Ler máis...
Díxomo XAN
En fin, cousas de XAN
Sindicalistas e traidores

Hoxe tiña varias cousas sobre as que escribir: a proposta de ERC para o referendum da autodeterminación, as eleccións no Quebec ou a patada que lle diron ao impresentábel do Foro de Ermua. Pero resulta, que indo aos arquivos de principios de mes de Vieiros, vin unha noticia que me horrorizou de tal xeito, que non fun quen de evitar escribir unhas liñas para expresa-la miña indignación. O titular di o seguinte: BRASIL QUERE PROHIBI-LA FOLGA EN SECTORES PÚBLICOS
Para unha persoa de esquerdas coma min, ver a Lula da Silva facer este tipo de cousas non fai senón decepcionarme e aumenta-lo meu escepticismo fronte a esa caste que dirixe os movementos esquerdistas. É triste ver a unha persoa que ven da loita sindical, que no seu momento foi a esperanza para América Latina, traizoar deste xeito todo aquilo polo que loitou, chegando ao extremo de propó-la prohibición dun dereito tan básico dos traballadores como é a folga... É sabido que o poder corrompe, pero non por iso debemos de perde-la esperanza de que algún día, esto cambie. Ler máis...
No fío da navalla
Nunha das súas xeniais entrevistas, Jesús Quintero preguntoulle a Jiménez Losantos se cría que había algún risco dun regreso do ultraconservadurismo. Segundo este opinion maker, mentres a dereita mantivese a idea de “España” non había nada que temer. Pero vendo como se está a desenvolve-la vida política nos últimos tempos, eu diría que non é que haxa un perigo de retorno da extrema dereita, é máis grave, xa está aquí.
Os feitos falan por si solos. ¿Foi propia dunha democracia a reacción que houbo ante a concesión da prisión atenuada a De Juana?¿E o que fixeron algúns despois de que o fiscal lle retirase a acusación a Otegi? ¿Un partido democrático proporía un boicot a unha empresa de comunicación coma o Grupo Prisa? Eu penso que non.
No Estado Español, hai un partido que fachendea de defende-lo estado de dereito, pero que á súa vez non ten problema en saír á rúa cando algunha decisión xudicial non lle gusta. Tamén é un partido que defende a liberdade de expresión por riba todo, pero iso si, cando algún medio os critica non dubidan en iniciar un boicot, ou si é un medio vasco, mesmo pechalo. Á súa vez, ese partido ten unha serie de organizacións satélites que en teoría son de vítimas do terrorismo, pero que na práctica fan de censoras de todo aquilo que non responde aos seus intereses (lembremos o caso do grupo vasco Soziedad Alkohólika).
Penso que todos sabemos de quen estou a falar. E penso que todos sabemos que hai xa bastante tempo que se balancean perigosamente o fío da navalla, alí onde a dereita e a extrema dereita se separan
Vascos, nacionalistas e neofatxes
Por outra banda, alégrome da solución do problema De Juana. Aínda que a solución ideal sería que o Supremo anulase completamente a condena da Audiencia Nacional, a reducción da condena a 3 anos e a posibilidade de que Iñaki volte á súa casa non só é un acto de xustiza, senón que debería permitir avanzar no proceso de paz. Lamentabelmente, aínda quedan organizacións tan rastreiras que tan só respectan as decisións dos xuíces cando lles beneficia e que ven o estado de dereito unicamente coma unha ferramenta para acadar os seus intereses políticos. Falo da Asociación de Víctimas do Terrorismo, do Foro de Ermua e sobre todo da organización matriz: o Partido Popular. Pero o que me parece máis triste, é que determinados medios de comunicación se encargan de facer de voceiros e de contaminar á sociedade coa súa propaganda neofatxe*.
En fin, mentres a sociedade non lle plante cara a esta nova extrema dereita reconvertida en demócrata, nada cambiará.
