Malos tempos para a liberdade de expresión

Nos anos 80, un dos principais dirixentes da banda armada Euskadi ta Aksatasuna (ETA) era Iñaki de Juana Chaos. Pola súa implicación no atentado do Hipercor de Barcelona de 1987, foi apresado e condeado a 18 anos de cárcere. É habitual que os reos do Estado Español poidan beneficiarse de reduccións de condea por bo comportamento, ou por realizar labores dentro do cárcere, pero os implicados en delitos de terrorismo perden este dereito. Polo tanto, Iñaki de Juana cumpliu integramente a súa condena. Parece lóxico, que despois disto saíse ceibe. Pero só o parece. A Audiencia Nacional acusou a de Juana de ameazas terroristas a raíz de dous artigos publicados no diario vasco Gara: "Gallizo" e "El Escudo". O resultado: outra condea, esta vez de doce anos. Dende entón, Iñaki leva xa dúas folgas de fame en protesta por esta imputación, alegando que tan só exerceu o dereito democrático a expresarse libremente.

O caso de De Juana é un máis de como se emprega o estado de dereito en beneficio do poder. A igualdade ante a lei é un dereito interesado, non real. Nesta sociedade, existen unha serie de pensamentos tabúes contra os que se pode loitar con tódolos medios posíbeis. O nacionalismo é un deles, especialmente se é de esquerdas. Neste senso, gustaríame destacar o linchamento que sufriu o futbolista do FC Barcelona, Oleguer Presas. Hai tan só uns días, publicou un artigo falando do mesmo que eu hoxe no "Setmanari de Comunicació Directa" e no periódico vasco, Berria. Ao pouco, Kelme retiroulle o patrocinio, o propio Barça sinalou a súa disconformidade con que os seus xogadores falasen de política, e os medios españois máis consevadores abalanzáronse sobre el coma voitres sobre un anaco de carne morta

Malos tempos para a liberdade de expresión


Xan Guindán


Traducción ao galego do artigo de Oleguer Presas

«A BOA FE


De Juana Chaos leva 20 anos no cárcere. Debido ás vantaxes legais vixentes impúxoselle unha pena de 18 anos polos crimes cometidos. Aínda así, hoxe en día segue no cárcere en prisión preventiva á espera de resolución por dous artigos de opinión escritos no xornal Gara. En opinión da Audiencia Nacional Española De Juana Chaos cometeu un delito de ameaza terrorista e impúxolle unha condena de 12 anos e medio. Como protesta a esta decisión De Juana Chaos decidiu iniciar unha folga de fame até o final. Nun estado de dereito- dínnolo unha e outra vez, como se fose unha campaña de publicidade- non hai pena de morte nin cadea perpetua. E a eutanasia tamén esta prohibida. Vou actuar de boa fe e vou pensar que o estado de dereito cre nas súas leis; é dicir que non aplica a cadea perpetua nin a pena de morte. De boa fe, outra vez, vou pensar que o contido dos artigos de De Juana Chaos son totalmente explícitos, tanto como para ter a unha persoa no cárcere.



Querería crer que no estado de dereito hai liberdade de expresión, e neste xuízo, no de Egunkaria ou no xuízo do actor Pepe Rubianes -por comentar algúns- hai suficientes indicios para procesar aos responsábeis. Se non é así, todos clamarían ao ceo, porque é iso o que fan cando se incumpre a liberdade de expresión fóra de aquí, en Marrocos, Cuba e Turquía, entre outros. A boa fe faime pensar que o estado de dereito é o mesmo para todos; que as presións políticas non teñen ningunha repercusión, e que o poder xudicial é realmente independente; que as declaracións do ministro de Xustiza López Aguilar non repercutiron na decisión xudicial -quen dixo que o Goberno faría outras tantas imputacións para que De Juana non quedase en liberdade-.



