Estamos en obras

Non sei se será porque ultimamente estou completamente rodeado de obras (están a construír unha autoestrada na metade da miña rúa), pero deume por remodelar un pouco isto. Se ao longo destes días vedes cousas raras coma que muda o cabezallo cinco veces en tres minutos, ou que aparecen as ligazóns descolocadas, non vos preocupedes, está todo controlado. Cando estea rematado xa porei unha enquisa para ver que vos parecen as novidades. Por outra parte, como todo o tempo que dedicaría en situacións normais a escribir o estou empregando na remodelación, non esperedes artigos novos.

Desculpade as molestias ;)


Ler máis...

Banda Bassotti: conquistando la rossa primavera

Envolto en polémica e cun chisquiño de morbo. Así era como viamos o concerto de Banda Bassotti. Habería alguén da AVT? Cargaría a policía? Montaríana os de Nós-UP? Moitas eran as posibilidades que barallabamos de camiño ó parque Raíña Sofía de Ferrol. Previa parada no Arume a comer uns bocatas (inmesos e moi baratos), chegamos ao concerto cando xa estaba a rematar a actuación de Retobato. Unha mágoa porque polo que poidemos escoitar tería pagado a pena. Unha vez rematados os naroneses, saltan a escena La Sentina. Ao principio sonaban ben, pero remataban por facerse pesados. A iso das 23.30 ou 00.00, chega o momento que todos estabamos agardando: Banda Bassotti saltan ao escenario. O que máis me chamou a atención nun primeiro momento foi a cantidade de instrumentos que tocaban: dúas guitarras, un baixo, unha batería, dúas trompetas, un saxo, un trombón, unha voz solista, unha secundaria e case todos facían coros. Na primeira parte do concerto, interpretaron principalmente cancións do seu último disco, Vecchi Cani Bastardi, tales coma Coccodé, B.B. Boy, Revolution Rock ou Tartamundo Ska. Porén, ían intercalando grandes clásicos coma Avanzo de Cantiere, Beat Ska Oi!, Carabina 30-30, Stalingrado, Que Linda es Cuba, L´altra Faccia del Impero ou Mockda 993.

Por outra parte, cómpre sinalar que Banda Bassotti teñen un directo incríbel. Cós músicos movéndose por todo o escenario, cunha simpática coreografía por parte do cuarteto de metais e sacando a relucir constantemente algunha bandeira. Deste xeito, pasaron polo escenario unha estreleira, unha repúblicana, unha comunista e a do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol. Porén, nunca chove a gusto de todos, polo que a bandeira da República desatou a furia dalgúns sectores do público (os de Nós-UP, que viñan da homenaxe a Moncho Reboiras), chegando a cuspirlle e finalmente rachala. Pero non vos vaides crer, houbo un ambiente moi bo, sen ningún tipo de problema, nin entre os que asistiamos ao concerto, nin coa AVT. Malia todo, segundo informan na web de Primeira Linha, houbo un intento de montar unha mesa "informativa" na entrada, pero que finalmente foi repudiada polos asistentes.

Chegando ao final do concerto, sonaron os grandes clásicos Luna Rossa e Bella Ciao, rematando así unha fantástica noite de música ska. Lamentabelmente (coido que para evitar problemas) non houbo bises, e remataron baixando a saúdar ao público e retirándose aos camerinos. Non sen antes, contemplar unha fugaz aparición no escenario de Iolanda Díaz, concelleira de cultura.

A posteriori, entereime de que un grupo de fascistas se concentraran diante do hotel no que estaban hospedados Banda Bassotti, sendo necesario chamar á policía. Xa sabía eu que algo ía pasar.




Ler máis...

Non enterramos cadáveres, enterramos semente

Coido que o groso dos leitores desta bitácora coñecedes, en maior ou menor medida, a figura de Moncho Reboiras. Malia todo, penso que non está de máis facer unha breve reseña a xeito de introdución que nos lembre a vida e a acción política deste militante nacionalista convertido en mártir.

Unha vida dedicada á loita

Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro de 1950, na parroquia de Imo (Dodro), no seo dunha familia labrega que, como moitas outras, viuse forzada a unha emigración cara a cidade na procura dun futuro mellor.

Grazas ao seu propio esforzo persoal e ao da súa familia, Moncho puido cursar estudos superiores na Escola de Inxeñería Industrial de Vigo. Xa na súa época universitaria, demostra unha gran sensibilidade cós movementos culturais e coa cuestión nacional. Deste xeito participa na creación de varias publicacións que, con tódalas limitacións da época, facían unha clara defensa da cultura e do pobo galego. En 1969 ingresa na UPG, partido nacionalista de carácter marxista.

Após de remata-la carreira, Moncho é becado pola universidade para facer un traballo de investigación sobre os métodos de explotación empresarial nos asteleiros galegos. Isto, xunto co seu traballo en diversas empresas do sector naval, lévano a estar en contacto cós obreiros e coas súas miserias. Participa moi activamente nas mobilizacións obreiras de 1972 e na folga de setembro dese ano, na que morrerían asasinados pola policía franquista dous traballadores da Bazán.