* Atentos á canción de Lluís Llach que porei na radio nos vindeiros días: Neofatxes Globales
Unhas notas sobre Boloña
1-Introdución
O Plano de Boloña. Que é? En que consiste? Que trae consigo? Estas son algunhas das moitas preguntas que os estudantes podemos formularnos sobre este tema, do que tanto se fala pero sobre o que parece haber moi pouco coñecemento. Somos os estudantes os máis afectados por Boloña, pero somos os que menos sabemos dela. Semella que ás Universidades non lles interesa que o estudantado coñeza o que supón esta reforma.
O Proceso de Boloña inscríbese dentro do proxecto de converxencia neoliberal europea. Nun principio consistiría na homologación do sistema de créditos dunha gran maioría dos países do continente. Porén, en realidade é un duro ataque contra o ensino público e un intento de acoutar o acceso á universidade restrinxíndoo ás elites sociais e económicas. O capitalismo europeo quere aplicar as medidas neoliberais máis duras para poder entrar de cheo na educación superior e convertela nun novo mercado onde lucrarse. Detrás deste Plano está, como non podía ser doutro xeito, a Organización Mundial do Comercio (OMC), disposta a facer negocio con calquera cousa.
2- Historia
O Plano comezou a se xestar coa declaración da Sorbona (París) en 1998 e continuou a súa andaina coas de Boloña (1999), Praga (2001) e Berlín (2003). A pesar das boas intencións e palabras bonitas destes catro documentos están case baleiras de contido real. En ningunha delas aparece reflectida a nova organización das universidades nin a permanencia da universidade pública.
O resultado do Proceso de Boloña será a creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deseñado por políticos profesionais e empresarios da educación. No Estado Español xa vivimos a primeira parte do proceso de adaptación ó novo marco: foi a Lei Orgánica de Universidades, a LOU (a nova lei do PSOE é un calco), a oposición a cal foi amosada no seu día polas multitudinarias mobilización contra ela, sobre todo en Compostela
Agora toca continuar co proceso, mais nin sequera no propio Ministerio de Educación saben como seguir adiante. A súa confusión chega até o punto de redactar borradores de borradores. A día de hoxe aínda non sabemos a que titulacións poderán acceder os estudantes que entren cando se aplique Boloña.
3- Os cambios de Boloña
Entre os cambios máis visíbeis que vai traer o Proceso de Boloña está reforma da estrutura das carreiras. A Unión Europea, no canto de preferir o sistema de carreiras de cinco anos cunha forte especialización que é o sistema maioritario no continente, optou polo sistema inglés de graos e posgraos. O grao consistiría nunha formación básica e xeral (coa que xa se podería acceder ó mercado laboral) e o posgrao na especialización.
Mais as cousas non son como nolas queren presentar! Para poder optar a un traballo minimamente decente (se o atopas) necesitarás ter o posgrao, e non todo mundo poderá pagalos. Incluso os das universidades pública terán prezos demasiado altos para moita xente. Os posgrao son os equivalentes ós “masters” actuais, pero con Boloña serán (na práctica) obrigatorios.
Se estabas pensando nunha beca, esquécete dela. As bolsas de axuda de toda a vida serán substituídas por créditos que terás que devolver cando atopes traballo. Deste xeito o papel dos bancos (o BSCH en Compostela, por exemplo) aumenta converténdonos ós estudantes en escravos dos bancos só con 18 anos (e non nos soltarán así como así).
Co Plano de Boloña, o número de carreiras diminúe, pero non desaparecen realmente as titulacións, estas pasarán a ser posgraos de pago. Terá especialización a quen o peto llo permita (e non serán tantos).
As formas de dar as clases tamén van cambiar. En primeiro lugar os grupos de alumnos terán que ser reducidos, polo tanto haberá que facer reformas en moitas facultades para crear aulas novas ou dividir hai que xa hai. Esta cantidade de obras... poderá pagalas unha Universidade endebedada até os topes? O Ministerio de Educación xa advertiu que non destinará orzamentos para a aplicación de Boloña, polo que a solución será reducir os números clausus, elitizando aínda máis o ensino superior. Por outra banda, o sistema de créditos tamén varía. Actualmente un crédito equivale a dez horas, mais co Plano de Boloña un crédito pasará a equivaler vinte e cinco horas! Estas abranguen as horas de clases teóricas, as prácticas, o traballo persoal do alumno, as horas de titorías do profesor e as horas de exame.