“As palabras non, as accións”, dixo alguén. David Fernández fálanos destes feitos no libro”Croniques del 6 i altres do claveguera policial”: A Enrique Rodríguez Galindo, xeneral da Garda Civil e responsábel das barbaridades cometidas no cuartel de Intxaurrondo, condenaron a 75 anos de cárcere polo asasinato de Lasa e Zabala, dos cales cumpriu a cuarta parte argumentando problemas de saúde. Tamén foi excarcerado Julen Elgorriaga por razóns de saúde; foi condenado a 80 anos por aqueles feitos e só cumpriu o 3%. Logo de enganar a toda España, De la Rosa está en casa xa que lle impuxeron o terceiro grado co argumento de que sofre depresión. Rafael Vera, en cambio, só cumpriu 8 meses no cárcere polo secuestro de Segundo Marey -asumido polo GAL- aínda que lle impuxeron unha pena de 10 anos. David fala sobre todo da tortura e dos torturadores; tamén fala do xeito en que se utiliza a información para criminalizar moitas disidencias; xunto con isto di que a mesma Policía pon as probas que necesita para criminalizar aos que lle interesa politicamente, e que ao Goberno non quere oír nin unha palabra do observador especial da NBE contra a tortura ou dos informes das organizacións -entre outros o realizado por Amnesty International-. E isto fano porque todos estes din que se tortura no estado de dereito.



Por se non abonda, agora o mesmo Fiscal de Audiencia Nacional pediu arquivar o caso Egunkaria; segundo din, non hai probas. No 2004 en cambio o Tribunal de Estrasburgo castigou a España “por non investigar” as torturas denunciadas por 17 independentistas cataláns 12 anos antes: nas Olimpíadas tíñanse que acalar as voces que non estaban de acordo. En cambio en novembro do 2005 Zapatero absolveu aos 4 policías locais de Vigo inhabilitados e castigados por darlle unha malleira, insultar e aldraxar ao senegalés Mamado Kane –a condena era de 2 e 4 anos de cárcere-. Aznar fixo o mesmo no ano 2000: absolveu a 14 policías castigados por torturar; a un deles xa o castigaron anteriormente. E...



En fin, que teño unha lea enorme na cabeza. Este estado de dereito ten moitas zonas escuras, e fanme dubidar. Todo isto cheira a hipocresía. E con toda esta hipocresía remata a boa fe.



Oleguer Presas

Futbolista do FC Barcelona»
Ler máis...

Os CAF de Compostelá organizan un magosto-concerto

A organización estudantil Comités Abertos de Facultades (CAF), organiza un magosto-concerto o vindeiro día xoves 30 de novembro. O acto, que terá lugar na praza Rodríguez Cadarso (detrás da Alamenda), iniciarase ás 20:00 por medio de xogos populares. Xa nas 22:00 comezará un concerto no que actuarán O Leio (versións de cancións protesta galego-portuguesas), Som do Galpom (funki-reggae-rap) e Leo e Arremecaghoná (cantor punk). As castañas serán de balde, e a bebida será barata. Convídovos a todos a que veñades. Ler máis...

Concentración da Plataforma Rúa Fraga Non

A plataforma Rúa Fraga Non, convocou no día de onte unha concetración na compostelá praza do Toural. Con ela, pretendían canalizar o rexeitamento da cidadanía á idea do alcalde Xosé Antonio Sánchez Bugallo de adicarlle unha rúa a Manuel Fraga Iribarne. Ao berro de "Fraga, a rúa non é túa", e "Rúa Fraga Non", os manifestantes, pertencentes á maior parte de grupos da esquerda compostelá, concentráronse de maneira pacífica durante aproximandament corenta minutos.

A plataforma considera que a figura de Fraga Iribarne, non é merecedora de ocupar un espazo nas rúas compostelás polos seguintes motivos:

1º) Hai que diferenciar entre o que significa un respecto institucional mentres ocupou a presidencia da Xunta do feito de que no nome dunha cidade se lle rinda homenaxe a unha persoa que non conta co apoio dunha boa parte da cidadanía.

2º) A avaliación da xestión do Sr. Fraga durante os anos que ocupou a presidencia da Xunta é claramente negativa para Galiza e discutida por amplos sectores sociais. Mentres que o Estado español medraba en desenvolvimento económico,Galiza afundíase nos principais indicadores socioeconómicos.

3º) O Sr. Fraga é senador do Partido Popular e, polo tanto, semella inapropiado neste momento que se lle homenaxee a un político en activo claramente vinculado a unha opción partidaria concreta.

