Hai uns meses a política de recortes do goberno do Reino Unido saltou á opinión pública internacional cando o estudantado saiu á rúa para enfrontar a espectacular subida das taxas académicas. Foran unhas marchas moi polémicas, das que o que máis trascendeu fóra das fronteiras do UK foi o asalto á sede do Partido Conservador ou ao coche do Príncipe Charles e Camila. Malia todo, a nivel interno supuxeron un auténtico revulsivo na esquerda social e política poñendo en evidencia que se comezaba a formar un bloque popular disposto a combater os recortes. Xa vos falei hai uns meses da Coalition of Resistance, unha gran alianza estatal en contra da contención do gasto público. Pois desde entón ao longo de todo o Reino fóronse formando decenas de grupos de base que actúan local ou sectorialmente. Un dos máis interesantes desde o meu punto de vista é UK Uncut, un movemento de acción directa que "ocupa" bancos e sucursais de empresas que evaden impostos de xeito divertido e pacífico.
Os sindicatos, aínda que tardaron, intentan agora canalizar toda esa enerxía que lles ven desde a base convocando unha gran marcha en defensa dos postos de traballo, do crecemento e da xustiza. Comezou hai uns 20 minutos en Embankment e rematará cun gran acto en Hyde Park. A TUC (a federación de sindicatos convocante) prevée que hoxe cheguen a Londres 300.000 persoas de todo o Reino Unido en 800 autobuses e 10 trens especialmente fletados para este evento. A capital non vive unha manifestación tan multitudinaria desde o comezo da guerra do Iraq aló polo ano 2003.
En breves irei a unirme a esta marcha histórica. Estarei tuiteando as impresións que vaia tendo e pola noite agardo actualizar de novo o blog cun resumo completo. Se queredes seguir en directo o que está a acontecer recoméndovos que lle botedes unha ollada ao que está a facer The Guardian ou que sigades o Twitter oficial da marcha e o hashtag #march26.
Noutra orde de cousas, e sen ter nada que ver co que está a acontecer no Reino Unido, deséxolles moita sorte aos compañeiros e compañeiras que hoxe están a constituír a nova organización do estudantado galego.
Ler máis...