Neste tempo, a dirección da UPG encárgalle a creación de organizacións propias nacionalistas, que defendesen os intereses de Galiza e do seu pobo. Deste xeito, é moi importante o seu traballo na chamada Fronte Cultural, que permitiu unha coordinación de tódalas organizacións e asociacións que traballaban e defendían a cultura galega. Ou na Fronte Obreira, preludio do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING). Inicíabase un proceso de autoorganización do pobo galego que continuaría até os nosos días. Froito do traballo de xente como Moncho Reboiras xurdiron organizacións tan importantes coma ERGA, a CIG, ADEGA, a AN-PG, os CAF/CAE ou o propio BNG.

O derradeiro traballo que a UPG lle encargou a Moncho Reboiras, foi a organización da pouco coñecida Fronte Armada. Pretendían crear unha organización militar que contribuíse na caída do franquismo e que servise de forza de choque da chamada "Revolución Nacional-Popular" que propugnaba a UPG da época. Malia todo, o día 11 de agosto de 1975, a BPS franquista prepara unha operación para desmantela-la Fronte. Moncho Reboiras xunto con dous camaradas, atópase clandestinamente en Ferrol, onde son descubertos de madrugada e perseguidos polas rúas da cidade. Moncho era o único que ía armado, polo que distrae á policía permitindo a fuga dos seus compañeiros. Durante varias horas é quen de esquiva-la policía, pero finalmente, abáteno a tiros no portal do número 27 da rúa da Terra. Tiña 25 anos.




Moncho Reboiras, mártir galego

Non sei se Moncho Reboiras foi o militante exemplar que din. Nin sequera se a cita "Que importa que nos maten se deixamos semente de vencer" é del. Probábelmente nunca o saberei. Pero é o que ocorre sempre cós mártires. Moncho Reboiras foi unha vítima máis da salvaxe represión franquista, pero nun contexto de decadencia da ditadura e de emerxencia do nacionalismo, o seu asasinato acadou un carácter simbólico que o converteu en mito. Como ocorre sempre que se mitifica algún personaxe histórico ou político, téndese a esaxera-la súa figura. Malia todo, creo que esa mitificación pode ser positiva e mesmo necesaria. Se cadra Moncho Reboiras non foi a metade de bó militante do que nos fixeron crer. Seguramente que no anonimato hai unha morea de xente que fixo e traballou tanto coma el. Porén, a súa figura serviu de exemplo para todos os que viñemos detras del. Moncho representa a idea de militante formado, comprometido, coherente e traballador que moitos aspiraron a ser. Estea ou non esaxerada a súa figura, non só foi un modelo a seguir por centos de militantes nacionalistas senón que serviu para concienciar a moita xente sobre a loita de liberación nacional. Lembremo-la cita que Castelao puxo a un dos seus gravados: "Non enterramos cadáveres, enterramos semente"

A homenaxe

Dende a súa morte, tódolos anos a UPG ríndelle homenaxe ao seu militante máis coñecido. Tódolos 12 de agosto faiselle unha ofrenda florarl no 27 da rúa da Terra e as principais autoridades do partido dan o seu particular discurso. Este ano, cumpríndose o 32 aniversario do asasinato, a programación foi algo máis ampla. Combinouse un "xantar popular" en San Sadurniño, cunha visita guiada ao castelo de Naraío, ou cun concerto do fenés Xabier Díaz. No tocante ás intervencións, desta volta estaba planeado que serían Ana Vérez, Rubén Cela e Paco Rodríguez os que falarían diante dos alí congregados.


Á iso das 19.30, Roberto Vilameá, secretario de organización da UPG, subía ao escenario para comunicárnola ausencia de Ana Vérez por motivos de saúde, e para presentarnos aos relatores. Tras facer unha breve mención á figura de Moncho Reboiras e á importancia do acto, cédelle o palco ao Director Xeral de Xuventude e membro do Comité Central da UPG, Rubén Cela. Durante a súa intervención sinalará a importancia que tivo a actividade de xente como Moncho Reboiras na configuración do actual Movemento Nacionalista Galego, así como no tecido dunha rede de apoios ao dito movemento. Tamén aproveitou a ocasión para louva-la situación actual do BNG, referíndose ás cotas de poder que está a acadar e ao seu peso social. Para rematar, e antes de cederlle paso a Paco Rodríguez, sinalou que a autodeterminación nacional é un proceso que se acada paseniño, remarcando a importancia da reforma estatutaria pola que tanto pulou ultimamente o BNG.