4º) O Sr. Fraga Iribarne fixo parte destacada das decisións máis claramente antidemocráticas do goberno fascista de Franco. Sendo ministro de Información e Turismo, asinou colectivamente, en Consello de Ministros, a execución de Julián Grimau e foi o encargado de contrarrestar propagandisticamente o acontecido, como tamén sucedería durante o Proceso de Burgos. Outra proba do seu papel principal na dirección do aparato de censura de Franco foi a condena de Alberto Míguez pola publicación da antoloxía bilingüe El pensamiento político de Castelao.

5º) Por todo isto e porque nun momento como o actual, declarado Ano da Memoria, no que se está traballando para restituír a verdade sobre a represión que padeceu o pobo galego após o golpe militar franquista, entendemos que a nomenclatura das rúas nas que vivimos deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos e dos pobos, así como a restaurar a figura dos que representaron e defenderon os verdadeiros valores da democracia, do progreso e da igualdade. Ler máis...

MEMORIA DA LIBERDADE: represión e resistencia en Galiza (1936 - 1977)

Entre o día 3 de novembro e o 31 de xaneiro, poderase ver no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela)unha magnífica exposición acerca da represión e da resistencia durante a ditadura franquista. A través de fotografías, publicacións, cartas, e material audiovisual, esta exposición fai un percorrido histórico por tódalas fases da loita política e social no noso país: dende o traballo dos galeguistas na república, até a resistencia da UPG nos anos 60-70, pasando pola loita guerrilleira na posguerra, ou pola labor cultural dos homes de Galaxia.

Esta mostra está organizada pola Consellaría de Cultura e Deportes da Xunta de Galiza, e pola fundación "2006: ano da memoria", contando coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria, polo Concello de Santiago, e polo Xacobeo. Ler máis...

Lume nunca mais

Ler máis...

Fidel Castro

O día 31 de xullo recibimos a nova de a que Fidel Castro, máximo mandatario de Cuba, tívoselle que lle realizar unha operación de urxencia por un problema intestinal. Ante a gravidade da intervención, o Comandante delegou por primeira vez tódolos seus podres. O beneficiario foi o seu irmán, Raúl Castro, un dos homes máis fortes do goberno, que xa ostentaba os cargos de Ministro de Defensa, Vicepresidente da República, e Vicesecretario do Partido Comunista de Cuba. Esta foi a primeira vez que o seu irmán abandonaba o poder dende o triunfo revolucionario de 1959. Ante este feito histórico, reabriuse o debate acerca da sucesión de Fidel Castro, tema do que xa fai tempo que se fala na illa; sobre todo despois do desmaio sufrido polo comandante no 2001, e a súa grave caída no 2004.



Como é habitual nestes casos, non hai unha única postura. Mentres que algúns sosteñen que será substituído por un Raúl Castro que mantería inamovíbel o réxime apoiándose nas forzas armadas; outros defenden que a sucesión non será personalista, se non que recaería en organizacións colectivas coma o Partido Comunista. O que está claro é que ningunha destas opcións encaixan cos plans que EEUU e os exiliados de Miami teñen para a illa. Baixo unhas ansias “democratizadoras”, pretenden recuperar o poder que perderon coa Revolución. Pero a inexistencia dun forte movemento de oposición na illa, e a mentalidade antiamericana da maior parte do pobo cubano, dificultarán este proceso.

Pero mentres Fidel Castro continúe con vida, non haberá sucesión. O mundo enteiro está pendente de cada nota que o comandante envía asinada a puño e letra. A pesar de todo, por razóns de seguridade, o goberno cubano decidiu manter o estado de saúde do presidente en segredo...polo que a incerteza é absoluta. Ler máis...

1945-2006

1945. A aviación nazi atemoriza Europa cos seus bombardeos. Homes, mulleres, nenos e anciás morren por mor das ansias xenocidas duns homes que falan de espazos vitais e da superioridade dunhas razas sobre outras.

2006. A aviación israelí, bombardea pobos enteiros. Masacra a nenos, mulleres, homes e anciás. Non falan de superioridade, pero éncheselles a boca de loitas contra o terrorismo e defensa de estados xudeos.

Superamos o nazismo, as terribeis ditaduras comunistas foron derrocadas...a democracia prevaleceu.

¿E que? A xente segue a morrer baixo as bombas Ler máis...