25 de xullo, Día da Patria Galega

Onte foi 25 de xullo, Día da Patria Galega. É tempo de lembrar que Galiza é unha nación e que como tal ten dereito á autodeterminación, de resaltar o papel do nacionalismo como movemento popular e transformador. Pero sobre todo, é tempo de non dar ao esquencemento, que diría Pondal. Debemos manter sempre presente nas nosas mentes, que a loita pola liberación nacional e social da Galiza, é unha carreira de fondo, na que todas e todos debemos participar. Acadar forza nas institucións ou un estatuto de nación, non son máis que pasos insignificantes para a nosa loita. Porén, hai xente que semella crer que esta é a causa última do nacionalismo, polo que non debemos dar ao esquencemento o noso obxectivo final.


Ler máis...

God Save the Prince

Estes días vénseme á cabeza un anaco dunha canción de Extremoduro que di:

¿Quien va a meterse por el culo mi libertad de expresión,
cuando diga que me cago en la constitución?

Coido que hoxe máis que nunca, estes versos de Robe Iniesta están de plena actualidade. O pasado día 20 de xullo, o xuíz Juan del Olmo ordenou secuestrar o último número da coñecida revista "El Jueves" por mostrar aos príncipes nunha "posición sexual explícita" e "en actitude claramente denigrante e obxectivamente infamante", podendo danar así "o prestixio da Coroa".

Coido que estes feitos non fan outra cousa que evidenciar o precario estado de saúde desta "democracia" na que vivimos. Aínda que que dende o Partido Español (non é socialista nin obreiro) nos queiran pintar un Estado Español idílico, saen á luz temas tan importante coma a escasa independencia do poder xudicial, a impunidade dunha monarquía restaurada polo franquismo ou os progresivos recortes da liberdade de expresión.

Remato con outra canción, Dios Salve al Rey, de Los Muertos de Cristo

Que guapo es el príncipe, me voy a tatuar
su cara en mi culo y la bandera nacional
así cuando vaya al water y me ponga a cagar
me acuerde cada día de la familia real




Ler máis...

Aberto unha vez por semana

Aló polo mes de febreiro, decidín darlle un empurrón a esta bitácora e reavivala. A verdade é que conseguin uns resultados moi bos: bastantes visitas, algúns comentarios e unha brazada de xente que lía as miñas barrenadas. Con todo, pouco a pouco fun deixando esmorecer o bloge por mor da preguiza, os brazos rotos e os exames. Pero agora creo que é un bo momento para continuar con este proxecto chamado Revolta Rockeira, que malia contar con máis de dous anos de historia, non deu arrincado do todo. Como sei que non serviría de nada publicar oito entradas nunha semana e logo volvelo a abandonar, prefiro fixarme uns obxectivos realistas: un artigo por semana como mínimo. O esforzo non é moito e os resultados poden ser moi bos, así que espero que desta vola, dunha vez por todas, decida darlle o empurrón definitivo a Revolta Rockeira.


Ler máis...

Banda Bassotti

Había xa moito tempo que non puña unha entrada musical, polo que creo que xa vai sendo hora. O grupo de que vou falar é Banda Bassotti, uns italianos que fan unha mestura de Ska, Punk e Oi! e que teñen unhas letras moi politizadas.



Un pouco de historia

Banda Bassotti nace en 1981, da man dun grupo de rapaces que, nuns talleres de Roma, inician actividades de solidariedade coa loita dos pobos nicaraguense, salvadoreño, palestino e vasco.

En 1989 pásanse á música, tocando en espazos ocupados e en manifestacións.

En 1992, publican o seu primerio disco, Balla e Difendi (Baila e Defende), xunto con outros grupos esquerdistas de Roma. Neste mesmo ano, tamén sae á rúa o seu primeiro LP en solitario: Figli della Stessa Rabbia (Fillos da mesma Rabia).

Foi a raíz deste disco cando comezou a súa proxección internacional, chegando a obter unha certa fama en España e moita máis en Euskal Herria, onde tocaron xunto a grupos da esquerda independentista, principalmente con Negu Gorriak, cós que chegaron a facer varias xiras xuntos, en Euskadi, Italia e El Salvador.

Discografía - Banda Bassotti
Figli della Stessa Rabbia (1992 Gridalo Forte Records - Álbum)
Bella Ciao (1994 Gridalo Forte Records - EP)
Avanzo de Cantiere (1995 Gridalo Forte Records - Álbum)
Un Altro Giorno d'Amore (2001 Gridalo Forte Records - Doble Live)
L'Altra Faccia dell'Impero (2002 Gridalo Forte Records - Álbum)
Así Es Mi Vida (2003 Gridalo Forte Records - Álbum)
Amore e Odio (2005 Gridalo Forte Records - Álbum)
Vecchi Cani Bastardi (2006 Gridalo Forte Records - Álbum) Ler máis...

25 de abril sempre


Onte foi 25 de abril, e como en moitos outros sitios, na facultade de Ciencias da Comunicación conmemoramo-la Revolución dos Caraveis. Fómolos CAF os encargados de facelo.

A iso das 12:00, puxemos Grandola Vila Morena e comezamos a repartir caraveis, trípticos e pegatas. A xente estaba abraiada ao vernos repartir flores, pero coido que logramos dicirlle á xente que algo pasou hai 33 anos en Portugal.

Xa pola tarde, proxectamo-la película Capitáns de Abril e contamos coa presenza de Margarita Ledo Andións, quen nos deu a súa visión da Revolución, do filme e nos falou das súas vivencias persoais.



A continuación, trancríbovos o tríptico que repartimos. Escribino eu, por iso o poño aquí, a ver que vos parece.