As prácticas son un dos pratos fortes de Boloña, xa que a metade dos créditos de prácticas terán que facerse en empresas privadas. É dicir, converterémonos en man de obras barata en precario e , por suposto, sen cobrar nada. Este horario é incompatíbel co dun traballador, polo que T
todos aqueles que teñen que traballar para poder pagar os estudos será incapaces de facelo con esta reforma por falla de tempo.
Entre os cambios que máis directamente afectan a Galiza está o da mobilidade. Co Plano de Boloña preténdese fomentar que os estudantes realicen parte da súa formación noutro país, para o que se precisará reducir o número de idiomas no que se imparten aulas para facilitar a comunicación. Isto suporá unha (maior) marxinación de moitas linguas, entre elas o galego. A pesar de ser a lingua maioritaria na Galiza, verá retroceder a súa andaina cara a normalización no ensino superior. Asemade, ó ter que estudar en toda Europa (supostamente) o mesmo, non haberá sitio para contido relacionados co noso país e as súas necesidades,
4- Conclusión
O Plano de Boloña é todo isto e moito máis: privatización, elitización, desespecialización, precarización e a perda de identidade nacional. Para loitar contra Boloña e poder informar ós estudantes sobre o que se nos vén enriba, naceron as Asembleas de Estudantes, que nos coordinamos a través da Coordinadora de Asembleas de Compostela. Porque aínda que Boloña afecte a aqueles que virán despois nosa, paralo depende de nós.
Gotthard
HISTORIA
Gotthard comezaron a súa andaina musical a principios dos noventa grazas ao traballo de Steve Lee (vogalista) e Leo Leoni (guitarra). Poderiamos dicir que esta banda está moi influenciada polos grandes do rock dos anos 70 e 80: AC/DC, Deep Purple, Whitesnake, Led Zeppelin, Aerosmith...Concretamente, Steve Lee pretendeu imitar a David Coverdale, o lendario vogalista de Whitesnake.
O seu debut discográfico data de 1992, coa publicación de Gotthard, o seu album homónimo. Dende entón, os suízos gravaron 6 discos máis de estudo, dous directos e dous recopilatorios (un deles só de baladas, coma as Gold Balads dos Scorpions). Os seus éxitos convértenos na banda de rock suíza de referencia a nivel nacional e internacional. De feito, dos dous millóns de discos que Gotthard levan vendidos, un millón fixérono en Suíza (lembrar que este pequeno páis tan só ten 7 millóns de habitantes, é dicir que un de cada sete suízos mercaron algún album de Gotthard)
DISCOGRAFÍA
Albumes de estudo
- Gotthard (1992)
- Dial Hard (1994)
- G. (1996)
- Open (1999(
- Homerum (2001)
- Human Zoo (2003)
- Lipservice (2005)
Directos
- The Hamburg Tapes (1996)
- D Frosted (1997)
- Made in Switzerland (2006)
- One Life One Soul (Best Of Ballads) (2002)
- One Team One Spirit (Best of Album) (2004)
FORMACIÓN
Actualmente Gotthard presenta a seguinte formación:
- Steve Lee, cantante
- Leo Leoni , guitarra
- Freddy Scherer, guitarra
- Marc Lynn, baixo
- Hena Habegger , batería
OPINIÓN PERSOAL
Para min Gotthard son unha das mellores bandas de Hard Rock do momento. Contan cuns grandes músicos, entre os que destaco a potentísima voz de Steve Lee, que aínda en directo é quen de arrincar uns tonos agudos xeniais. Recoméndovos a todos vos que escoitedes o último album en vivo, o Made in Switzerland, xa que é unha recompilación dos grandes éxitos da banda e que reflicte á perfección como ten que ser unha banda de directo.
Para ir abrindo boca déixovos One Life one Soul e a versión da canción de Deep Purple, Hush. Desgraciadamente, aquí en Santiago non teño o disco enteiro, así que teredes que agardar a que chegue a casa para que colgue máis cancións.


