Non só pode supoñer o inicio dun proceso de paz no que cese a represión contra o povo de Euskal Herria, se non que trastocará o discurso de tertulianos, partidos políticos, xuíces e policías, que levan anos vivindo a costa do terrorismo. Con isto quero dicir que nos derradeiros anos, xurdiu un grupo de persoas que se estiveron lucrando, censurando, e conseguindo beneficios políticos a costa do problema vasco. Poño por exemplo os inquisidores da AVT (Asociación de Víctimas do Terrorismo), que atentaron contra a liberdade de expresión dun gran número de vascos (persecución e censura de S.A. e de Su Ta Gar); aos usurentos tertulianos que levan vivindo a costa de participar en debates acerca de ETA; ao Foro de Ermua, que boicoteou toda acción que tivese que ver co proceso de liberación de Euskal Herria; aos xuíces que impuxeron medidas antidemocráticas contra as organizacións nazonalistas; e ao Partido Popular, que fundamentou o seu programa político na loita antiterrorista e na "salvagarda da unidade da patria". Non sei como lles irá a toda esta calaña agora que perderon o seu medio de vida. Que non nos extrañe se agora aparece un morto firmado por ETA ou se se desarticula un comando disposto a atentar. Se isto sucede, xa sabemos quen está detrás.

De tódolos xeitos, creo que este cesamento de fogo beneficiará ao povo vasco e a tódolos os nazonalismos en xeral, xa que ETA perdeu o seu sentido despois da caída do Réxime Franquista. Pero bueno, as súas consecuencias aínda están por ver. A ver que nos din no comunicado que publicará mañá o diario Gara.

En fin, a continuación poño o comunicado íntegro que emitiu a banda.

22/03/2006 13:08] Vieiros publica en galego o texto íntegro do comunicado de ETA, publicado orixinalmente en eusquera polos diarios Gara e Berria:


Euskadi Ta Askatasuna decidiu declarar un cesamento de fogo permanente a partir do 24 de marzo de 2006.

O obxectivo desta decisión é impulsar un proceso democrático en Euskal Herria para construír un novo marco no que sexan recoñecidos os dereitos que como Pobo nos corresponden e asegurando de cara ao futuro a posibilidade de desenvolvemento de todas as opcións políticas.

Ao final dese proceso os ciudadanos vascos deben ter a palabra e a decisión sobre o seu futuro.

Os Estados español e francés deben recoñecer os resultados do devandito proceso democrático, sen ningún tipo de limitacións. A decisión que os cidadáns vascos adoptemos sobre o noso futuro deberá ser respectada.

Facemos un chamamento a todos os axentes para que actúen con responsabilidade e sexan consecuentes ante o paso dado por ETA.

ETA fai un chamamento á autoridades de España e de Francia para que respondan de maneira positiva a esta nova situación, deixando a un lado a represión.

Finalmente, facemos un chamamiento aos cidadáns e cidadás vascas para que se impliquen neste proceso e loiten polos dereitos que como Pobo nos corresponden.

ETA mostra o seu desexo e vontade de que o proceso aberto chegue até o final, e así conseguir unha verdadeira situación democrática para Euskal Herria, superando o conflito de longos anos e construíndo unha paz baseada na xustiza.

Reafirmámonos no compromiso de seguir dando pasos no futuro acordes a esa vontade.

A superación do conflito, aquí e agora, é posíbel. Ese é o desexo e a vontade de ETA.

Euskal Herrian, 2006ko martxoan

Euskadi Ta Askatasuna

E.T.A. Ler máis...