Os CAF e o 25 de abril
Hoxe é 25 de abril. Para moitos, un día máis no calendario. Pero para outros, tempo de soños e esperanza.


Hai 33 anos, un día coma hoxe, o pobo portugués dáballe unha lección ao mundo rematando con 48 anos de ditadura. Eran tempos de cambio, de revolución, era o momento de trocar as pistolas por flores. Era a Revolución dos Caraveis.


Portugal demostrounos en 1974 que as anceios de liberdade dunha nación son máis fortes que as armas. Fixo calar a aqueles que dicían que unha revolución en Europa era algo anacrónico. E o que é máis importante, conseguiu quebrar o xugo do fascismo e construír un país máis xusto e máis libre para vivir.


Os CAF, sempre comprometidos cós valores da esquerda, queremos conmemorar esta data de loita e esperanza. Queremos que o espírito de abril volva a encher os peitos do estudantado. Para iso, organizamos un cine-forum no que proxectaremos a película “Capitáns de Abril”. Contaremos coa presenza da catedrática Margarita Ledo Andión, e terá lugar na aula de visionado 2 ás 16:30 horas.


Breve historia da Revolución dos Caraveis
O 28 de maio de 1926, un golpe militar inaugura un novo período na historia de Portugal: a ditadura fascista de Oliveira Salazar. En 1933 redáctase unha constitución na que se crea o “Estado Novo”, un réxime autoritario e corporativista que empregou un potente aparello represivo e de propaganda para estabelecer o seu dominio sobre a sociedade.


Un dos piares fundamentais nos que se sostiña o réxime, era no mantemento das “provincias” de ultramar, símbolos da “grandeza” do Imperio Portugués. Pero a aparición de movementos independentistas nas colonias de Angola, Guinea e Mozambique, tivo consecuencias moi prexudiciais para a ditadura. En primeiro lugar, os gastos militares aumentaron considerabelmente, convertendo a guerra colonial nunha lacra para a economía portuguesa. En segundo lugar, recrutouse a unha gran cantidade mozos para ir a combater ás guerrillas independentistas. Pero estas cada vez eran máis fortes e causaban unha gran cantidade de baixas no exército portugués, aumentando a impopularidade da Guerras Colonial.


O descontento coa guerra canalizouse a través dun grupo de capitáns do exército que se agruparon en torno ó Movimento das Forças Armadas (MFA). Este grupo pretendía pór fin dunha vez por todas á Guerra Colonial e rematar coa ditadura en Portugal. Durante algo máis dun ano, artellouse unha estrutura clandestina que preparaba un golpe de estado para depór a Marcelo Caetano (que ocupaba o posto de Salazar dende 1968).


No dia 24 de Abril de 1974, ás 22h 55m é transmitida por radio a canción "E depois do Adeus", de Paulo de Carvalho. Este foi un dos sinais previamente acordados polos revolucionarios e daba incio á primeira fase do golpe de estado.


O segundo sinal foi dado ás 0h20 m, cando foi transmitida a canción "Grândola Vila Morena", de Zeca Afonso, na Rádio Renascença, que confirmaba o golpe e marcaba o inicio das operacións. Ao pouco, varios rexementos saen á rúa, ocupando as posicións claves do país sen atopar oposicion. Ao longo da noite e principalmente na mañá, comezáronse a sumar á Revolución xente allea ao mundo militar. O pobo saiu á rúa para pór fin a 48 anos de ditadura. No canón de cada fusil, un caravel.


Portugal despois do 25 de abril
A Revolución dos Caraveis trouxo consigo importantes cambios. O máis inmediato foi a liberación dos presos políticos e o recoñecemento dos dereitos e liberdades individuais, pero os gobernos de esquerdas que a sucederon continuaron coa revolución aplicando importantes políticas económicas e sociais para transformar Portugal. Nacionalizáronse os sectores produtivos claves e iniciouse unha profunda reforma agraria. Malia todo, a oposición de socialdemócratas e conservadores botou por terra os avances revolucionarios ao levar de novo a dereita ao poder.


Capitáns de abril
Capitáns de abril é unha película da directora portuguesa María de Medeiros, na que se narra a historia de dous capitáns e unha xornalista que participan activamente na Revolución. Proxectando este filme, os CAF pretendemos dar a coñecer entre o estudantado dun xeito lúdico un feitos que, no noso parecer, non deben caer no esquencemento. A proxección será o 25 de abril, ás 16:30 na Aula de Visionado 2


SEMPRE 25 DE ABRIL

Ler máis...

GRAZAS


Ler máis...

Díxomo XAN

Xa pasaron 11 días dende que se celebrou a X Asemblea Nacional de Galiza Nova. Malia que non asistín (aínda non milito), máis ou menos sei por onde foron os tiros





Para quen aínda non o saiba, desta volta presentáronse dúas listas. Unha delas formada por Isca! e por Esquerda Nacionalista Mocidade e outra pola Unión da Mocidade Galega (UMG). O resultado foi até certo punto esperado: contundente victoria da U cun 60% dos votos. Pero quizais foron máis esperados os enfrontamentos e divisións que tan ben caracterizan ao nacionalismo galego, dos cales xa empezo a estar farto. Semella que non nos damos conta de que con estas actitudes, tan só perde o nacionalismo e a esquerda. Se nos deixasemos de parvadas e traballáramos a prol do que creemos deixando de lado as nosas diferenzas, o BNG e o nacionalismo non estaría como está. Con todo, supoño que os meus amigos de Isca! e de EN, dirán que son os upegallos, que non deixan traballar a todo aquilo que non sexa da súa corda. Pero eu sempre digo, que unha organización, un movemento, formámolo todos e que cada militante, cada simpatizante, ten a súa parte de responsabilidade.

En fin, cousas de XAN
Ler máis...