A derradeira prédica de Judas

NOTA: O post gana se o les con isto de fondo :)

Xa non teremos moitas máis oportunidades para ver a Judas Priest en directo. A xira mundial que os trouxo a semana pasada a Coruña será a derradeira. Unha vez rematada, tomaranse as cousas con máis calma. Seguirán a dar concertos, pero moi lonxe dos tours con centos de datas e que percorren medio mundo.

Malia non coller os seus anos dourados, podo presumir telos visto en directo dúas veces. No 2005, cando viñeron por vez primeira a Galiza, e a pasada semana. En ámbalas dúas ocasións eran momentos moi especiais para a banda. O retorno do vocalista Rob Halford ao grupo, e o tour mundial de despedida. Afortunadamente para nós, ao longo da súa carreira Judas Priest gravou unha morea de actuacións, polo que sempre podemos poñer eses álbums en directo e lembrar o que era escoitalos en vivo. Hoxe quero falarvos de dous deles que, na miña opinión, son bastante representativos.

Unleashed in the East gravouse en Xapón no 1979, durante a xira posterior ao lanzamento de Killing Machine (Hell Bent for Leather na edición dos EUA). Foi o primeiro álbum en vivo da banda e tivo tanta boa acollida como polémica. Sempre se dixo que este disco non era realmente en directo senón que estaba gravado en estudo. De feito, os fans daquela entón alcumárono Unleashed in the Studio. Anos despois, o guitarrista Glen Tipton admitiu que algunha liñas vogais de Halford tiveran que ser regravadas porque durante a actuación tiña problemas de gorxa, pero que mantiveran a maior parte. Controversias a parte, este álbum é un retrato do momento no que naceo heavy metal. Nesta época, Judas Priest xa superara a herdanza de predecesores como Led Zeppelin ou Black Sabbath e acababa de crear un son propio que cristalizaría definitivamente o ano seguinte co lanzamento do British Steel.

Entrando xa no contido do álbum, veremos que unha peza moi curta. Aínda que na versión remasterizada de 2001 se lle engadiran temas, o disco orixinal non supera os 45 minutos. Malia todo, concentra unha tremenda forza e parece ser moi representativo do que era un directo de Judas Priest por aquela entón. Musicalmente é moi sólido, e van tomando forma os duelos guitarreiros entre KK Downing e Glenn Tipton que caracterizarían os directos da banda. Cómpre unha especial mención á actuación que fan no tema Victim of Changes, que supera por todos lados á versión en estudo. De feito, é bastante habitual que nos recopilatorios inclúan este directo pola súa xenialidade. Pero o que realmente impresiona do álbum é a voz de Rob Halford. Regravada ou non, a forza e versatilidade que desprende en cancións como The Ripper ou The Sinner fannos entender por que este home está considerado un dos mellores vocalistas da historia do heavy metal.

O outro disco en vivo do que vos quería ten menos chicha. Editouse ou ano pasado co gallo do30 aniversario do British Steel, o seu álbum máis emblemático. Correspóndese cun concerto do ano 2009 que a banda deu en Florida e no que tocaron todo o British Steel xunto con algún tema de regalo. Non é que este disco sexa nada especialmente espectacular, como si o foi o Unleashed in the East, pero é unha boa mostra do que son a día de hoxe Judas Priest. Ademais, é curioso ver como tocan os seus grandes clásicos 30 anos despois. O tempo pasa por todos, e a voz de Halford xa non é a mesma. Aínda que non é quen de facer os agudos de antano, impresiona o desgarrador que pode ser ás veces.

É probábel que non poidamos ver a Judas Priest en directo nunca máis, pero con álbums coma estes nunca esqueceremos por que se gañaron o alcume de metal gods.



Podes escoitar o Unleashed in the East premendo aquí.

Podes escoitar a versión en directo do British Steel premendo aquí.



0 comentarios:

Postar um comentário