O Secreterio Xeral da UPG, Francisco Rodríguez foi o relator que máis aplausos lles arrincou ás aproximadamente 300 persoas que alí estabamos congregados. Na súa intervención, máis desligada a Moncho Reboiras, referiuse a reivindicacións históricas do nacionalismo galego e da UPG, tales coma a defensa do agro, do sector naval ou da propia lingua. Ademais, afondou na idea do nacionalismo como movemento solidario e non egoísta (como moitos queren facer crer) cun carácter profundamente internacionalista. Á súa vez, deixou clara cal é a posición da UPG a respecto do modelo territorial, falando da relación en pé de igualdade das nacións que conforman o Estado Español. Non deixou de lembrar figuras tan importantes na historia de Galiza que estaban representadas en Ferrol: Díaz Valiño, Carvalho Calero, o dúo teatral Charlón e Hermida, Benito Viceto e mesmo Pablo Iglesias. Rematada a súa intervención, entoámo-lo hino e deu comezo a actuación de Xabier Díaz.

A xeito de curiosidade, gustaríame nomear algúns dirixentes nacionalistas que puiden recoñecer entre o público: Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, Bieito Lobeira, parlamentario do BNG, Néstor Rego, candidato do BNG á alcaldía de Compostela e Fran Rei, membro do Comité Central da UMG.

Ler máis...

Rock con nome propio

Noite de ROCK en FerROLL

Este venres, despois do pregón de Carlos Blanco, Rosendo e Riff Raff deron o pistoletazo de saída ás festas da cidade. Eran as 23.30 e saían ao escenario os coruñeses reivindicándose coma os "fillos bastardos non recoñecidos dos mesmísimos AC/DC". Durante os seguintes 45 min, sonaron na Praza de Armas temazos coma Hell Bells, Thunderstruck, Back in Black ou Highway to Hell, facéndonos esquencer por momentos, que os de Brian Jhonson levan anos sen dar un concerto.


Axiña chegou o momento que todos agardabamos e Rosendo subiu ao escenario acompañado de Rafa o baixista e Mariano o batería. Comezaron con Agradecido, un clásico que foi unha delicia para todos os que alí estabamos, chegando a haber momentos no que a voz de Rosendo era desprazada polos coros do público. Por se fora pouco, o tema que lle seguiu non foi outro que El asa del cubo, mantendo así o estado de extase que comezara con Agradecido. Continuou un con
certo no que se combinaron á perfección cancións do novo disco como Harto, A donde va el finado, Date por disimulao ou Quien le mece la hamaca, con temas xa consagrados da talla de Flojos de Pantalón, Navegando, Loco por Incordiar, La Fauna ou Masculino Singular. Mesmo houbo tempo para facerlle un guiño á cidade e tocar Listos para la Reconversión. Tras case dúas horas de concerto, Rosendo e os seus retíranse do escenario por primeira vez, pero terán que volver a saír porque os que estabamos no público queriamos máis. Era o momento de tocar dúas das súas cancións máis significativas, Maneras de Vivir (da época Leño) e Pan de Higo. Finalmente, volve a saír e toca o tema que abre o seu último disco: La Triste Cagalera.

Despois de ver un espectáculo coma este, cada vez estou máis convencido de que o rock´n roll ten nome propio e chámase Rosendo. Máis de 30 anos ao pé de canón, manténdose fidel a un estilo moi persoal, mostrando unha profesionalidade exemplar en cada concerto e representando á perfección o espírito do verdadeiro rock. Unha actuación de Rosendo non deixa a un indeferente, malia sempre crer que lle quedou algunha canción no tinteiro. No meu caso, estou desexando velo tocar Del Pulmón, pero xa van tres bolos nos que me quedo coas ganas. En fin, a Rosendo todo se lle perdoa.

Los Tigres del Cañotas: a brutalidade ven de Fene

Para moitos dos que acababamos de ver a Rosendo, a festa continuaba no CBC. Os feneses Los Tigres del Cañotas estaban rematando unha actuación que xa comezara ás 11 da noite. Malia todo, aproveitamos para escoitar un bó puñado de cancións entre as que cómpre destacar El Macarra, Sexo en Perlío, Relaciones ou Dinio.

Para quen non os coñeza, os Tigres son un grupo de Fene que fan un rock tranquilo cunhas letras frescas, desenfadadas e con moito cachondeo. Un concerto deles son risas aseguradas, polo que aconsello a todo aquel que poida que os vaia ver.

A AVT sigue ás andadas

Após de tentar que o Concello de Santiago vetase o festival Linguas Vivas no que tocaban Fermín Mugurza e Banda Bassotti, a Inquisición do século XXI prepara unha campaña para esixirlle á Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol que prohiba o concerto de Banda Bassotti do vindeiro día 11 de agosto, por "teren tocado có grupo proetarra Negu Gorriak" e por facer "apoloxía do terrorismo".

A verdade non é unha noticia que extrañe, xa que a AVT xa nos demostrou até que extremos está disposta a chegar cando foi o caso do linchamento e censura de Soziedad Alkólika. Neste tipo de actitudes é onde se ve o Estado que queren crear organizacións filofascistas coma a AVT ou Foro de Ermua. Un mundo libre...ou non?




Texto: Xan Guindán
Fotos: Pobreloko

Ler máis...